A Coruña.- Os expedientes dos contratos dos dous últimos anos da Xunta con Eulen, a empresa que dirixe en Galicia e para o noroeste de España a irmá do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, desvelan evidencias de que a compañía segue contando con trato de favor por parte da Administración autonómica, a cargo de Alfonso Rueda, e indicios de que dispón de información que debería ser confidencial sobre as ofertas das súas competidoras en moitos concursos públicos aos que concorre.
Desde que Rueda é presidente do Executivo autonómico, Eulen obtivo máis de 17 millóns de euros en adxudicacións da Administración galega, que se suman aos máis de 37 millóns que a empresa de Micaela Núñez Feijóo obtivo nos trece anos nos que o seu irmán maior estivo á fronte do Goberno galego.
En varios daqueles expedientes, tramitados entre 2009 e 2022, tamén figuran evidencias de que a compañía resultou beneficiada na tramitación dalgúns procedementos e sinais de que, noutros, dispuxo de información privilexiada sobre as ofertas das súas competidoras.
A tramitación ordinaria dos procedementos mediante os que as administracións contratan a compra ou o alugueiro de bens e a prestación de servizos está regulada por lei e obriga a darlles publicidade, de forma que calquera sociedade mercantil que cumpra os requisitos básicos poida concorrer a eles e forzar o resto para presentar ofertas que reduzan o gasto de diñeiro público.
Ofertas caras cando non ten rivais
No caso de varios dos contratos recentes de Eulen coa Xunta, os indicios de que puido manexar información privilexiada dedúcense de que as súas ofertas son competitivas cando ten rivais, pero non cando acode en solitario aos concursos. É esta unha circunstancia que legalmente non podería coñecer ata o momento en que se publican as propostas técnicas e económicas, que xa non poden modificarse.
Un exemplo é o contrato que a empresa de Micaela Núñez Feijóo gañou o pasado 31 de xaneiro para o servizo de seguridade e vixilancia da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, dependente do Servizo Galego de Saúde. A Xunta propuxo un prezo base de licitación de 517.120,31 euros, e Eulen foi a única que se presentou ao concurso. En teoría, e legalmente, non podía saber que non tiña rivais, pero gañou a adxudicación cunha oferta nada competitiva: 516.910,94 euros; é dicir, só 209,37 euros por baixo do prezo inicial. Apenas un 0,04% menos.
Outro exemplo: a Fundación Cidade da Cultura, que xestiona as instalacións da Xunta no complexo do monte Gaiás en Santiago, sacou a concurso na primavera de 2022 un contrato para o «apoio técnico na produción de actividades culturais e outros eventos institucionais» cun orzamento é de 252.487,21 euros. De novo só acudiu Eulen, que levou o contrato en agosto cunha oferta de 251.023,94 euros, é dicir 1.463,37 euros menos. Un 0,58% por baixo do prezo de licitación.
O pasado 20 de decembro, a empresa para a que traballa a irmá de Feijóo conseguiu unha das adxudicacións máis cuantiosas de todas as que recibiu da Xunta. Foi a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que lle asignou a xestión de varias residencias e centros de día na provincia de Lugo. O prezo base da licitación era de 1.527.822 euros, aínda que esa cantidade podería elevarse a máis de 7,3 millóns sumando renovacións, prórrogas e sobrecustos previstos nas bases do concurso.
Criterios técnicos que se avalían de maneira subxectiva
Eulen gañouna licitando 1.511.462,12 euros, apenas un 1% por baixo do prezo orixinal. No expediente público non aparecen as ofertas económicas das dúas empresas que rivalizaron con ela, pero si un informe técnico de 54 páxinas no que o Consorcio fundamenta a súa decisión de excluílas. Ningunha das dúas competidoras de Eulen obtivo a puntuación mínima na baremación dos criterios técnicos que se avalían con xuízos de valor, é dicir de maneira subxectiva. Neles, a firma de Micaela Núñez Feijóo obtivo 35,5 puntos fronte aos 16,5 e os 15,5 dos seus rivais.
A xuízo de expertos en contratación pública consultados por Luzes-Público, o uso recorrente dos criterios técnicos valorados de forma subxectiva para adxudicar concursos a unha empresa que non presenta a mellor oferta económica tamén pode ser un indicio de trato de favor. Nos contratos asignados pola Xunta a Eulen nos últimos dous anos, hai varios exemplos desa práctica.
Eulen presenta ofertas moi pouco competitivas en concursos aos que se presenta en solitario pero nos que legalmente non pode saber que non ten competidoras
É o caso dos dous asignados á empresa pola Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) o ano pasado. No primeiro, para os servizos de seguridade, cun prezo de licitación de 666.170,01 e un valor final estimado con prórrogas de 1.352.758,95 euros, Eulen presentou a oferta económica máis cara das tres que concorreron, pero gañou grazas aos criterios avaliables mediante xuízos de valor.
Sucedeu o mesmo co segundo, previsto para a contratación de azafatas para eventos e programas, cun valor estimado de 204.073 euros e que gañou grazas a unha avaliación subxectiva máis favorable que a das súas competidoras.
Almacén de libros
Ocorreu algo similar en febreiro de 2023 co concurso para a xestión dun almacén de libros da Consellería de Cultura. Eran 122.222,4 euros por 36 meses e Eulen gañou coa oferta máis cara fronte a dúas competidoras, grazas de novo á avaliación de criterios subxectivos que primaron a suposta calidade da súa proposta sobre o aforro que ofrecían os seus rivais.
A eliminación destes competidores resulta difícil de entender acudindo a unha valoración subxectiva das súas ofertas se se ten en conta que o servizo contratado, segundo os pregos de condicións, baséase unicamente na contratación dun traballador «dous días á semana a xornada completa, co perfil de mozo especializado-carretilleiro que acredite experiencia en tarefas de movemento, clasificación e arrastre de mercadorías».
A segunda condición é a de poñer ao dispor do almacén algúns medios materiais básicos, cun valor taxado nas bases do concurso en 60.000 euros e sobre os que tampouco parece ter cabida opinión subxectiva algunha: «Dous carros con rodas pneumáticas, unha transpaleta, unha estrada elevadora, unha conta de correo electrónico, teléfono e conexión a Internet e unha aplicación informática».
Outro exemplo de como a valoración subxectiva beneficia a Eulen en moitos dos procedementos aos que concorre con ofertas económicas menos competitivas que os seus rivais está no que convocou en xuño de 2022 o Parque Tecnolóxico de Galicia para a cobertura do seu servizo de seguridade.
O contrato tiña un orzamento máximo de licitación de 157.127,88 euros e presentáronse tres empresas. A que propoñía o mellor prezo obtivo 45 puntos na valoración económica obxectiva e 38 na avaliación técnica subxectiva. É dicir, 83 en total. Non gañou porque a de Micaela Núñez sumou 28,002 e 55 puntos, respectivamente. Ou sexa, 83,002. Por dúas milésimas de punto.
Contratos polo procedemento de emerxencia
Tamén pode deducirse trato de favor se unha empresa é elixida sistematicamente por unha Administración para cubrir contratos tramitados pola vía de emerxencia, un procedemento excepcional que permite ao organismo correspondente asignalos sen concurso nin competencia.
No caso de Eulen, entre maio de 2022 e xuño de 2024 obtivo mediante a contratación de emerxencia do Sergas máis de 160 adxudicacións por valor de 1,3 millóns de euros. Unha cantidade que dista moito das percibidas por outras grandes compañías do sector que adoitan rivalizar con ela nos concursos da Xunta.
A presidencia da Xunta que encabeza Alfonso Rueda defende que as súas adxudicacións cumpren de maneira estrita a legalidade en materia de contratación pública
Segundo a información que a propia Xunta ofrece na súa plataforma de contratación pública, Securitas, por exemplo, a primeira empresa de seguridade privada de España, só levou nese período dez contratos de emerxencia do Sergas por un total de 51.782,16 euros. Prosegur, a segunda da clasificación estatal, ningún.
Luzes-Público contactou coa dirección do grupo Eulen para obter a súa valoración dos feitos, pero a empresa declinou ofrecer a súa versión. Tamén coa presidencia da Xunta que encabeza Alfonso Rueda, que defende que as súas adxudicacións cumpren de maneira estrita a legalidade en materia de contratación pública e lembra que Eulen é unha multinacional que concorre e gaña concursos en todo o Estado convocados e resoltos por administracións de todas as cores políticas.