Adiante Andalucía e o espectro do 15M

Foron as eleccións autonómicas en Andalucía e o PP volve estar de novo en mans de Vox. A estratexia poderíase considerar un erro se o PP tivese in mente volver ser o grande partido de centrodereita que gaña eleccións sen competidor na ultradereita. Mais non é o caso. Vox, fundado un 17 de decembro de 2013 por xentes do PP, esperou na bancada o seu momento ata as eleccións autonómicas de Andalucía do 2 de decembro de 2018. Desde entón ata hoxe consolidouse como terceira forza, mesmo se logo de medrar ata os 52 escanos, baixou a 33 en 2023. Que o trumpismo perdera as eleccións tiña un efecto directo.

Queda claro, pois, que Vox é unha forza chamada a perdurar mentres dure Trump. E o PP sábeo, polo que o primeiro que deberiamos desbotar é que vaian facer un cordón sanitario. Sen sorpresa. Os cordóns dependen de como se fixo a democratización: no caso español, o franquismo reciclouse e a democracia comezou a andar. No sistema de partidos, mesmo afianzou a súa á mais dura coa fundación de Alianza Popular desbotando a UCD. Isto provocou que o PP, considerado como «partido transversal do centrodereita» (catch-all party) tardase algo máis en chegar a gobernar, permitíndolle ao PSOE consolidar o poder durante moitos anos, particularmente en Andalucía. Todo isto mudou o 15M de 2011.

A partir de entón, desfeita bipartidista. Durante un tempo semellaba ser unha conxuntura, pero hoxe vai xa para camiño de ser cambio estrutural. Antes do 15M, nas eleccións de 2008, o bipartidismo sumaba o 86,86% dos votos. No 2012, pouco despois do 15M e aínda sen outra alternativa que IU, xa caera ao 80,18%. Porén, no 2015, coas opcións do 15M (Podemos) e contra o 15M (Cs), o resultado comezou a baixar: ata o 62,06% primeiro e ao mínimo histórico do 48,69% en decembro do 2018.

Con isto chegou a maioría absoluta de Moreno Bonilla en 2022. Co PSOE como única alternativa de poder, sumou o bipartidismo un 67,21%. A conservadora estratexia sanchista de apostar por recuperar a saúde do réxime semellaba funcionar. E, con todo, este domingo selouse o castigo ao bipartidismo, que baixou ata o 64,31%.

Non é sorpresa. A nivel español o bipartidismo en 2023 mellorou respecto a 2019: do mínimo histórico nas segundas eleccións de 2019 (un 48,81%) refíxose ata un 64,74% en 2023. Mais é real esa mellora? Nos últimos tempos son cada vez máis as voces que o cuestionan… e as enquisas acompañan esta dúbida de maneira importante, sen sumar nunca máis dos resultados do 23X. Lonxe de mellorar o bipartidismo, empeora, e se non cae máis é pola ausencia dun proxecto á esquerda do PSOE que sexa quen de conectar coas mobilizacións civís.

Na situación actual da esquerda pesa o herdo autoritario de Pablo Iglesias. Logo de enfrontarse a Errejón en Vistalegre II non tiña outro xeito de manter o tinglado que forzando entrar no goberno central. Pan para onte, fame para hoxe. Apostar por IU e entregar ao PCE o herdo de Podemos foi pagado coa «traición» dos comunistas que esperaban con burocrática tranquilidade que ao porco lle chegase o seu San Martiño.

Hábiles como son no control das organizacións, o de PCE/IU/Sumar no terreo do artellamento dun proxecto que atine na composición técnica de clase tira a lamentábel. Acontece así que confunden a súa socioloxía coa esquerda e o seu discurso de partido co discurso para España. Fían ao mito da unidade unha hexemonía que non fai máis que perder votos desde 2016, cando o Podemos de Iglesias cometeu o erro de pactar con IU (mesmo número de escanos, menor número de votos e IU dentro de Unidas Podemos). Game over.

Naquel contexto de purgas constantes foi medrando o PCE ata controlar IU e Sumar. Desde alí desenvolveu unha política de acomodación de elites na que foron integrados os Comúns, Más Madrid, etc. Máis unha vez, un erro na lectura da composición de clase, allea á precarización das vidas: suba de alugueiros, prezos da bolsa da compra, custos dos subministros… Como me dicía unha nai afectada pola crise, están cegados polo excesos de cartos; a crise é para eles algo que lles pasa a outros: nós. Moito ministerio, moita gala dos Goya, pouca conciencia de clase.

E certamente iso semella. A incomprensión profunda do acontecido afecta actualmente a toda a esquerda, pero moito máis á esquerda máis á esquerda, derrotada por enésima vez e  incapaz de se decatar de como está a situación logo do 15M. O recente debate entre Emilio Delgado e Mónica García sobre quen debería votar expresa con claridade meridiana o erro que vai cometer a segunda ao limitar a decisión á militancia por medo ao desbordamento. Habilidade no control das organizacións, erro electoral seguro. Unha lóxica que sempre acaba mal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail