Exclusiva: Feijóo fai algo interesante

A procura da exclusiva é porfía innegociable dos xornalistas. Publicar algo que ninguén sabe. Achar perlas na caveira dunha ostra. Neste rebumbio informativo que hoxe nos chove de ballón, chámaselle exclusiva a calquera andrómena. José Luis Rodríguez Zapatero garda xoias por valor de 1,3 millóns de euros!!! Babiolos meus. Iso é caldeireta para calquera expresidente, exministro, excachucha de deputación provincial ou exalcalde de aldea das narcocostas. A exclusiva é cando un expresidente, exministro, excachucha de deputación provincial ou exalcalde de aldea das narcocostas non garda 1,3 millóns en xoias na caixa forte da casa ou do partido. Atopar un José Mujica non é imposible, pero tampouco doado.

En máis de trinta anos de carreira, eu considero que só publiquei unha verdadeira exclusiva: o anuncio do atentado de 2006 ordeado por Txeroki para rebentar a tregua negociada pola facción etarra de Josu Ternera. Pero hoxe traio unha cover que treme o misterio: Alberto Núñez Feijóo está a facer algo intelixente. Víase vir. Non se pode errar sempre.

Apoiado na espelida mente do lucerno estratego Miguel Tellado, o noso galego máis ilustre está a desenvolver unha campaña encuberta en Catalunya e Euskadi para captar o voto racista de Junts e PNV. Na Galiza non o tenta. Na Galiza non existe o racismo. Abondo temos os galegos con ser racistas con nós mesmos.

Batman e Robin, Feijóo e Tellado, argallaron esta estratexia na intimidade, sen documentos, pois son de pouco ler, e polo tanto aínda menos de escribir.

No PNV andan rabuños co posible sorpasso de Bildu. E consideran que o xeito de evitalo é achegar as súas propostas ás de Vox. Non hai nada, en febreiro, votaron a lei racista sobre multirreincidencia que criminaliza os que delinquen por fame. Tamén pediron un «debate rigoroso» sobre a prohibición de burkas e niqabs, dous adubos indumentarios que están a ser moda maioritaria entre as nenas de Bilbo, corrompéndoas.

Niqab e burka son agora os grandes inimigos do nacionalismo capitalista vasco. A prioridade (verba que hoxe significa moito máis do que onte significaba). Menos preocupación desvela o PNV pola crecente mingua de falantes eukaldúns. Un recente estudio encargado pola UEMA –mancomunidade que integra a 118 concellos de Euskal Herria–, calcula que un 28% dos nenos perderá memoria do euskera de aquí a dez anos. Pero o problema non está na educación, senón en niqabs e burkas. Son datos que manexan Tellado e Feijóo coa súa ben demostrada solvencia intelectiva.

En Catalunya, achegar os vellos votos de Junts é aínda máis doado para o PP. A contorna converxente sempre foi radicalmente clasista. De aí a ser racista hai só un chisco. E máis cando a xenofobia manifesta de Aliança Catalana está a petalo entre os votantes puigdemontistas. Mesmo en Esquerra xa latexan ritmos de corazón xenófobo. «[A migración] é un problema real, é evidente. Creo que a esquerda debe falar de orde, de seguridade e de multirreincidencia, e iso non nos fai menos puros», Gabriel Rufián dixit.

Feijóo e Tellado comprenderon que xa non é a cobiza, nin a vasalaxe á igrexa e ás oligarquías, nin os diverxentes patriotismos, o que pode axuntar as dereitas en amor e fraternidade. É o racismo. Arredor do eixo do racismo poden convivir Junts, PNV, PP, Vox, mesmo sectores do PSOE (a lei de reincidencia foi tamén votada polos de Pedro Sánchez). Xa digo que Feijóo está por fin a facer algo intelixente. Aínda que esa intelixencia combata calquera tipo de humanidade e razón. Pero isto último non é noticiable.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail