O galego, o català e o eúscaro volven ao debate europeo con escasas posibilidades de quedar

A Coruña.- Os ministros de Asuntos Exteriores da Unión Europea debaten este martes en Bruxelas a proposta española para converter en linguas oficiais da UE o galego, o catalán e o eúscaro. Unha posibilidade máis que remota polos antecedentes de casos similares e as reticencias de moitos dos socios.

O pasado 17 de agosto, o Goberno español remitiu a Bruxelas a solicitude oficial para que o Consello de Asuntos Xerais, que conforman os chanceleres dos vinte e sete, debata e no seu caso aprobe a modificación do regulamento de 1958 que establece o réxime lingüístico da Unión, para que os tres idiomas cooficiais de España o sexan tamén nas institucións comunitarias.

A proposición é froito do acordo do Goberno en funcións e Junts per Catalunya para facilitar o nomeamento da socialista Francina Armengol como presidenta do Congreso, que incluía tamén habilitar o emprego deses idiomas na Cámara Baixa. Parece improbable que poida saír adiante.

«As posibilidades son máis que remotas, por non dicir nulas», aseguran fontes españolas coñecedoras do funcionamento da UE e da posición de sobre o tema do resto de gobernos.

A maioría de países «non están dispostos a aceptalo» .

«Moitos cren que abrir a porta á oficialidade ao galego, o catalán e o eúscaro lexitimaría peticións similares respecto a outros idiomas minorizados nos seus propios territorios, e non están dispostos a aceptalo», sinalan.

Na UE hai hoxe 23 linguas oficiais –a última en adquirir ese rango foi o croata, en 2003–. Pero dentro da Unión hai máis de 40 millóns de persoas que teñen como lingua materna outros idiomas minorizados e non oficiais na Unión, que forman ao redor de medio centenar de comunidades lingüísticas e con diversos rangos de recoñecemento nos Estados nos que se usan: bretón, corso, frisón friulano, occitano, ladino, lombardo, romaní, sami, sardo, sorabo…

Intérprete nunha cabina do Europarlamento / Foto: PE

Non é a primeira vez que España tenta que as linguas oficiais das súas tres nacionalidades históricas o sexan tamén na UE. Foi en 2004, cando a coalición CiU, da que Junts é herdeira, presionou ao Goberno que acababa de formar o socialista José Luis Rodríguez Zapatero para que levase ese debate a Bruxelas.

Entón, varios socios responderon que era unha incongruencia que se o galego, o catalán e o eúscaro non eran oficiais en todo o territorio español pretendésese que si o fosen na Unión.

O 13 de xuño de 2005, o Consello de Asuntos Xerais dos vinte e sete debateu e rexeitou aquela proposta, similar á que se exporá este martes. «A posición dos socios non vai variar agora», asegura outra veterana fonte diplomática con experiencia nas negociacións comunitarias. Lembra, ademais, que o regulamento sobre o réxime lingüístico de 1958 só pode ser modificado por unanimidade, de forma que un só país pode vetar a proposta.

Suecia e Eslovaquia adiantan o seu rexeitamento

Eslovaquia foi a primeira en adiantar o seu rexeitamento recorrendo ao argumento de que España debería de resolver antes os problemas de oficialidade das súas linguas dentro do seu propio territorio antes de exporllo á UE. E Suecia acaba de insinuar que tampouco a apoiará: a súa ministra de Asuntos Europeos, Jessika Roswall, lembrou o pasado mércores «as consecuencias legais e financeiras» que tería abrir esa porta e engadiu que estas deben ser analizadas «minuciosamente».

O que si logrou Zapatero en 2005 foi que a UE admitise o uso das linguas cooficiais de España en circunstancias limitadas: nas reunións dos consellos de ministros onde a representación española fose asumida por presidentes ou conselleiros das tres comunidades autónomas afectadas, e para as comunicacións cidadás co Parlamento Europeo. E a condición de que a loxística e os custos de tradución e interpretación fosen asumidos polo Estado español.

Para que as linguas oficiais de Galicia, Catalunya e Euskadi logren o status de oficialidade na UE debería abrirse un longo procedemento que podería demorarse anos. Como sucedeu en 2005, o debate podería volver apagarse e permanecer durmido ata que a conxuntura política española volva trasladalo a Europa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail