Un Feijóo en funcións achandou a súa aterraxe en Madrid con 1,2 millóns de axudas a dedo da Xunta aos grandes medios estatais

A Axencia Turismo de Galicia adxudicou contratos de publicidade e propaganda a El País, El Mundo, ABC, La Razón, a cadea SER, a COPE, Onda Cero e Antena 3 cuando o líder do PP xa tiña asinada a súa renuncia á presidencia do Goberno galego

A Coruña.- A Xunta de Galicia adxudicou 1.250.000 euros a seis empresas editoras e propietarias de xornais, emisoras de radio e cadeas de televisión de ámbito estatal xusto despois de que Alberto Núñez Feijóo accedese á presidencia do Partido Popular e cando xa anunciara que deixaría o Goberno galego e, por tanto, quedaría sen a capacidade de utilizar diñeiro público autonómico para entregar axudas institucionais aos medios.

Os contratos, con cargo á publicidade institucional do Xacobeo 2020-2021, foron tramitados polo procedemento negociado sen publicidade por exclusión, é dicir, a dedo e sen concurso público. Cinco deles foron subscritos cando Feijóo xa asinara a súa renuncia á presidencia do Goberno autonómico e se atopaba como xefe do Executivo galego en funcións.

Durante os seus trece anos de mandato en Galicia, Feijóo adxudicou cantidades millonarias aos medios privados mediante axudas e convenios de difícil xustificación. A oposición vincúlaos coa súa estratexia para gañarse o seu apoio editorial e modelar en positivo a súa imaxe política, á que tamén contribuiría a manipulación dos medios públicos dependentes da Corporación de Radio e Televisión de Galicia.

Feijóo foi nomeado presidente do PP o pasado 2 de abril e asegurou que deixaría a Xunta en maio. O 19 de abril, a Axencia Turismo de Galicia, adscrita da vicepresidencia que ocupaba entón o seu sucesor, Alfonso Rueda, adxudicou 50.000 euros a Uniprex, a filial de Atresmedia que xestiona a súa división de radio, para insercións de propaganda e publicidade en Onda Cero.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a renuncia de Feijóo á presidencia da Xunta o sábado 30 de abril, e o luns seguinte, 2 de maio, pasado a fin de semana e mentres asistía en Madrid aos actos desa data festiva, o seu Goberno contratou 200.000 euros con Vocento, propietaria de ABC, o dominical XL Semanal e 13TV. Tres días despois, o xoves 5 de maio, adxudicou outros 300.000 euros á cadea COPE.

O venres 6 de maio, a Xunta subscribiu outros dous contratos: un por 200.000 euros con Prisa, dona de El País e da cadea SER; e outro por 300.000 euros con Audiovisual Española 2000, editora do diario La Razón e vinculada ao Grupo Planeta, á súa vez accionista de referencia de Atresmedia, propietaria, entre outros medios, de Antena 3 e da cabeceira de onda Cero.

O venres 9 de maio, a Axencia Turismo de Galicia adxudicou 200.000 euros a Unidade Editorial, editora, entre outros, de El Mundo, Marca, Expansión e a revista Telva.

Ese mesmo día, o DOG publicou a renuncia de Mar Sánchez Sierra, ata a data secretaria xeral de Medios da Xunta. Sánchez Sierra era a persoa que desde o 2009 controlaba todas as axudas, contratos e convenios do Executivo galego cos medios e empresas privadas de comunicación. Hoxe ocupa a Dirección de Comunicación da executiva de Feijóo no Partido Popular.

Os contratos foron tramitados polo procedemento negociado sen publicidade por exclusión, polo que puideron eludir os requisitos de transparencia e equidade dunha convocatoria pública aberta, que permitiría que outras empresas optasen á adxudicación coas ofertas que considerasen oportunas.

Ademais, negociáronse individualmente coma se correspondesen a proxectos e programas diferentes, cando en realidade todos teñen o mesmo obxecto porque se refiren á promoción turística de Galicia con motivo da celebración do Xacobeo 2021, que se ampliou a 2022 por mor da crise sanitaria.

Alfonso Rueda, na toma de posesión da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, en setembro do 2020 / Xoán Crespo

O procedemento negociado sen publicidade faculta ás administracións españolas a elixir e convidar a unha firma en concreto para que presente unha proposta encamiñada a cubrir a compra de bens, a prestación de servizos ou a execución de obras, e a negociala con ela sen que a súa competencia poida concorrer ao proceso.

A Lei de Contratos do Sector Público, aprobada en novembro do 2017, contempla esta opción, con todo, só para casos moi concretos nos que non parece ter cabida a adxudicación de publicidade e propaganda a empresas privadas.

De feito, a citada norma modificou o uso do procedemento negociado que se admitía ata entón ao considerar que non garantía a transparencia e obxectividade necesarias e mesmo dificultaba, segundo a redacción literal da exposición de motivos da lei, «a loita contra a fraude e a corrupción».

En concreto, o artigo 168 restrinxe o procedemento negociado sen publicidade a aqueles supostos nos que quedasen deserta unha licitación aberta previa, cando non exista competencia, cando o contrato teña por obxecto a creación ou adquisición de obras de arte ou cando fose declarado secreto por razóns de seguridade do Estado.

Luzes-Público preguntou á Xunta por que acudiu a ese instrumento para contratar a promoción turística convencional de Galicia nos medios privados estatais, pero ao peche deste artigo non obtivo resposta.

Tampouco explicou o Goberno autonómico o porqué de que os contratos estean subscritos polo xerente da Axencia Turismo de Galicia por delegación da súa directora, Nava Castro, quen ocupa o cargo político que, segundo os estatutos da propia axencia, ten a única facultade para asinalos.

A lexislación española tamén establece que as administracións deben informar das razóns excepcionais polas que acoden ao procedemento negociado sen publicidade e a facer públicos a documentación e trámites do proceso.

Nos expedientes públicos, con todo, só figuran as resolucións finais de adxudicación, pero non os pregos de condicións técnicas e administrativas ás que estaban suxeitas, nin as valoracións das respectivas mesas de contratación sobre as ofertas presentadas, nin os termos nos que se negociaron os contratos.

A promoción do turismo en Galicia á que fan referencia as adxudicacións, ademais da habitual inserción de anuncios, logos e cuñas publicitarias e de publirreportaxes, inclúe en varios casos condicionantes á liña editorial dos diarios, emisoras de radio e cadeas de televisión dos medios beneficiarios, as datas de publicación e emisión e mesmo citas expresas aos xornalistas que deben glosar nas súas informacións e programas os atractivos turísticos de Galicia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail