Os incendios cuestionan o modelo de xestión forestal de Feijóo e Rueda

A Coruña.- A vaga de incendios que está a arrasar Galicia desde hai máis dunha semana, unida aos episodios similares que se suceden case todos os anos na comunidade, está a poñer en cuestión, a xuízo da oposición, os sindicatos e as asociacións ecoloxistas, o modelo de xestión forestal que a Xunta desenvolveu baixo os gobernos do Partido Popular, con Alberto Núñez Feijóo desde 2009 ata 2022 e con Alfonso Rueda desde entón ata o de agora.

Só no últimos nove anos, desde 2017, a Administración autonómica investiu máis de 1.231 millóns de euros en financiar a execución das súas competencias en materia de accións preventivas e xestión da infraestrutura forestal destinada a previr os incendios, reducir o perigo de que se produzan e a combatelos. Con todo, desde 2009, e a falta de avaliar o que se está queimando este verán, no que semella a peor onda dos últimos anos, arderon, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), máis de 290.000 hectáreas. É dicir, que en apenas 16 anos e sen contar o que vai de 2025, case o 15% da superficie forestal da comunidade e o 10% dos 29.600 quilómetros cadrados que ocupa todo o seu territorio converteuse en fume e cinzas.

«Aínda que agora estamos a ver as consecuencias en toda a súa virulencia, nós levamos anos denunciando que é un modelo fracasado», afirma Zeltia Burgos, axente forestal e responsable de Administración pública da Confederación Intersindical Galega (CIG), o maior sindicato de Galicia, tamén entre os funcionarios autonómicos. Burgos sinala como déficits da estratexia da Xunta a falta de planificacion forestal e de intervención preventiva sobre o territorio; a aposta pola eucaliptización –cuxo exemplo máis recente é o apoio ao proxecto da celulosa de Altri– a ausencia de control, vixilancia e limpeza dos montes; a precariedade e falta de medios do persoal encargado de coidalos, así como a carencia dun servizo 100% público e con xestión única e dunha política de educación ambiental da cidadanía e dos profesionais do sector.

«O que pon en risco o noso país é o modelo forestal do Partido Popular», apunta a portavoz da CIG, quen, en relación á actual vaga de incendios, tamén lamenta «o exercicio de escapismo do Goberno da Xunta por responsabilzar da situación a dous meses de seca e á onda de calor provocadas polo cambio climático, obviando e eludindo o seu papel na xestión do territorio».

Accións preventivas e infraestrutura forestal

No capítulo 551b dos orzamentos autonómicos para 2025, titulado «Accións preventivas e infraestrutura forestal», o Goberno de Rueda contempla un gasto de 181.588.000 euros nesa materia. Trátase da maior partida destinada ata o de agora ao «obxectivo estratéxico» que o documento que recolle as contas públicas para este ano define como «xestión dos riscos ocasionados por incendios forestais mellorando a defensa contra os mesmos e aumentando a resiliencia a través dunha adecuada planificación e prevención».

É un 14% máis que os 159,32 millóns de 2024 e case un 80% máis que os 101,2 millóns de 2017 –un 10% e un 30%, respectivamente, se se aplica o incremento da inflación neses anos–. Na suma dos seus seis últimos exercicios á fronte da Xunta, Feijóo destinou ao citado capítulo 730,16 millóns de euros en prezos correntes, 873,85 millóns en euros constantes, é dicir, aplicando a citada corrección. Nese mesmo período, segundo o IGE, queimáronse en incendios forestais preto de 152.000 hectáreas.

Un helicóptero dos equipos de extinción toma auga dun embalse, o pasado luns 18 de agosto de 2025 / Foto: Xunta

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), unha das máis activas da comunidade e que está a piques de cumprir 50 anos desde a súa constitución legal, tamén denuncia a «falta de vontade política» da Administración autonómica para afrontar «a problemática recorrente dos incendios forestais». Adega propón «cambios estruturais, accións concretas e medidas transversais», entre as que cita unha nova política forestal adaptada ao cambio climático, un ordenamento territorial que evite o despoboamento, unha moratoria indefinida para as novas plantacións de eucalipto con programas de redución progresiva desa especie, unha xestión «pública e democrática dos montes» e un único servizo de prevención e extinción de incendios «público, profesional e adecuadamente formado».

Luzes-Público dirixiuse á Consellería do Medio Rural da Xunta, á que compete a súa estratexia en materia forestal e, por tanto, a xestión do gasto citado, para reclamar unha valoración das críticas sobre a suposta ineficacia dese investimento. Á hora na que se terminou de redactar este artigo, o departamento que dirixe a conselleira María José Gómez non ofrecera resposta. Este diario tamén se interesou polas denuncias dos traballadores forestais da Administración autonómica sobre o feito de que o plantel de 2.430 persoas que forman os servizos de prevención e extinción non estivese operativo ao completo ao comezo da tempada de risco, porque, na súa versión, non se terían cobertas as baixas médicas nin as vacantes por xubilación. A Consellería de Gómez tampouco confirmou se o pasado xoves tivo que recorrer a 81 traballadores temporais para que acudisen aos incendios de Ourense e se prevía hoxe mesmo realizar un chamamento similar.

Falta de medios e descoordinación

En canto á oposición, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que o luns visitou unha das zonas máis afectadas polo lume no municipio da Mezquita, en Ourense, alertou de que Galicia enfronta «os maiores incendios» da súa historia e que, aínda que «a prioridade absoluta ten que ser apagalos canto antes», o certo é que o Goberno de Rueda estaría «desbordado e sen capacidade de anticipación» por non preparar a tempo un dispositivo suficiente para facer fronte á emerxencia. «O que hai é falta de medios e unha grave descoordinación, cando o fundamental sería ter todos o recursos dispoñibles e unha organización eficaz para evitar que o lume siga avanzando», dixo, segundo un comunicado difundido polo BNG.

Pola súa banda, a deputada socialista Carmen Rodriguez Dacosta apelou noutra nota de prensa á «unidade política e social» para enfrontar os incendios, instou a Rueda a sumarse «ao pacto de país sobre a emerxencia climática» proposto polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez adiantado polo seu secretario xeral en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e reclamou plans de axuda aos damnificados pola catástrofe e unha intervención urxente nas zonas afectadas.

Zeltia Burgos, axente forestal e portavoz da CIG: «O que pon en risco ao noso país é o modelo forestal do Partido Popular»

Nese sentido, o presidente da Xunta anunciou nunha comparecencia este luns pola mañá que o seu Goberno aprobará axudas para os damnificados na reunión extraordinaria que celebrará a semana que vén en Ourense, e garantiu que en canto os incendios estean controlados «tocará cuantificar os danos para de inmediato resarcir aos damnificados para que recuperen todo o que perderon».

Segundo outro comunicado da Xunta, Rueda insistiu en que esas axudas, que cubrirán a reconstrución de infraestruturas locais, vivendas afectadas e os gastos de aloxamento provisional dos seus ocupantes, estenderanse tamén os propietarios de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras; titulares de cotos de caza; donos de establecementos comerciais, turísticos ou deportivos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail