O Sergas comunica por móbil aos pacientes canto custa a súa asistencia médica pero non cando serán atendidos

A Coruña.- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) atopou unha nova forma de falar da sanidade pública cos seus pacientes: poñerlle prezo. Desde esta semana, a aplicación para teléfonos móbiles Sergas Móbil permite consultar canto lle imputa o sistema sanitario galego á atención recibida por cada usuario. A nova función, presentada por Alfonso Rueda como unha medida de «transparencia», mostra o custo de consultas, probas, tratamentos e outras actuacións sanitarias. O que non ensina, en cambio, é algo que para moitos pacientes resulta bastante máis útil: en que posición están nas listas de espera e cando serán atendidos. No apartado correspondente, a aplicación pode limitarse a mostrar a mensaxe «Cita pendente».

A Xunta anunciou o 14 de setembro a incorporación desta funcionalidade ao portal É-Saúde, dentro de Sergas Móbil, unha aplicación que utilizan xa máis de 2,3 millóns de galegos. A Administración sostén que os importes teñen carácter exclusivamente informativo e que non constitúen unha factura nin modifican o dereito a recibir asistencia sanitaria. Os prezos proceden fundamentalmente do decreto de 2014 que fixa as tarifas dos servizos sanitarios do Sergas para determinados supostos de facturación a terceiros obrigados ao pagamento.

Os primeiros datos permiten facerse unha idea da factura teórica que a Administración asigna a cada acto sanitario. Unha primeira consulta médica de atención primaria custa 69,24 euros; unha consulta de enfermaría, 14,52; e unha analítica completa, 180 euros. En atención especializada, unha primeira consulta ambulatoria ten unha tarifa de referencia de 175,09 euros no decreto, mentres que a información que xa aparece na aplicación sitúa determinadas consultas hospitalarias arredor dos 107 euros. A asistencia nunha urxencia hospitalaria sen ingreso son 361,59 euros e a dun punto de atención continuada, 256,87 euros.

Máis de 1.300 euros por un PET

A relación amplíase tamén ás probas diagnósticas. Unha placa periapical ou oclusal son 25,23 euros, mentres que unha tomografía por emisión de positróns (PET, polas súas siglas en inglés), 1.323,16 euros. Unha resonancia magnética simple custa 691,29.

En cirurxía, o contraste entre as cifras e a experiencia do paciente resulta máis rechamante: 373,29 euros como tarifa para unha intervención de cirurxía menor ambulatoria e, dentro da cirurxía maior ambulatoria, procedementos que van desde 744,58 euros para algunhas intervencións ata 4.542,79 euros para unha biopsia hepática infantil con anestesia xeral. O mesmo decreto contén procedementos especiais e transplantes con importes moi superiores, aínda que a Xunta anunciou que a información sobre hospitalización, farmacia hospitalaria, próteses e outras prestacións se incorporará progresivamente á aplicación. Non todas esas tarifas forman parte, polo tanto, do que o paciente pode consultar hoxe en Sergas Móbil.

Manuel Marín, presidente de SOS Sanidade Pública: «Hai un intento evidente de transformar a sanidade nun negocio e de mercantilizar as relacións sanitarias»

A cuestión que formula esta nova funcionalidade non é se a cidadanía ten dereito a coñecer canto custa a asistencia. Teno. O artigo 9 da Lei de Saúde de Galicia, aprobada en 2008 baixo o Goberno bipartito de PSOE e BNG, recoñece expresamente o «dereito a solicitar e a obter información comprensible e adecuada sobre o custo das prestacións e servizos de saúde recibidos». O problema está na disparidade entre esa información económica, que a Xunta decidiu facer visible agora de forma individualizada, e a información sobre os tempos de acceso á propia asistencia. Na web do Sergas existen ferramentas para consultar as citas pendentes e as listas de espera hospitalarias, pero a experiencia que ofrece a aplicación ao usuario pode quedar nese lacónico «pendente», sen posición nin data concreta.

Manuel Marín, médico e portavoz de SOS Sanidade Pública, interpreta a estratexia da Xunta de informar dos prezos dos procedementos sanitarios dentro dunha operación máis ampla. «Hai un intento evidente de transformar a sanidade nun negocio e dar entrada aos fondos de investimento no pastel do gasto público en sanidade, que é moi goloso», afirma. Marín sostén que «para logralo teñen que mercantilizar as relacións sanitarias e converter os pacientes en clientes» e considera que «poñerlle prezo aos procedementos é unha maneira de dicirlle á cidadanía que a sanidade é un favor, un agasallo». «Pero non nos están regalando nada», engade. «Están xestionando os nosos cartos, e están xestionándoos mal; en Galicia, a sanidade está depauperada e nalgúns casos e lugares, como sucede coa atención primaria, case desmantelada».

«Agradecidos e sen protestar polas listas de espera»

Fernando Abraldes, portavoz da Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, considera que a Xunta está poñendo o foco na parte menos relevante para quen espera atención. «O dereito a coñecer os custos dos procedementos sanitarios está recollido nunha lei de hai 18 anos», lembra. Ao seu xuízo, a cuestión central é o relato que acompaña agora esa información: «O argumento que subxace é que os tratamentos son tan caros que os pacientes non poderiamos acceder a eles se tivésemos que pagalos nun hospital privado», e que, polo tanto, debemos estar agradecidos e sen protestar cando nos fan esperar semanas para unha cita en atención primaria ou meses e anos para unha consulta cun especialista, unha proba diagnóstica ou unha intervención cirúrxica.

Abraldes advirte de que «a Xunta non lle está facendo un favor» ao cidadán cando a sanidade pública o atende; trátase dun dereito fundamental cuxo cumprimento ten a obriga de garantir: «Ese dereito sostense cos cartos que saen dos nosos impostos, das nosas cotizacións á Seguridade Social». O portavoz da asociación de pacientes vincula ademais a discusión sobre a aplicación coas garantías de acceso á asistencia e sostén que «outra lei do 2004 prohibe que os pacientes estean á espera de que lles dean unha cita para atendelos». Por iso considera «absolutamente irregular» que nas axendas do sistema aparezan citas como «pendentes»: «Non pode habelas, ten que haber unha data».

Fernando Abraldes, portavoz da Asociación de Pacientes de Santiago: «O dereito á sanidade non é un favor, sostense cos cartos que saen dos nosos impostos, das nosas cotizacións á Seguridade Social»

O asunto cobra especial relevancia porque os últimos datos oficiais de listas de espera dispoñibles son os correspondentes ao 31 de decembro de 2025. O Sergas mantén actualmente na súa web esa data como a última publicación tanto para consultas externas como para probas diagnósticas e cirurxía. É dicir, a 18 de setembro de 2026, a estatística pública de referencia segue tendo case nove meses de antigüidade. Público-Luzes preguntou á Consellería de Sanidade, dirixida por Antonio Gómez Caamaño, polo atraso na actualización destes datos e pola ausencia dunha información equivalente sobre a situación individual dos pacientes na aplicación. No momento de pechar esta información, a Consellería non respondera.

Empeoramento

Os datos que si publicou o Sergas a finais de 2025 mostraban un empeoramento respecto do semestre anterior nalgúns indicadores. O balance presentado pola Xunta en marzo de 2026 situou en 49.554 os pacientes pendentes dunha intervención cirúrxica a 31 de decembro e elevou a 72,8 días a espera media para operarse, seis días máis que seis meses antes. Outras 205.248 persoas agardaban nesa data para seren atendidas por un especialista, cunha demora media de 62,6 días (seis meses antes eran 60,8 días). Para unha proba diagnóstica, había 378.749 usuarios anotados cunha espera de 97,8 xornadas, dez máis que en xuño dese ano. En total, case 379.000 pacientes esperando, un 6% máis en seis meses. A Xunta atribuíu parte da deterioración ás folgas de sanitarios e ao seu impacto sobre a actividade asistencial.

A oposición, sindicatos e asociacións profesionais e da sociedade civil organizada alertan de que a situación da sanidade é crítica, un argumento que a Xunta e o PP rexeitan de plano. Aínda que o contexto recente non sustenta esa tese. Esta mesma semana, un xulgado condenou o Sergas a indemnizar con case 300.000 euros a familia dun home que morreu en 2018 nun punto de atención continuada (PAC) da Estrada (Pontevedra) sen recibir atención médica porque non había ningún facultativo dispoñible. O pasado 9 de setembro, a Confederación Intersindical Galega, o maior sindicato de Galicia, denunciou o colapso do hospital de Monforte (Lugo). Os quirófanos de traumatoloxía foron suspendidos por falta de camas, as plantas mantiveron durante o verán ocupacións de entre o 90 % e o 100 % e Urxencias chegou a atender ata 90 pacientes nun día sen reforzo de persoal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail