A Coruña.- A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia denunciou que a dirección do centro de educación infantil e primaria (CEIP) de Froebel, en Pontevedra, ordenou o maio pasado a retirada dun mural educativo que pretendía ofrecer a nenos de cuarto de primaria formación e información sobre as agresións verbais e os tópicos que adoitan padecer a diario nas súas respectivas contornas as persoas deses colectivos.
A Rede, formada por 160 docentes de todos os niveis educativos, desde preescolar á universidade, esperou ata o de agora para facelo público tras máis dun mes agardando por unha resposta da Xunta, que mantén o silencio.
Os feitos sucederon o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas e tamén Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, cando a xefa de estudos do Froebel lle ordenou ao profesor que colgara o mural que o retirase de inmediato. El negouse a facelo, e foi a propia funcionaria a que quitou persoalmente os carteis para deixalos posteriormente sobre a súa mesa na aula.
A actividade, ideada pola Asociación Euforia de Familias Trans-Aliadas, pretende concienciar os pequenos sobre esas posturas, con carteis en cores formando a bandeira arco iris con algunhas das frases e argumentos discriminatorios que habitualmente escoitan as, os e es escolares lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, intersexuais, queer ou do resto de identidades e orientacións de xénero. «Busca axuda, podes curarte»; «Admito que sexas homosexual, pero non unha tola»; «Non fai falta que vaias dicindo o que es»; «Só existen dous sexos, o demais é enfermidade…», rezan os pasquíns, que poden verse no pdf que acompaña a este texto.
«Problemas cos pais»
«Pregunteille cal era o motivo e díxome que non quería problemas cos pais», explica o mestre, Fran Diéguez, quen asegura que a xefa de estudos se dirixiu a el «de moi malas maneiras» e fronte aos seus alumnos e alumnas, de dez anos de idade. Tamén asegura que noutras ocasións colgou murais similares sobre poesía e sobre a Constitución sen que a dirección expresase queixa algunha.
Diéguez lembra que a actividade que planeou con axuda do material de Euforia forma parte das súas obrigas como docente, tal e como recolle unha orde da Xunta de maio de 2023 que obriga os centros públicos e concertados a desenvolver nas datas próximas ás celebracións internacionais relacionadas cos dereitos LGTBIQ+ iniciativas específicas «para favorecer a visibilidade [desas persoas] e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual» nos currículos educativos.
«Levabamos varios días traballando eses conceptos en clase para que os alumnos e as alumnas puidesen identificalos como discriminatorios e contrarios aos valores de igualdade, e o día 17 coloquei os carteis no corredor, xunto á aula», conta o profesor, que dous días despois de que a xefa de estudos os quitase dirixiu un escrito á dirección do centro no que detallaba a lexislación que amparaba o seu proceder.
Tambien advertía de que, se os xestores do CEIP seguían mantendo actitudes LGTBIfóbicas e se negaban a repoñer os carteis, denunciaría a situación ante a inspección educativa.
Sen resposta da Xunta
A dirección non contestou, así que a Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia, da que Diéguez é socio, presentou dous escritos na Inspección de Educación e na Dirección Provincial da Consellería de Educación da Xunta, para reclamar a reposición do mural. Tras máis dun mes sen resposta, planea agora pedir amparo á Valedora do Pobo -figura equivalente na lexislación galega ao Defensor do Pobo- e ao Observatario Galego Contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero.
«O centro actuou contra a lei e contra o dereito do alumnado para recibir educación sobre igualdade, que tamén está protexido legalmente», subliña Ana Ojea, portavoz de Rede, quen asegura que outras profesoras desenvolveron con éxito a mesma actividade noutros centros de Galicia e que serviu para fomentar debates, charlas e mesmo que os e as estudantes realizasen traballos de investigación respecto diso.

«Cada vez estamos a vivir máis situacións similares, é evidente que hai unha regresión ultraconservadora, pero a nosa obriga como funcionarios públicos é defender os dereitos humanos e un ensino en democracia», conclúe.
Luzes-Público tratou sen éxito de contactar coa dirección do CEIP Froebel para obter a súa versión do sucedido. Tamén se dirixiu á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que os valorase e saber se vai tomar algunha medida, pero á hora na que se concluíu a redacción deste artigo non recibira resposta.