A Coruña.- A morte o pasado 28 de agosto do editor coruñés Santiago Rey, propietario de La Voz de Galicia, deixou orfo o diario máis lido da comunidade, un dos máis influentes de España e o que máis contribuíu a construír a imaxe política de Alberto Núñez Feijóo para elevalo á primeira liña da política estatal.
Para quen o admiraba, como moitos dos seus empregados, amigos e lectores, Rey era un patrón á antiga; un cacique de libro, con todo, para os seus detractores. Para todos, un home extremadamente poderoso cuxa desaparición ensombrece a continuidade do seu legado e ameaza a estabilidade do seu conglomerado empresarial e a posición hexemónica do seu xornal como instrumento de creación de opinión pública. Do seu testamento, que se abrirá probablemente nos próximos días, podería depender a recomposición do ecosistema mediático e do mapa de influencias do establishment empresarial de Galicia.
«O que esperamos é que fixera máis ou menos o que sempre dixo que ía facer, é dicir, deixar La Voz de Galicia á Fundación, aínda que sempre dixo que o faría en vida, e non o fixo», explica un directivo da casa moi próximo á contorna do editor desde hai tres décadas e que prefire gardar o seu anonimato. Refírese á Fundación Santiago Rey, a entidade supostamente benéfica que o presidente do grupo creou en 1997 e que refundou en 2001 tras expulsar da empresa os seus fillos para impedir que puidesen herdala. No seu padroado están (ou estiveron) representadas, algunhas de forma honorífica, as empresas máis importantes de Galicia: Caixa Galicia e a súa herdeira Abanca, Inditex, Pescanova, Fadesa, Gadisa, Coren, Einsa…
La Voz de Galicia foi fundada en 1882 polo político liberal republicano Juan Fernández Latorre, avó de Rey, quen un século despois se fixo coa propiedade do xornal e ampliou a súa porcentaxe inicial, do 24,25%, para adquirir paulatinamente todas as participacións que estaban entón repartidas entre os seus tíos, irmáns e curmáns. Fíxoo mediante varias operacións nas que chegou a ameazalos con promover ampliacións de capital que diluirían o valor das súas accións.
A morte do seu irmán
Rey, fillo do xornalista Emilio Rey Romero e da escritora e política conservadora María Victoria Fernández-Latorre, chegou á presidencia da empresa de maneira accidental tras a morte repentina do seu irmán, en quen os seus pais e o resto da súa familia depositaran a xestión e dirección da compañía. El era licenciado en Dereito, unha carreira que, segundo fontes próximas á familia, tivo que terminar en Granada despois de que se lle atascaran varias materias na Universidade de Santiago.
Un dos estudantes que coincidiu con el naquela época, pai dun traballador da Voz, contaba que Rey adoitaba regalar gravatas caras a un catedrático que encomiou un día en clase a elegancia da súa vestimenta. «Non se trataba co populacho, case non ía a clase; tampouco lembro velo nos exames daquela materia que, por suposto, aprobou con nota», lembra esa fonte, que tamén coincidiu co editor durante os anos en que prestou o servizo militar obrigatorio: «Non se mesturaba coa tropa, tiña un barracón para el só e dous soldados asignados ao seu servizo. Parece ser que a amizade da súa nai con Carmen Polo [a muller do ditador Francisco Franco] lle aseguraba un trato especial», engade.
As crónicas que nas últimas semanas glosaron a figura de Rey atribúenlle un papel épico no proceso de aperturismo político tras a morte do tirano, pero o certo é que antes e durante a ditadura La Voz foi un xornal franquista. Sometido a censura como o resto de diarios, mantivo unha liña editorial apegada ao réxime e sen indicio de crítica ou mención algunha ás sanguinarias matanzas que os fascistas perpetraron en Galicia. La Voz mesmo formou parte do Xunta pro Pazo, que os partidarios de Franco impulsaron en plena Guerra Civil para organizar as colectas forzadas que recadaron o diñeiro co que se simulou a suposta compra do Pazo de Meirás para regalarllo ao ditador.
Tras a Transición política e durante os anos 80 e 90, La Voz consolidouse como o maior periódico de Galicia, grazas a unha tupida rede de redaccións e edicións locais que competía con éxito co resto da prensa rexional; e unha liña editorial solapada cos intereses das grandes empresas e do poder político. Iso garantía a Rey relacións privilexiadas e cuantiosos ingresos por subvencións, créditos bancarios, publicidade institucional e convenios, fose da cor que fose o poder: a favor de Paco Vázquez na Coruña; sustento de Manuel Fraga en Galicia, morno con Felipe González, primeiro, e apoio a José María Aznar, despois, no Goberno do Estado… Sempre enxalzando á monarquía e a Juan Carlos de Borbón, con quen Rey se xactaba de manter unha íntima e confidente amizade.
«Amei o meu presidente»
As necrolóxicas publicadas estes días por quen querían de verdade a Santiago Rey —«Amei ao meu presidente», confesou recentemente o director do diario, Xosé Luis Vilela, nun sentido artigo publicado tras a súa morte— atribúenlle tamén unha irredenta defensa da cultura e do idioma de Galicia. Un argumento que non resiste o contraste coas evidencias en contrario: tras décadas recibindo axudas millonarias para fomentar o uso do galego nas súas páxinas, especialmente durante os gobernos de Feijóo e Alfonso Rueda, o diario segue ofrecendo en castelán a abafadora maioría das súas informacións e pezas de opinión.
Foi naquela época, entre a Transición e finais do século pasado, cando Rey labrou esa imaxe de empresario paternalista e de exemplar editor independente, encarnación dun «señorío», como lle gustaba que os demais definisen a súa personalidade, que para moitos de quen o coñeceron camuflaba en realidade o carácter dun vulgar «señorito» franquista, criado entre as almofadas da burguesía adiñeirada máis próxima ao ditador.
Antes e durante a ditadura , La Voz foi un xornal franquista que mantivo unha liña editorial apegada aos intereses do réxime
En 1997, o editor decidiu deixar a xestión da súa empresa en mans do seu fillo menor, Emilio, a quen nomeou conselleiro delegado e editor, e de Santiago, o maior, a quen asignou unha vicepresidencia no grupo. Baixo mando de Emilio Rey, La Voz converteuse en Grupo Voz e emprendeu unha agresiva etapa de expansión e crecemento: comprou varios xornais noutras comunidades, converteu a súa emisora de radio nunha cadea estatal, creou unha exitosa división audiovisual que producía programas e series para distintas cadeas, fundou unha escola de medios… Ata adquiriu un avión privado que alugaba a directivos doutras grandes compañías cando os seus non o usaban e do que o seu pai se desfixo máis tarde, mesmo gañando diñeiro coa súa venda.
En 2001, o divorcio de Rey da súa primeira esposa, Celia Berguer, unha coruñesa austera que sempre fuxiu do ruído social que acompañaba ao seu marido, converteu en irreconciliables as diferenzas do editor cos seus fillos, que contaban cada un con pouco máis do 4% das empresas do grupo mentres a súa nai mantiña ao redor dun 37%. Rey emprendeu entón unha campaña soterrada de boatos e noticias falsas destinada a desacreditar os seus vástagos. Acusounos de deixar á compañía nunha situación crítica que o obrigaba a unha inminente ampliación de capital de 60 millóns de euros, cuxo financiamento tiña pactado de antemán co daquela director xeneral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. Esa operación estaba destinada, de novo, a diluír o valor das súas participacións.
Manobras coa banca
As citadas fontes próximas aos Rey Berguer aseguran que estes tentaron acudir á ampliación, pero que o seu pai «manobrou para que nin Caixa Galicia, nin Caixanova, nin ningún outro banco os financiasen». «Todo era mentira. A proba de que a empresa non estaba mal e de que non precisaba a ampliación de capital é que non só non houbo que inxectar ese diñeiro, senón que o que acabou financiándolle Méndez a Rey foi a recompra das accións» de Celia Berguer e os seus fillos, engaden.
José Luis Méndez, quen desde entón gozou dun tratamento exclusivo nas páxinas da Voz, foi a cabeza do equipo xestor que arruinou Caixa Galicia e que obrigou o Estado a intervila despois de que a Xunta de Feijóo, coa axuda da presión mediática do xornal, forzara a súa fusión con Caixanova para tratar de impedilo. Rey defendeu a Méndez ata o punto de enviar en marzo de 2010 un dos seus xornalistas a unha reunión do consello de goberno do Banco Central Europeo en Frankfurt, coa inaudita pretensión de que o correspondente trasladase ao entón gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, a opinión do editor sobre a inconveniencia de intervir a caixa.
Os boatos sobre a situación da Voz, alentados polo círculo directivo de Rey a principios dos anos 2000 e nunca desmentidos por este, fixeron crer a parte do persoal que os seus fillos non só levaran á firma ao bordo da quebra, senón que ademais foran indemnizados con cantidades millonarias, o que as fontes próximas á familia desmenten. Tamén intoxicaron co falso argumento de que pactaran co seu pai o apartamento da herdanza que lles correspondía, o que se coñece como «a herdanza en vida». Iso non sucedeu ata hai tres anos.
«O seu pai dedicou o final da súa vida a facerlles dano. Ao contrario que o resto de Galicia, eles non están pendentes do testamento, porque a estas alturas non lles importa en absoluto. Pero si están convencidos de que non vai haber ningunha sorpresa», conclúe a citada fonte.
Luzes-Público contactou con Emilio Rey e co seu irmán, Santiago, para contrastar os feitos e obter a súa visión do sucedido, pero ambos declinaron a invitación para facela pública, polo menos de momento. O segundo tamén solicitou expresamente que nin sequera se lle cite neste artigo, o que resulta incompatible co compromiso e a intención deste diario de ofrecer unha versión veraz do narrado.
Censura e inimizades
En canto a aquela campaña de Rey contra os seus fillos, que dinamitou por sempre a súa relación familiar, tamén abriu unha etapa de progresiva agresividade da liña da Voz contra quen o editor cría os seus inimigos. Ordenou minimizar ou censurar a aparición no diario de personalidades públicas que lle desgustaban, desde Fernando Alonso a Rafael Nadal pasando polo arquitecto que rehabilitou as pallozas do Cebreiro, que era fillo dun director que despedira anos antes. Mesmo forzou a ocultar informacións de relevancia que afectaban o seu novo círculo familiar, como as relacionadas co xeneral Vicente Navarro Ruiz, irmán da súa segunda esposa, Amparo Navarro, condenado por falsear a identificación de cadáveres das militares vítimas do accidente do Yakovlev-64 en 2003, e cuxo procesamento xudicial foi ocultado no diario.
Durante os inicios da crise do Prestige, en novembro e decembro de 2002, La Voz converteuse no xornal de referencia en España. Á marxe da profesionalidade da súa redacción e do equipo que se encargou de cubrir o suceso e as súas consecuencias durante meses e anos, en realidade foi un espellismo que naceu da casualidade. O correspondente no Porto tiña unha moi boa fonte no Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera, cuxos técnicos situaran balizas flotantes con GPS nas manchas da vertedura do barco en alta mar. Ao contrario que o Goberno de Aznar en Madrid e de Fraga na Xunta, que só podían coñecer e informar da súa situación polos informes que lles enviaban as dotacións dos helicópteros, que á súa vez só podían ver o chapapote con luz diúrna ata as cinco da tarde, La Voz podía pechar a súa edición cada noite, moitas horas despois, e advertir con moita máis exactitude de cando e onde ía tocar costa a vertedura.
Cando Aznar enviou a Mariano Rajoy a Galicia a xestionar na crise do Prestige, o primeiro que fixo o entón vicepresidente foi pedir cita co editor de La Voz
Boa parte das acusacións de inoperancia e de mentiras que puxeron contra as cordas a Fraga e Aznar, probablemente contra a vontade de Santiago Rey, e que acabaron dando pé ao movemento Nunca Máis, derivaron daqueles titulares. Cando Aznar enviou a Mariano Rajoy a Galicia a xestionar a crise, o primeiro que fixo o entón vicepresidente do Goberno foi pedir cita co editor de La Voz. Ao día seguinte, os mandos intermedios transmitiron á redacción que a liña editorial sobre o tema cambiara. Mesmo se prohibiu utilizar o termo «mancha de chapapote». Como moito, «galletas», ou mellor aínda, «lentellas» de fuel.
A redacción mais anella xa coñecía esas practicas, e a máis nova acomodouse a esas maneiras, que chegaron mesmo a forzar a publicación de informacións críticas e mesmo de descrédito cara a calquera que se cruzase nos intereses ou apetencias persoais, políticas e empresariais de Rey: o presidente do Deportivo, Augusto César Lendoiro; o director xeral e presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero; Xulio Ferreiro, que o foi da Coruña con Marea Atlántica; Nunca Máis; a directiva do elitista Club de Golf da Coruña; o que foi vicepresidente da Xunta no Goberno bipartito de PSOE e BNG, o nacionalista Anxo Quintana…
Lei de herdanzas
O bipartito (2005-2009) tamén se dobrou ao editor cando este presionou para que en 2006 se cambiase a lei de dereito civil de Galicia para reducir dun terzo a un cuarto a parte da herdanza que o testador debe obrigatoriamente legar aos seus herdeiros lexítimos —a «lexítima»—. «Quería minimizar os dereitos hereditarios dos seus fillos. E aínda que pareza mentira, conseguiuno», explican as fontes consultadas por Luzes-Público. «Santiago Rey tiña poder, quizais menos do que el cría, pero moito máis do que algúns pensan», engaden.
Foi precisamente a caída do Executivo de Quintana e do socialista Emilio Pérez Touriño a que abriu as portas da Xunta a Feijóo, quen se fixo co favor de Rey ao garantirlle ingresos millonarios con cargo ao orzamento público mediante axudas directas, publicidade institucional, convenios a dedo e outras ferramentas, que suman preto de 50 millóns de euros en 15 anos, e que Rueda segue alimentando hoxe en día. A cambio, La Voz —que segue sendo xunto coa Televisión de Galicia o único medio galego con capacidade real para abrir, conducir e pechar calquera debate público— puxo ao dispor de Feijóo o deseño desa figura de xestor eficaz, moderado e dialogante que levantou á política estatal ao actual líder do PP.
La Voz e a súa sociedade de cabeceira, Corporación Voz, que agrupa ademais media ducia de empresas —entre elas a que edita La Voz de Asturias, as filiais de radio e televisión, a produtora audiovisual, o instituto de demoscopia e a empresa que xestiona a rotativa e a planta edición— son cada vez máis dependentes das axudas públicas da Xunta e do financiamento bancario.
O diario conseguiu posicionarse como o terceiro xeneralista de papel de España con máis lectores despois de El País e El Mundo, segundo a Asociación para a Investigación de Medio de Comunicación. Pero a crise do sector esborrallou drasticamente as vendas de exemplares. A súa difusión, que chegou a superar sobradamente os 100.000 número diarios a mediados da década dos 2000, nin sequera chega agora aos 30.000, e moitas xornadas, segundo fontes da redacción, queda por baixo dos 20.000.
Escasos beneficios e moita débeda
As contas depositadas pola empresa no rexistro mercantil indican que a cifra de negocios se foi reducindo ano a ano, ata o punto de que o balance de 2023 de Corporación Voz SLU e as súas Sociedades Dependentes reflicte un resultado consolidado de pouco máis de 11.000 euros, con débedas moi elevadas: o pasivo ronda os 23 millóns de euros, dos que máis de 14 millóns son pasivo corrente; é dicir, débedas e obrigacións de pago con vencemento inferior a un ano.
Segundo os informes de xestión consultados por Luzes-Público, os beneficios da corporación antes de impostos e intereses —o EBIT, nas súas siglas en inglés, un concepto que se utiliza como indicador da rendibilidade empresarial— rexistran máis de 85.000 euros de números vermellos; isto é, 50.000 euros máis que os -35.000 cos que a compañía pechou o exercicio de 2022 . De feito, Rey cobrou o ano pasado 649.178 euros en concepto de dividendos que foron repartidos non con cargo aos beneficios, que non os houbo, senón ás reservas da empresa.
Máis aló da súa situación financeira, La Voz de Galicia segue sendo un instrumento enormemente rendible desde o punto de vista político e financeiro
Con todo, máis aló da súa rendibilidade financeira e a pesar de que a súa capacidade de influencia xa non é a que foi, La Voz segue sendo un instrumento enormemente rendible desde o punto de vista político e financeiro para as elites de Galicia, que viron reforzadas as súas conexións co poder político en Madrid a través de Feijóo e do círculo que o rodea na capital do Estado. En canto ao persoal, os traballadores, habituados a unhas relacións laborais cimentadas en moitos casos na devoción cara ao patrón, temen que a desaparición de Rey e o paso da propiedade á Fundación poida derivar nun proceso de decadencia que acabe coa venda do xornal ou nunha partición do grupo que provoque máis despedimentos e rebaixas salariais.
«Ninguén quere que cambie nada», asegura unha das fontes consultadas por este xornal, ante a pregunta de se haberá cambios substanciais na estratexia empresarial ou na liña editorial se o testamento de Rey confirma o que todos pensan e desexan. «A Fundación non pode nin debe dirixir o xornal, pero si ten que manter o legado do presidente», engade outra das persoas vinculadas á empresa consultadas para esta peza.
Patróns
O padroado da Fundación está formado por unha maioría de persoas ás que se supón un férreo compromiso coa defensa da memoria de Santiago Rey, como o seu director, o xornalista José Francisco Sánchez; o director xeral da Corporación, o tamén xornalista Lois Blanco Penas; o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago e editorialista do diario, Roberto Blanco Valdés; o secretario xeral, Manuel Areán Lalín; e o médico persoal de Rey e presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán Sánchez.
Poucos meses antes de morrer, o editor converteu tamén en patróns á súa terceira esposa, Salomé Fernández-San Julián, chamada a asumir a presidencia da institución, e a Xosé Luis Vilela, que obtería con ese cargo unha merecida e honrosa saída ás súas case dúas décadas de lealdade á fronte da dirección do diario.
Tamén forma parte do órgano reitor da entidade José Arnau Sierra, vicepresidente de Inditex e conselleiro dominical da compañía téxtil en representación do seu fundador, Amancio Ortega. Arnau é a man dereita da esposa de Ortega, Flora Sáez, e da súa filla Marta, a presidenta do grupo, que ten na Voz uno dos principais aliados para a difusión das súas actividades de mecenado e para a construción da súa imaxe pública, nun estilo que o seu pai nunca se preocupou de traballar.
Ademais, son tamén patróns de honra o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, o banqueiro venezolano que acabou facéndose coas caixas galegas grazas á mediación de Feijóo; e Roberto Tojeiro, propietario de Gadisa, líder do sector da distribución en Galicia. Abanca é a principal acredora de La Voz de Galicia e Gadisa, un dos seus mellores anunciantes. Eles tampouco queren sorpresas no testamento de Rey.