Luces, cámara… Feijóo! (6): 37 millóns para a empresa que dirixe a súa irmá e ese narcotraficante do que vostede me fala

A Coruña.- Se se teclea en Google «Marcial Dorado» aparecen ao instante 347.000 resultados. Pero se se engade á procura a palabra «Feijóo», entón o número baixa a 39.000 entradas. A primeira vista, iso debe significar que pouco máis dunha de cada dez páxinas da internet que citan ao narcotraficante arousán relaciónano dalgunha maneira co expresidente da Xunta e candidato do PP á presidencia do Goberno de España.

Xa pasaron máis de dez anos desde que El País publicase as fotografías de Feijóo ao temón do iate de Dorado e case tres décadas desde que se tomaron, no verán de 1995. Feijóo asegurou en multitude de ocasións que cando trabou amizade con el non sabía que Dorado era un dos principais capos da droga en Galicia.

Pódeselle crer ou non, pero o certo é que en 1995 Dorado xa aparecera nas portadas de xornais galegos e estatais e nos titulares de todas as televisións pola súa implicación en varias causas por contrabando e por tráfico de drogas. Entre outras durante a operación Nécora, que en 1990 sentou no banco a 45 persoas. A sentenza daquel caso fíxose pública en 1994, poucos meses antes de que os dous saísen a pasear no iate do segundo pola ría de Arousa.

En 1995 Dorado xa aparecera nas portadas de xornais galegos e estatais e nos titulares de todas as televisións pola súa implicación en varias ausas por contrabando e por tráfico de drogas, entre outras a operación Nécora

Entre 1992 e 1996, Feijóo era o secretario xeral da Consellería de Sanidade da Xunta e o responsable dos expedientes mediante os que a Xunta adxudicou ás empresas de Dorado a subministración da gasolina das ambulancias do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e do combustible para a calefacción dos hospitais galegos.

O narco branqueaba desa forma a actividade das súas gasolineiras, coas que enchía os depósitos das planadoras e os camións que transportaban a droga, e de paso podía lavar o diñeiro negro que lle reportaba o tráfico de drogas grazas ao diñeiro branco que ingresaba da Administración galega.

En 2013, a candidata de Sumar ás eleccións do 23 de xullo, Yolanda Díaz, por entón deputada no Parlamento de Galicia, pediu a Feijóo que fixese públicos os expedientes daquelas adxudicacións. A Xunta respondeulle que non podía facelo porque foran destruídos durante unhas inundacións nun instituto de ensino en secundaria en Vigo, onde foran trasladados por mor dunhas obras nos arquivos da Consellería de Sanidade en Santiago.

Marcial Dorado e Alberto Núñez Feijóo, no iate do primeiro

«A falta de transparencia é unha constante na Xunta dominada polo PP», asegura Pablo Arangüena, deputado autonómico do PSOE e portavoz na Comisión Institucional do Parlamento de Galicia. «Mesmo se nega habitualmente a información que os deputados solicitamos ao amparo do regulamento do parlamento ou se atrasa tanto que cando chega, deixa de ter sentido», engade.

A mediados dos anos 90 Feijóo non só se relacionou con Dorado, senón con outros homes de palla e empresarios relacionados co narcotráfico. Quen lle presentou ao narco ourensán foi Manuel Cruz, militante do PP e chofer do entón conselleiro de Sanidade, José Manuel Romay, e home de palla de varias das empresas de Dorado. Cruz era o líder dun grupo falanxista de Ferrol ao que tamén estaba adscrito Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno de Aznar en Galicia cando en 2004 a policía atopou no chalé de Dorado as fotos de Feijóo.

Fernández de Mesa, a quen Aznar nomearía despois director xeneral da Garda Civil, foi quen alertou a Feijóo da existencia das fotos once anos antes de que se publicasen.

Poucos meses despois de que o hoxe líder do PP accedese á presidencia da Xunta en 2009, o líder do PP na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, Evaristo Juncal, tivo que dimitir do seu cargo de delegado territorial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra cando se soubo que a mediados dos noventa vendera varias empresas para Dorado e a José Manuel Prado Bugallo, Sito Miñanco, o máis coñecido dos narcos galegos, a través de Manuel Cruz. Unha desas empresas era, precisamente, JF Oil, unha das distribuidoras de combustible ás que Feijóo adxudicara contratos de subministración do Sergas cuxos expedientes nunca apareceron.

Fernández de Mesa, a quen Aznar nomearía despois director xeneral da Garda Civil, foi quen alertou a Feijóo da existencia das fotos once anos antes de que se publicasen.

Juncal dimitiu en 2010 cando a prensa galega fixo públicas as súas relacións coas redes máis poderosas do narcotráfico arousán, pero Feijóo, que acababa de obter hacía poucos meses a súa primeira maioría absoluta, non só non o repudiou, senón que o protexeu manténdolle o soldo de alto cargo nomeándoo xefe de Protección Civil en Pontevedra.

Aznar e Romay levaron a Feijóo a Madrid en 1996 e puxérono á fronte da secretaría xeral de Asistencia Sanitaria do Ministerio de Sanidade. Tres anos despois, Manuel Cruz morreu nun accidente de tráfico na autoestrada AP9 que La Voz de Galicia definiu como «estraño».

Feijóo á fronte de Correos

Ao ano seguinte, Aznar nomeou a Feijóo presidente de Correos. Alí dirixiu a loxística do voto por correo de varios procesos electorais que ninguén puxo en dúbida, como el si fai agora co seu sucesor na presidencia da empresa público insinuándoo como instigador dunha fraude electoral, polo feito de que ocupase un alto cargo no Goberno do PP.

Unha oficina de Correos / Foto: Correos

En Correos, Feijóo coñeceu a Regino Martín, o sindicalista que alentou ese debate que os feitos e a propia empresa desmentiron. Feijóo asegura que é o único «amigo comunista» que ten. Pódeselle crer ou non, pero o certo é que nalgunha das fotos que se sacou no iate de Marcial Dorado aparece pousando coa súa parella de entón, a exsecretaria de Sanidade de CCOO en Galicia, quen logo ocuparía o mesmo cargo na federación estatal do mesmo sindicato.

Durante os mandatos de Feijóo na Xunta entre 2009 e 2022 sucedéronse constantemente os casos de clientelismo, amiguismo e nepotismo. E non só en Ourense, onde o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, por quen o aspirante popular fixo alcalde a Gonzalo Pérez Jácome, acaba de renunciar ao seu cargo envolto en sospeitas de corruptelas que implican á súa familia na cobranza de mordidas e a funcionarios da institución que asumirían as súas multas por exceso de velocidade.

O Consello de Contas de Galicia, o organismo encargado de fiscalizar as contas da administración autonómica, alertou o verán pasado de que a administración paralela da Xunta de Feijóo a través de chiringuitos e entidades instrumentais xestiona xa máis de 1.700 millóns de euros, é dicir o 14% do orzamento do Executivo autonómico. A débeda que acumulan, segundo o Consello de Contas, ascende a máis de 550 millóns de euros.

Cando Feijóo deixou o Goberno galego en maio de 2021, en Galicia había 29 fundacións públicas, 17 axencias, 15 sociedades mercantís, 11 organismos autónomos e entidades de consulta, nove consorcios, catro fondos de capital risco e dúas entidades públicas empresariais. Á fronte de moitos deles, con salarios que exceden con moito o que cobrarían como funcionarios da administración convencional, Feijóo colocou a amigos, familiares de amigos, militantes e altos cargos do PP, cuxos currículos, en numerosas ocasións, non ofrecen capacitación nin relación algunha coas competencias que lles asignou.

A irmá de Feijóo

Eses organismos e institucións, ademais, acumulan boa parte dos contratos públicos que a Xunta asignou ás empresas do grupo Eulen, cuxa directora para a zona noroeste de España é a súa propia irmá, Micaela Núñez Feijóo. Entre 2009 e 2022, Eulen recibiu 37 millóns de euros en adxudicacións da administración galega, e preto do 80% desa cantidade licitouse a través desa administración paralela na que Feijóo colocou aos seus fins.

Moitas desas adxudicacións millonarias coinciden con nomeamentos e cesamentos a dedo dos seus responsables dentro do organigrama da Xunta. Tamén en Eulen. En 2016, Micaela Núñez, que entón era directora da delegación da empresa en Galicia, foi nomeada directora territorial para o Noroeste despois de obter en 2015 o o maior contrato da Xunta, 4,38 millóns para a vixilancia dos centros de saúde do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na Coruña.

O presidente da Xunta e a súa irmá, Micaela

Dous anos despois, Feijóo nomeou ao entón xerente do Sergas que asinou aquela adxudicación, Antonio Fernández-Campa, vogal do consello de administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa. Fernández-Campa non tiña relación algunha nin co sector portuario nin con Vilagarcía, e a oposición acusou entón a Feijóo de premialo cun cargo a dedo ben remunerado grazas ás dietas por asistencia aos consellos da institución.

Algo parecido sucedeu con Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade entre 2015 e 2020 e máximo responsable das adxudicacións do Sergas a Eulen nese período. Almuiña é médico de profesión, foi alcalde de Baiona (Pontevedra) e tampouco se lle coñecía vinculación algunha coa xestión dos portos ata que Feijóo o nomeou en 2020 presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, cun salario de 87.000 euros anuais, superior ao do presidente do Goberno.

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), que xestiona o tratamento de lixos dun centenar de municipios galegos, adxudicou Eulen 3,46 millóns baixo mando de dous presidentes nomeados a dedo por Feijóo: o avogado Luis Lamas, que tivo que dimitir despois de que se soubese que tamén subscribira contratos de Sogama co seu propio bufete, e Javier Domínguez Lino, exconcelleiro do PP en Poio (Pontevedra) a quen Feijóo designou como o seu sucesor. Lamas cobraba en plena crise financeira máis de 72.000 euros, e Domínguez Lino, 74.000 euros.

Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado en 2009 tras a investidura de Feijóo director xeneral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a quen a oposición e os sindicatos acusan de poñer os medios públicos de comunicación ao servizo dos intereses do PP, asinou con Eulen contratos por valor de 2,2 millóns de euros. O seu salario supera os 92.000 euros.

Tanto Feijóo como o seu sucesor, Alfonso Rueda, negáronse a destituír a Sánchez Izquierdo a pesar de que acumula centenares —si, centenares— de sentenzas en contra dos tribunais de xustiza por vulneración de dereitos civís e laborais. Teríano fácil, porque foi o PP o que impulsou e aprobou hai doce anos a Lei do Audiovisual Galego, que establece que o director xeral da CRTVG debe ser nomeado polo Parlamento.

A rede que proporcionou contratas millonarias á empresa na que traballa a irmá de Feijóo tamén atrapou a algúns alcaldes. Ernesto Anido, quen chegou ao Goberno local de Sada (A Coruña) sendo a terceira lista máis votada grazas aos votos de tránsfugas do seu propio partido, adxudicou a Eulen 810.000 euros, o 8% do orzamento municipal. Hai dous anos o Tribunal Supremo condenouno a oitos anos de inhabilitación por un delito de prevaricación na contratación dunha asesora.

En Melide, a unha hora por estrada de Sada, a alcaldesa do PP, Ánxeles Vázquez, adxudicou a Eulen unha cantidade similar, máis de 806.000 euros, o 15% do orzamento local dese ano. Vázquez é licenciada en Xeografía e Historia e técnica en información e cultura, pero a pesar de non ter experiencia no sector primario Feijóo ascendeuna a conselleira de Medio Rural un ano despois daquela operación.

No 2018 nomeouna conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Hoxe é vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no Goberno de Alfonso Rueda.

Os contratos con Eulen

O ano pasado, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a Feijóo os contratos con Eulen cando este aínda era presidente da Xunta, asegurando que tiña «o deber inescusable» de explicar por que a empresa para a que traballaba a súa irmá multiplicara os seus negocios coa Administración e por que en moitos dos procedementos de adxudicación existían evidencias de trato de favor e información privilexiada.

Feijóo nunca respondeu, nin tampouco o fixeron Eulen nin a súa irmá, de quen Luzes-Público tratou, sen éxito, obter unha versión cando as informacións arriba citadas saíron á luz pública.

O deputado socialista Pablo Arangüena lembra que o PP votou en dúas ocasións na Cámara galega a favor de senllas iniciativas do PSdeG para que a Xunta facilite toda a documentación relativa aos contratos da Xunta coa empresa da que a súa irmá é apoderada en Galicia. Pero sucede como cos contratos de Marcial Dorado, a quen Feijóo dicía non coñecer do todo.

«O PP vota a favor de entregarnos a documentación, pero logo non nola entrega. O mesmo ocorre con moitos outros temas, e iso dificulta moito investigar a corrupción», conclúe Arangüena.

Se se teclea «Eulen» en Google aparecen 13,6 millóns de resultados. Se se engade «Feijóo», só 32.900.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail