Ao final non houbo sorpresas e Salvador Illa converteuse en President sen maior problema e cos votos precisos. O retorno de Puigdemont foi o enésimo xesto de impotencia política de quen foi froito dun tempo de xestualidade hoxe esmorecido. Onde nas fases altas da onda de mobilizacións foron milleiros nas rúas, o President non foi quen de reunir a máis dunhas 3.000 persoas leais á súa figura e o que representa. Se todo o mundo sabía que o Procés estaba rematado, agora foi o propio pobo do Procés o que finou.
Pola coincidencia dun potente 15M e do propio Procés, Catalunya foi epicentro da crise de réxime que se desenvolveu de 2010 en adiante. Por iso mesmo, Sánchez ben podería reclamar a distinción de Pedro O Restaurador a xusto título. Desde que chegou ao goberno de España pola vía da única moción de censura exitosa da democracia, soubo explotar ao seu favor o esgotamento estratéxico dos dous grandes actores nacidos da crise de réxime: o procesismo e o espazo político nucleado arredor de Podemos.
O mérito do PSOE non é tanto como puidera semellar a xulgar polos resultados. Mesmo se estes, por mor do propio réxime, son traducidos e enfatizados de xeito rotundo en termos institucionais. O PSOE certamente pode presumir hoxe de ter conquistada a centralidade política. E faino, ademais, en Barcelona, Catalunya e España.
Mais o mérito socialista, que non se lle pode negar no que toca á realización do que é unha estratexia sistémica elaborada por defecto (a «Restauración»), é perante todo un demérito alleo, responsabilidade das direccións dos actores que, mesmo nestas horas baixas, teiman nos seus erros. A incomprensíbel xogada de Puigdemont, que voltou a escapar con enganos e deixou en evidencia á que, de ser tomada en serio a independencia, debería ser a súa propia policía, faise tanto máis ridícula pola ausencia de apoios.
Puigdemont apareceu en Barcelona coma se viñese de atravesar un portal espazo-temporal que o levara de Waterloo 2017 a Barcelona 2024. A súa irrelevancia en termos decisionais na elección do President foi completa. E isto logo de levar meses amagando co único obxecto de sacar algún rédito político da febleza de Esquerra. A Puigdemont, como antes a Feijóo, non lle queda outra que renderse perante a evidencia da centralidade socialista. Ben se lle podería aplicar aquilo de non ser President porque non quere… ou porque no seu maxín xa o é.
No entanto, a Restauración do 78 avanza a paso firme sobre a inoperancia allea, á dereita e esquerda. A pregunta é se aínda é posíbel o retorno ao pasado que promete a restauración en curso ou se, pola contra, estamos ante unha fuxida adiante do propio réxime dirixida polos socialistas incapaces de dar con solucións institucionais á altura. O acordo con ERC a cambio da investidura ten bastante máis de traxe feito a medida que de vontade de redirixir a política á reforma do réxime.
Isto amplifícase visto que os poderes do Estado seguen se resolver as súas tensións e inxerencias. Mesmo despois da renovación do CGPJ, o poder xudicial segue sen ser capaz de escoller unha figura de consenso que o presida. Nas Cortes, a maioría da investidura non deixa de fracturarse e permanece na inoperancia lexislativa. Por máis determinación que o executivo de Sánchez teña en restaurar a lóxica institucional do réxime, este non logra conciliar a Constitución do 78 cun bloque identificábel na dinámica no terreo da constitución material. O prezo da vivenda, a carestía da vida e o empobrecemento máis en xeral contrastan cunha economía que amosa un dos mellores rendementos da UE nas métricas macroeconómicas neoliberais.
O éxito institucional que o réxime confire aos socialistas contrasta hoxe co esgotamento dos seus aliados parlamentarios. Ata onde pode chegar esa lóxica hexemónica sen rematar, tal e como anunciaron xa os resultados europeos, nun xiro cara ás posicións dereitistas que medran en Europa? Certamente os socios, excepción feita de BNG e Bildu, non semellan ser forzas solventes como contrapoderes nos seus territorios respectivos. E sen constituíntes non hai federalización posíbel; hoxe por hoxe, a única solución institucional viábel.