A cultura galega polo prisma do PPdeG

Empanadas en Luintra, liñas de axuda, roldas de prensa e Galicias Futuras. 13 anos con Núñez Feijóo á cabeza da Xunta de Galicia deixan varias tarefas pendentes no eido cultural: unha planificación organizada, un diálogo máis útil cos distintos sectores e a definición dun modelo cultural onde poidan participar as iniciativas medianas e de base. Tamén, a constatación e constante renovación da tese fraguista da cultura como ferramenta política e creadora dunha particular idea de nación.


Poderiamos comezar esta reportaxe falando do Gaiás, da Cidade da Cultura. 300 millóns de euros. Seguramente vostede estivo alí. Estivo alí fisicamente ou a través da televisión, onde os planos do alcumado «vacinódromo» rexistraron as longas ringleiras de xente agardando pola súa dose de Pfizer ou Moderna e, no mesmo xiro de cámara, chegábanse a ver os outeiros e liñas curvas dun buraco negro en gasto cultural que leva presente nas nosas cabezas dende aquel concurso público para a súa construción, alá por 1999. Foi unha época onde, enriba do ladrillo, España ía construír un ostentoso, dourado e marbellí xardín do Edén. Pero para entender estes 13 anos de política cultural non é preciso ollar soamente as cifras megalómanas da Cidade da Cultura ou escoitar as críticas das fontes que traballan día a día dende as editoriais, colectivos, cinema, produción ou táboas do teatro; é preciso entendermos a función da cultura no pensar orgánico do partido que, ata hoxe, ten a maioría absoluta en Galicia, o Partido Popular de Galicia, o PPdeG.

Feijóo na inauguración da exposición en homenaxe a Díaz Pardo «As miradas de Isaac», en novembro de 2020 na Cidade da Cultura.

Os 15 anos de fraguismo, do 90 ao 2005, deixaron unha pegada e un selo de marca do que sería a Galicia daquel futuro soñado: unha relación nacional-popular entre os conservadores e o «ser» galego na literatura da rama piñeirista, a tolerada para o eido progresista –eran os anos do consenso socialdemócrata e democristián en Galicia e Europa– e na política cotiá –non é casual ver a Baltar, presidente da Deputación de Ourense, co pin da serea de Castelao na americana, así como a presenza única da bandeira galega nos actos da deputación– e as festas locais e o ruralismo bucolizado do país entendido coma un «One Nation» disraeliniano, versión noroeste apenoviana. Mais, por riba de todo, está presente unha transversalidade conservadora que soubo ler a importancia de abrir as emisións da Televisión de Galicia un 25 de xullo coa curtametraxe Mamasunción, de Chano Piñeiro. A historia dunha nai cuxo fillo é emigrante. Xosé Luis Barreiro Rivas, entón vicepresidente da Xunta e principal impulsor da creación da CRTVG fusionou, daquela en diante, a nova onda europeizada, vangardista e persoal dos gromos dun novo cinema galego coa visión absorbente duns conservadores que, á inversa dos seus compañeiros no eido estatal, entendían e entenden a práctica política como a asimilación e transformación. Foron os anos nos que Fraga presumiría logo, nas súas memorias, de trasladar a Gerardo Fernández Albor dos «altos cenáculos de Compostela» a «esta vida», en referencia á política de a pé onde o son da gaita estaba presente na mesma sinfonía xunto cos discursos en castelán e galego, a empanada en Luintra e os chourizos nas festas populares de todos os puntos cardinais do país despois da inauguración dunha exposición de arte, un auditorio ou unha presentación literaria. O «populismo gastronómico», como xa o alcumou o pensador Carlos Calvo Varela.

Hoxe é máis notable a impresión da herdanza nacional-popular-burócrata de José Manuel Romay Beccaría nun Núñez Feijóo que, cando aniñou debaixo das súa ás, aínda non chegara á trintena. O reparto de cartas nos nosos días é máis evidente entre o PP de a pé, presente en todo tipo de festas culturais gastronómicas, gastrónomo-literarias e homenaxes culturais que van dende Castelao e Rosalía, pasando por Xosé Filgueira Valverde ata Xela Arias e o PP do barrete, con roldas de prensa e anuncios constantes dende San Caetano ou o Gaiás, nun ámbito normalmente ligado á mocidade ou ás novas tecnoloxías, con exposicións que van dende Galicia Futura ou Galicia de Nós a Nós (ambas programadas dentro do programa do Xacobeo 2021-2022), para anoxo constante da intelligentsia da oposición progresista, que ve como se lle rouba a súa idea de «Galicia». Nun mesmo discurso conviven a maxia da paisaxe e paisanaxe da beleza e delicadeza cunqueiriana do rural cos principios de fría demanda, oferta e unha particular visión do progreso do PP máis urbano: o de náutico, pantalón vaqueiro pitillo e un corte de pelo con algunha greña e patillas estilo Diego Calvo.

Feijóo no Consello da Cultura en 2016.

Comentan os traballadores da cultura, a pegada da absorción constante segue sendo liña de actuación: «Estou fascinado co que programan na Cidade da Cultura dende a Covid, están empregando a Cidade da Cultura como lugar de márketing e anuncios en relación coa cultura. A función é sempre a mesma, ves a Anxo Lorenzo, a Jacobo Sutil… É unha operación publicitaria e ves como están a extraer o valor cultural. Aprópianse das actividades e a visibilidade do noso traballo facendo campañas nas que se van sumando axentes da cultura a estas fotos, un escaparate onde van anunciando distintas medidas. A nivel simbólico é un novo nivel de extracción», relata Javier Martín, artista da danza e da interpretación e unha das voces máis críticas coa deriva actual do Centro Coreográfico Galego (CCG). Esta entidade, sen dirección durante dous anos, viu reducido nun 66% o seu orzamento no 2020, elevando numerosas protestas no sector da danza. «A situación do Centro Coreográfico Galego pasa por un concurso bastante perverso. A persoa que gañou o concurso era precisamente significada no sector pola súa desafección coa danza. Esa persoa é a actual directora do CCG. É unha falta de ética absoluta. O problema máis grave é o que o prego de concurso da Agadic –Axencia Galega das Industrias Culturais– permite que algo así suceda», conta Martín, en referencia á actual directora do CCG, Pilar Portela, inserida no organigrama de Agadic na coordinación de Música e Danza.

A «repartición de recursos» e «falta de política cultural» que menciona Martín coinciden coa visión dos dous directores das principais editoras de libros en galego: Galaxia e Xerais. Francisco Castro, de Galaxia, fai alusión á situación da lingua galega como orixe das preocupacións no sector: «Foron 13 anos moi malos. O sector editorial galego ten unha primeira dependencia, que non é a administración ou o mercado, é a saúde da lingua galega. Se nós collemos o nivel de galegofalantes de hai 12 anos e os que hai agora, se analizamos os estudos da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega constatamos unha perda de falantes terrible. A situación é moi negativa, o cerne absoluto de calquera empresa cultural galega é a saúde da lingua, e é nefasta», alude o vigués, algo no que concorda plenamente Fran Alonso, cabeza editorial de Edicións Xerais: «Está a haber un abandono moi grande nas cidades debido á presión enorme do castelán. Todos aqueles tópicos dos anos 80 e 90 seguen vivos hoxe. Iso significa que a política lingüística foi absolutamente nefasta. A lingua é a base da cultura galega. Non hai un deseño serio e atrevido dunha política lingüística transversal. Coido que isto forma parte da estratexia de facer esmorecer o galego. Isto xa non é abandono, senón unha estratexia que oculta algo tan grande como deixar morrer unha lingua. Temos que reivindicar a conciencia da sociedade civil», argumenta Alonso. Ambos editores están de acordo na necesidade da posta en marcha da Lei do Libro, aprobada por todos os grupos da cámara galega no ano 2006 e parada no tempo polo goberno popular: «Hai un incumprimento xeral da Lei do Libro, as cifras son escandalosas. O 61% da poboación galega é lectora, dese 60 só un 7% le galego de forma regular. A baixada da cifra é un abismo. Denota onde son necesarias as políticas», denuncia Alonso.

Reunión co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

Pola súa banda, o actual secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, disente: «Aí temos visións distintas cos editores. Tivemos que habilitar políticas de auxilio ao sector cultural, pero o sector do libro aguantou moi ben o golpe, seguiuse consumindo literatura. A colleita de premios dos nosos autores a nivel español amosan un músculo literario máis grande. Temos que meter máis recursos? Si. Temos que internacionalizalo máis? Si». García fai balance positivo e recoñece as tarefas pendentes da Administración respecto desta década: «Foron 13 anos de consolidación e moito traballo. A sociedade está moito máis receptiva cara linguas medias, a nosa conta con case dous millóns de falantes. Hai máis receptividade e, ao mesmo tempo, máis dificultade para o seu uso», explica o encargado político da normalización do galego. García sinala que, se ben o ensino ten incidencia no seu uso, o seu foco está nas «novas plataformas» e naqueles que dubidan se falar ou non a lingua propia: «Temos que fixarnos na xente que quere falar galego e non atopa políticas efectivas para apoialos, combater prexuízos e dar pé ás persoas que queren comezar a falar galego. Non podemos pretender unha lingua exclusiva. Moitos falantes non falan galego por cuestións identitarias ou ideolóxicas, ou de coñecemento literario. Fálana porque a consideran unha lingua amable, porque queren ser plurilingües, a súa pouca distancia co portugués, se falas ben galego podes entenderte na lusofonía. Son atractivos que temos que buscar e explorar. É a nosa proba de madureza», detalla o secretario xeral, que quere poñer nota positiva na singularidade do galego respecto das outras linguas minorizadas da súa contorna: «De todas as linguas cooficiais en España, a única maioritaria na poboación é o galego. Somos líderes, o 51% dos galegos falan galego por riba de castelán. O único parlamento onde se fala só a lingua propia é o parlamento galego», sostén.

Manel Cráneo, ilustrador de Banda Deseñada en galego e tamén editor en Demo Editorial, pon o foco na desatención nestes 13 anos do sector da ilustración: «Se quixeran mollarse co sector da ilustración debería haber liñas de axuda específicas. As Letras Galegas teñen repercusión despois de implicar a sociedade tras décadas de traballo», declara. Cráneo afirma que estes anos de goberno «foron un stand by»: «Non somos capaces de montar industria propia cando temos todos os elementos, sobre todo na banda deseñada. Faltan políticas culturais que potencien novos lectores. A banda deseñada é un produto cultural moi bo para transmitir cultura. Dáme mágoa que como editor teña que negociar con editoriais de fóra de Galicia para adquirir os dereitos dun autor galego», sinala o ilustrador, que tamén pon o foco na dificultade de acceder ás liñas de apoio e na situación precaria dos traballadores culturais, na súa maioría autónomos.

Melania Cruz, actriz e cofundadora da compañía IlMaquinario Teatro, reclama unha mellora nas liñas de axuda: «Non tes axudas salvo que teñas un capital previo para poder levar iso adiante, xa que comezan a pagarche despois da produción. Tes que adiantar todo, seguros, contratos, materiais… O importante sería ter unha rede potente de distribución. Chega un momento no que os concellos non teñen cartos suficientes para contratar as compañías», explica a actriz. «Hai casos bos, como o premio Manuel María, onde se adiantan 4.000 euros, que semella unha axuda pequena, pero é enorme, asegurándote xa 30 funcións. Non hai outro premio a nivel autonómico que garanta unha xira por Galicia». A intérprete demanda que a Xunta escoite un colectivo fortemente precarizado e coincide con Manel Cráneo en que é responsabilidade do goberno galego definir unhas liñas claras sobre o que é a «cultura» galega, se se produce ou non aquí e se a súa man de obra é ou non galega: «Habería que ver que consideramos como ‘cinema galego’, axudas que se reciben mediante produtoras galegas, pero con profesionais de fóra, mentres venden que o proxecto é integramente galego. Iso está todo con cartos públicos da Agadic. Que consideramos ‘cinema galego’? Estanse vendendo como produción galega cousas que no material se están a facer fóra. Nin sequera son produtos elaborados en galego. É un debate que temos que abrir nas asociacións que formamos parte do noso audiovisual».

Presentación do festival Escenas do Cambio, en febreiro de 2019 no Gaiás.

No audiovisual da memoria, en semellanza co ocorrido co CCG, pero de xeito máis alongado no tempo, está a situación da Filmoteca de Galicia, antigo Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), en situación de parálise, salvo nos seus ciclos de cine, dende hai unha década. Se no 2006 o seu orzamento era de medio millón de euros, no exercicio de 2020 pasou a 155.000. José Manuel Sande, programador da Filmoteca e membro do padroado da Fundación Luzes, incide en que, se queremos preservar a Filmoteca débense aplicar unha serie de cambios: «Se xa co bipartito se perderon algunhas funcións, co PP perdéronse recursos e contidos. Hai moitos retos para solucionar. Nos últimos anos non hai exposicións, non hai biblioteca aberta para que veñan investigadores. Precisamos ese vencello co mundo académico. O peche da biblioteca é co argumento da falta de persoal, xa que non convocan praza para a dirección». O peche da biblioteca significa perder unha das partes máis relevantes de calquera filmoteca, a investigadora, expón Sande. O experto en cine incide na idea de garantir un proxecto de espazo, a reapertura da biblioteca coa consolidación da investigación e apostar «polo patrimonio, darlle unha relevancia maior e unha maior dotación económica. Non falamos de algo desorbitado, senón cubrir dúas prazas e amplificar a confianza e os recursos nun eido primordial», describe. Como exemplo, a vasca Escola Elías Querejeta, que cumpre as funcións de Filmoteca Vasca co engadido do comisariado cultural e da propia creación audiovisual.

Lois Blanco, crítico e experto en teatro galego, concorda con Melania Cruz na importancia de unificar e mellorar a distribución e ocupación de espazos: «Lembro un coloquio do Culturgal onde interveu xente da deputación de Barcelona; alí ofrecían dinamización do tecido cultural nos concellos que ata o momento non gozaban diso. Isto en Galicia non existe. Precisamos unha rede que promova equilibrar o territorio en oferta cultural. Temos en Galicia concellos con lugares de espectáculo baleiros». Blanco alerta sobre a decadencia nas ganancias das compañías propias do país: «No ano 1998 Roberto Vidal Bolaño montou Rastros, o seu presuposto eran 20 millóns de pesetas, para todo. O propio Roberto cobrou como un millón e medio de pesetas. Isto é moi demoledor, un espectáculo deste tipo estase a facer agora con máximos de 45.000 euros. Directores de escena comentan que o que gastaban antes nun só espectáculo é na totalidade o presuposto actual do Centro Dramático Galego. Con iso fan tres espectáculos ao ano», relata Blanco. O crítico denuncia unha excesiva dependencia do teatro galego do soporte público, cuns teatros que, cando son de titularidade privada, como o da fundación de Abanca no García Barbón vigués, tórnanse «inasequibles».

Un instante da última gala dos Premios Martín Códax da Música, en Pontevedra (imaxe: Músicas ao Vivo).

A visión dende o cooperativismo cultural tamén apunta á necesidade dun plan unificado, unha visión de país comprensible onde poidan medrar as iniciativas de base: «Esta ausencia fai que haxa unha sensación de improvisación e unha desestruturación na que semella que este goberno pode moverse libremente, sen demasiada presión e libre de calquera compromiso», denuncia Manuel Roxo, de Culturactiva, empresa que leva a promoción e axenda de artistas como Mercedes Peón, Luis Iglesia ou Guadi Galego, «un sector que non semella ser estratéxico para o goberno Feijóo, alén do grande evento ou da mera subvención que convirte os axentes culturais, cada vez, en máis dependentes da administración, lonxe de xerar novos espazos novos públicos». Destaca que non aprecian ningunha man de axuda por parte da Administración galega cara a cultura de base, sendo só destacable «o traballo das entidades de fomento do cooperativismo e da economía social galegas, o asesoramento que ofrecen, a realización de charlas e eventos en prol do cooperativismo e das iniciativas polo autoemprego e fomento da economía social», detalla Roxo.

No eido musical, sostén Xiana Lastra, traballadora musical e integrante do grupo A Banda da Loba, a pesar dos deberes pendentes si que se detectan melloras salientables: «Dunha banda diría que dende sempre hai diferentes circuítos, si que se fixo ben dende Agadic cos ciclos de Cultura no Camiño. Algo innovador, tamén no eido das actuacións en salas, xa que se está a intentar regularizar a situación laboral dos músicos e das músicas». Dende Agadic, sostén Lastra, «está a haber apoio» e estase a abrir unha nova vía e unha seguridade para os músicos. Hai tamén, aínda, moitas carencias, sobre todo para o coñecemento da música propia alén das fronteiras de Galicia: «Dende o meu punto de vista non hai suficiente apoio para que a música do país saia fóra. Hai axudas para a distribución, pero son escasas. Non hai circuíto dentro de Galicia, non houbo iniciativa para crear un de calidade. Se nos metemos nos berenxenais do Xacobeo non se aposta pola xente de aquí. Este ano só hai tres bandas galegas, pero con artistas que non producen en lingua galega». En lingua galega, este ano, só están Tanxugueiras e Roi Casal no programa do Xacobeo. «Parece que só se pon en valor o que vén de fóra. Está claro que os grupos de aquí non van poder sumar xente se non están promocionados para que a xente os coñeza. Está claro que non hai mínimos de presenza de música en galego. Como institución, a Xunta debe esixir que un número mínimo de grupos sexa en galego», defende Lastra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail