O persoal da TVG e da Radio Galega pide o cesamento dos responsables de informativos pola cobertura dos incendios

A Coruña.- O Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), anteriormente coñecida como Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e que desde xullo pasado dirixe a xornalista Concepción Pombo, reclamou a destitución dos responsables dos servizos informativos «por ocultar a gravidade da situación relativa aos incendios que arrasan Galicia».

Nun comunicado difundido polo comité, os representantes dos traballadores lamentan que os servizos informativos da radiotelevisión pública «estean desaparecidos do papel que deben xogar como primeira fonte de información de servizo público da cidadanía diante dunha emerxencia como a que supoñen os maiores lumes da historia do país».

O comité intercentros reclama o cesamento do director e a subdirectora de informativos e aseguran que os traballadores e traballadoras da empresa pública han sentido estes días «vergoña, impotencia e rabia pola desidia e irresponsabilidade dos seus supervisores», a quen acusa de «inacción deliberada», e piden que sexan substituídos «por profesionais da redacción capaces de liderar» a cobertura informativa dos incendios.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail