Con cada novo suceso que sae na prensa faise máis e máis difícil pensar e escribir distopías. Sería inimaxinablemente macabro o escritor que, despois da Segunda Guerra Mundial, se puxese a inventar un futuro estado xudeo que tivese por obxectivo aniquilar unha poboación de diferente relixión para, así, facer seu o territorio que antes era dos outros. Crearían para tal propósito o maior cárcere a ceo aberto do planeta co que tronzar as vidas de máis de dous millóns de persoas. Neste futurible retorto, o ministro de defensa deixaría claro o obxectivo do seu bando, a limpeza étnica, ao empregar o termo «animais humanos» para degradar aos seus opoñentes e transmitir a idea de que non son suxeitos dos dereitos universais.
Nunha realidade —a nosa— na que distopía é sinónimo de cotiandade, hai xa ben tempo que seguimos esta historia polas noticias, que se continúa a escribir día a día sen que ninguén free ao sádico guionista. No último capítulo, o bombardeo dun hospital de Gaza cun saldo de cando menos 500 mortos. Israel sae a dicir que non foi o seu exército, que foi Hamás en falsa bandeira. Tampouco permite entrar na franxa para investigar o suceso a xornalistas, ou a ninguén, vaia. A min, que queredes que vos diga, sóame a cando un primo meu, sendo pequeno, pintou con rotus a tele de súa avoa e dixo que o responsable fora un neno que entrara pola ventá; pola venta dun cuarto piso. De todas formas, aínda nun mundo no que os cativos voan e Israel non é un Estado xenocida, que clase de país negaría a entrada inmediata de axuda humanitaria a un lugar cunha poboación civil nunha situación tan crítica como a de Gaza? Só por este feito, aínda no caso de ser Hamás quen borrase do mapa o hospital, Israel sería responsable da catástrofe humanitaria, non xa por omitir o deber de socorro, senón directamente por asedio. Asedio, esta é a palabra exacta para describir o leva facendo Israel co pobo palestino dende a súa fundación —ou invención— no 1948, máis descaradamente agora que nunca dende o corte do suministro eléctrico de Gaza.
E a propósito da invención dun país nunha terra allea, lexitimada pola «vontade divina» do seu santo cu, outra idea creativa da criminalidade sionista: a da organización yihadista Hamás. E é que nos seus primeiros pasos tivo o apoio de (oh, sorpresa!) Israel. Non se trata dunha teoría conspiratoria; cunha busca rápida en Google pódese atopar esta información ata no ABC, cabeceira pouco sospeitosa de radical filoterrorista. Foi nos anos 80 e a motivación non era outra que debilitar a Organización para a Liberación de Palestina (OLP), recoñecida no seu momento pola ONU e mesmo por Israel como representante do pobo palestino. O primeiro en admitir que a corrente fundamentalista islámica recibía axudas de Israel, en marzo do 1981, foi o xeneral israelí Yitzhak Segev nunha entrevista que concedou ao xornalista do New York Times David K. Shipler. «Os fondos eran usados polas mesquitas e escolas relixiosas, co propósito de fortalecer un sector que vai en contra dos esquerdistas pro-OLP», detallaba o entrevistador.
Se este sensentido relixioso con moito sentido xeopolítico fai voar a cabeza, o certo é que a realidade do Medio Este e, en concreto, a de Palestina e Israel, aínda é ben máis complexa. Miguel Anxo Murado achegóunola con Fin de século en Palestina, un libro baseado na súa experiencia como enviado das Nacións Unidas e, despois, como correspondente de guerra. Nos cinco anos que botou foi testemuña da violencia na vida cotiá dos palestinos, nos tempos da «paz de Oslo», e da aínda maior violencia na desigual guerra da Segunda Intifada. O pano de fondo está pintado polo militarismo e o terrorismo (que ao final son o mesmo dende diferentes ópticas), pola ocupación e por moito fanatismo relixioso nunha «Terra Santa» que atrae ao melloriño de cada casa. A realidade abonda para escribir distopías, non cabe dúbida.
Que Fin de século en Palestina siga estando de actualidade dúas décadas despois do que narra non é noticia. A noticia é que o presidente dos EE.UU., despois de coñecer o bombardeo do hospital gazatí, mantivese a súa viaxe oficial a Israel para reunirse co primeiro ministro Netanyahu. Biden mantén no seu discurso, aínda agora, a trapallada da «lexítima defensa de Israel» e di que o ataque «parece que o fixo o outro bando». (Team foi a palabra concreta que empregou, que me leva a pensar máis nun partido de fútbol que nun conflito onde moitas persoas están a perder a vida). Porque a verdade é a que interesa.
Porén, no plano internacional, non só os yankees están apoiando o imperialismo xenocida de Israel. A nosa presidenta da UE, Ursula von der Leyen, viaxou a Tel Aviv para amosar o apoio da Unión sen mención algunha ás vítimas civís palestinas. Fíxoo tomando a inxustiza pola man, sen consensuar a postura cos países membros e extralimitándose nas súas funcións. A esta vergoña internacional súmaselle a de que Ursula von de Leyen non dimitise nin se lle fixese unha moción de censura. Tamén debemos lembrar que nese momento, tras o terrible atentado e secuestros de Hamás (non confundir esta organización con Palestina, porque sería como chamar etarra a toda a cidadanía vasca), a primeira reacción da UE foi suspender as axudas ao desenvolvemento destinadas ás autoridades palestinas, decisión que tampouco foi consensuada e que despois se rectificou.
Tampouco se pode obviar como tratamos aos nosos compatriotas, porque neste conflito hai evacuados en clase business —os que se atopaban en territorio israelí cando estalou o conflito— e evacuados xa non en turista, sen billete de avión. Permitiriamos que Rusia ou China non deixase saír a persoas con pasaporte español dunha zona que está a ser bombardeada? No caso de non poder evitalo, seguiriamos mantendo relacións dipolomáticas con ese Estado ou mandariamos o embaixador de turno de volta para Madrid? Como non teño resposta a estas preguntas e dado que hai españois atrapados en Gaza, só podo facerme unha máis: por que os desencontros entre España e Israel só teñen como motivo unhas declaracións de Podemos, e non o benestar dos nosos cidadáns?
En realidade, é mentira o de só ter preguntas, sabemos ben que a resposta é que Israel é un estado máis dos EE.UU. Perdón, minto outra vez. Non é un estado máis, é un estado clave para controlar o Oriente Próximo, especialmente tras a invasión de Ucraína por parte de Rusia. Isto é así ata o punto de que certa tecnoloxía militar estadounidense non llela venden a ningún outro país do mundo salvo a Israel, para que o seu armamento sexa compatible en caso de ter que actuar de forma conxunta. Entón, o dereito internacional que hoxe debería protexer á poboación palestina e, quizais, mañá a nós, torna en papel mollado.
Algunha vez ao atopar un accidente na estrada téñome preguntado sobre o límite entre a humanidade e a carne. Co violentísimo atentado de Hamás e o longo xenocidio palestino de Israel tiven a impresión de que non existía tal fronteira. Murado escribía en Fin de século en Palestina: «O xornalismo é un intento de dar sentido á actualidade». Pero leo as noticias e non atopo lóxica algunha. Quizais, na inmediatez do horror, o único positivo sexa a sorte de aínda espantarse do espantoso.