A maldición de Carmiña Burana

Conselleiros anunciando recitais de «rock-poc» e Feijóo concedendo medallas aos «Tis-che-tain»… As patadas verbais á cultura e á lingua son unha tradición en Galicia

A Coruña.- A metedura de pata do alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, anunciando en Twitter a actuación de Carmina Burana no Retiro coma se o título da obra de Carl Orff correspondese en realidade unha cantante, ten antecedentes en Galicia.

Xesús Pérez Varela, conselleiro de Cultura na época de Manuel Fraga, cometeu un erro similar cando convocou á prensa fronte a un despacho de billetes do Auditorio de Santiago para que o fotografaran comprando unha entrada dun dos concertos que organizaba o seu departamento.

Cando lle preguntaron cal elixira, tamén se inventou a existencia dunha diva galega: «O de Carmiña Burana». «Unha das boas cantantes que ten este país», engadiu, deixando claro, por se había algunha dúbida, que non se tratou dun acto errado.

Parecía parte do guión de Airbag (Juanma Bajo Ulloa, 1997), do de Pazos, o sicario galego que interpreta Manuel Manquiña en  -si, o de «o conceto» e as «hondonadas de hostias»- . Outro referente era José María Caneda, aquel presidente do Compostela que o mesmo alertaba de que estaban a poñer ao seu club «entre la espalda y la pared» [en español] que anunciaba feliz en pretemporada que xa tiña lista «a columna vertical do equipo».

No ámbito deportivo e no cinema, eses lapsus soan divertidos, pero en boca de quen ten encomendado o coidado da cultura e o idioma, quedan bastante peor.

Pérez Varela foi conselleiro durante oito anos, nos que deixou un hilarante rastro de confusións similares. No Parlamento de Galicia masculinizou á cantante irlandesa Sinead Ou’Connor e se referíu a el-ela como «Ocono». Un xornalista amante da música clásica aínda lembra dos seus tempos de redactor de Cultura cando o conselleiro lle anunciou en exclusiva no seu despacho que estaba a piques de pechar o concerto de Andrea Bocelli.

– Anda!O tenor cego! -reaccionou con entusiasmo o xornalista.
– Si, si, o mesmo, o tenor grego- respondeu orgulloso Pérez Varela sen advertir o malentendido.

Aquel conselleiro nunca pareceu avergoñarse de inaugurar a maldición de Carmiña Burana, senón que ata a desenvolveu con iluminada exquisitez. Porque non é que non se lle dese ben a música clásica, senón todos os xéneros musicais en xeral.

Cando anos despois presentou os concertos doutro ano santo, xactouse de que a Xunta ía traer a artistas da talla de Lenny «Kragüit», a bandas indie como “Llans” Addiction -por Jane’s Addiction- e a grupos de «música de computador» como Massive “Attrack” -o cantante Tricky era un golfo, pero nin el nin Massive Attack estiveron acusados nunca de atraco a man armada- e os “Seminal” Brothers -a formación de Tom Rowlands e Ed Simons chámase en realidade The Chemical Brothers-.

Non o cren, a que non? Pois é verdade, e a entrevista está colgada en Youtube nun vídeo burlesco no que Pérez Varela anuncia que traerá a outras bandas «de poc-rock ou de rock-poc», como queiran vostedes chamar a ese estilo. Por exemplo, Metallica, aínda que o conselleiro insinúa que non irá velos: «Son moi duros para min», confesa.

A maldición de Carmiña Burana perseguiu a outros responsables da cultura e a lingua galegas, como lle sucedeu a Roberto Varela, primeiro conselleiro de Cultura de Alberto Núñez Feijóo e logo embaixador de España en Uruguai con Mariano Rajoy. Aos poucos meses de acceder ao seu cargo, Varela viaxou a Madrid para glosar en Fitur as marabillas de Galicia, e no seu discurso citou unha ladaíña de lugares con encanto, entre eles «Desván de los monjes (sic)».

O muncipio coruñés famoso pola súa contorna natural e o seu fermoso mosteiro medieval con trasgo chámase en realidade Sobrado dos monxes. Traducilo ao castelán vén ser como preguntar en Málaga por onde cae «Biutifulsí» coa esperanza de que che indiquen como tes que ir a Marbella.

O certo é que, aínda que Varela deu o seu discurso en público, a súa estratexia foi negar a maior, cualificar o suceso de bulo e defenderse agresiva e iradamente no Parlamento de Galicia: «Hai que ser estúpido para crer que eu podo dicir ‘Desván de los monjes‘, dixo literalmente ás deputadas que lle pediron explicacións por traducir ao español os topónimos oficiais en galego de Sobrado e outras localidades.

Se se tivera limitado a recoñecer o erro e pedir desculpas, todo o mundo o entendería porque por entón moitos tradutores en liña de galego estaban en fase beta. Pero, ai!, os que si estaban plenamente desenvolvidos eran os móbiles con cámara, e o gambazo do conselleiro empezou a circular polos móbiles de media Galicia. Si, o vídeo de Varela columpiándose aínda pode verse en Youtube.

A pesar da súa mentira, Varela nin dimitiu nin Feijóo o cesou. Quizá foi un xesto de solidariedade de vítima a vítima da maldición de Carmiña Burana, que tamén perseguiu e persegue ao expresidente da Xunta e presidente do PP. Por certo, que a Feijóo tamén podería aplicárselle outra frase de Pazos-Manquiña en Airbag -«o mesmo que lle digo unha cousa, lle dígo a outra»-. Pero esa é outra historia.

O caso é que non hai constancia de que Feijóo, como facía Pérez Varela, comprase en taquilla as súas entradas para os concertos do Xacobeo, porque a el, como á súa parella e a Juanna Moreno, Alfonso Rueda e outras personalidades do PP, llas regálan en zona VIP. Pero iso non impediu que Feijóo tivese problemas co inglés e os nomes das bandas que afán virar en Galicia.

Hai uns anos, o seu Goberno concedeu unha medalla Castelao -a máxima distinción civil que outorga a Xunta- ao gaiteiro Carlos Núñez e o grupo irlandés ao que adoita acompañar, The Chieftains. Cando o anunciou en rolda de prensa na sede do Executivo galego, Feijóo chamounos priemero «Tis-Che-Tain» e, ao minuto, «a banda Tif-Tain».

Xa, outra vez o mesmo, que non o cren. Pois vexan, vexan, que o vídeo tamén está colgado en Youtube e demostra que Feijóo non tiña nin pajolera idea da quen estaba a distinguir.

A maldición de Carmiña Burana perseguiu sen descanso aos últimos presidentes de Galicia, e non parece diferenciar siglas nin posicións políticas. E se non que llo digan ao socialista Emilio Pérez Touriño, cabeza do Goberno bipartito de PSOE e BNG que precedeu a Feijóo.

Durante o seu mandato creouse un blogue, a Touripedia, destinada, segundo os seus autores, a facilitar o traballo dos xornalistas que seguían ao presidente da Xunta e a descifrar o significado dalgúns termos e expresións que utilizaba na súa particular versión do galego castrapo: «Anda bancha», «artígolo», «autorregalación», «cantratación», «cricimento», «Galucia», «lusafonía», «melgavatio», «momento histérico», «rede interestelar de estradas»…

A Touripedia daba fe dunha erotizante proposta fiscal do bipartito baseada na reforma do imposto «de succións», aínda que a súa entrada estrela é a que recolle como a maldición de Carmiña Burana persegue aos mandatarios galegos máis aló do océano. Sucedeu en Arxentina onde Touriño viaxara nunha xira por América Latina para visitar á diáspora e comprometer o seu apoio e o do seu Goberno á cobertura das súas demandas. O presidente foi tallante coa súa promesa: «Emigrantes, non vos follaréi!».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail