Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Este é un país de emigrantes que recibe moita carne fresca cada verán. Escribo mentres agardo por Dani, un galego de segunda xeración que traballa na tv alemana e cae polo pobo paterno alomenos quince días cada ano. Di que lle relaxa vir por aquí e de paso estreita lazos coa parentela.
É un de tantísimos retornos que trae a emigración aos encontros íntimos entre particulares gays galegos. Tantos machotes que marcharon durante décadas e regresan alomenos uns días cada ano para airear un bocadiño as apps de ligoteo, uníndose así aos turistas outsiders que nos visitan, que de todo hai neste tempo tan viaxeiro.
Son milleiros os emigrantes que regresan para coñecer ou abrazar sobriños, curmáns ou avós ao sol do Morrazo, Bergantiños ou Tabeirós. Pero entre compartir churrascos e coñecer sobriñas, queda algún tempo para encontros ou reencontros apetecidos cos indíxenas… con esa chea de carnochiños galegos de familias que quedaron no país a parir gais a esgalla.
Unha extraordinaria mistura de olores e sabores cada verán —con versións mini no tempo de Nadal ou de Pascua—, rozando corpos e xenitais de tantos homes liberados das espesas cánones da moral dominante ou a relixión castradora.
Moitos deles veñen porque a casa familiar sae barata, outros polo sincero desexo de rir, planear ou chorar cos ancestros. Incluso haberá quen fuxe dos núcleos habituais do mariconeo peninsular —Circuit, Sitges, Caparica, Torremolinos ou Maspalomas— ou os combina co turismo familiar na patria nai.
Os poucos bares de ambiente que quedan en pé, as praias máis quentes ou as áreas de cruising acusan recibo desta maré de visitantes cheos de semen por repartir. Pero son as Apps, medio absolutamente predominante, as que se enchen de alternativas de ocio sexual libre e respectuoso, sen pagos por medio.
Se nunha cidade pequena como Pontevedra pode haber unhas 50 persoas distintas conectadas nunha app como Scruff —neste intre hai 32 simultáneamente—, nos meses de verán a cifra pode duplicarse… e xa se nos achegamos a uns 15 km, coas áreas turísticas de Sanxenxo e Bueu, a cousa ascende bastante. Loxicamente, non todos son emigrantes, mais o xénero dos residentes ausentes abonda.
Quen máis quen menos, se practica o sexo libre, o poliamor, os cornos en parella, ou calquera das fórmulas que non impidan o contacto corporal á vontade home-home, ten xa a súa axenda de emigrantes máis ou menos habituais. Aquel que foi currar a París; o que naceu en Amberes; quen emigrou a Beijin, o que traballa en Cabo Verde, os múltiples neolondinenses un pouco mosqueados polo Brexit; o fillo dunha parella que quedou en Nova Orleáns… unha especie de Galegos polo Mundo, pero en versión morbosa e retornados a un país que os quere e os desexa por tantos motivos.
Chegou Dani; veu en tren desde Santiago onde intentou ver o Pórtico, sen conseguilo. Compartimos cama durante un par de horas, como cada ano. Ceamos e achegueino á súa casa, ao pé do mar de Arousa. Até o próximo ano, meu… volve tan feliz como te deixo. Vivamos como galegos. Amemos como galegos. Ou alomenos, fodamos como galegos.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán