A Coruña.- Os deputados autonómicos socialistas Pablo Arangüena e Paula Castro presentarán este xoves no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que reclaman á Xunta explicacións polos 50.000 euros que pagou a Administración galega baixo mandato de Alberto Núñez Feijóo á canle de televisión do ultradereitista Javier Negre.
Eses contratos, tramitados a través da Axencia Turismo de Galicia, foron partidos para evitar a súa licitación pública. Formalizáronse pouco despois de que Feijóo anunciase a súa candidatura á presidencia do PP e a súa decisión de renunciar á do Goberno galego.
Os 50.000 euros entregados a Negre súmanse aos 1,2 millóns de euros que Feijóo distribuíu entre varios grupos de comunicación estatais cando preparaba a súa aterraxe en Madrid e xa estaba en funcións, e os 2 millóns repartidos entre medios galegos nas mesmas datas.
En concreto, os representantes do PSOE queren que a Xunta facilite ao Parlamento de Galicia o expediente completo dos contratos con EDA Consulting TV, a empresa propiedade de Negre que administra a súa canle de televisión, e tamén «un informe detallado sobre os servizos prestados como contraprestación dos 50.000 euros desembolsados, incluíndo copia (no formato que se considere máis adecuado) de cada un dos contidos que foron realizados en cumprimento do contrato».
Tres contratos
O 8 de abril de 2022, seis días despois de que Feijóo anunciase a súa candidatura para presidir o PP, a Axencia Turismo de Galicia adxudicou a EDA Consulting un contrato de 17.995 euros -14.781 euros máis o 21% do imposto sobre o valor engadido (IVE)- para financiar a posta en marcha de «unha canle de noticias turísticas na televisión dixital EDATV».
O 16 de abril, tres días antes de que Feijóo dimitise como presidente da Xunta e cando xa o era presidente do PP, a mesma Axencia adxudicou outros dous contratos á empresa de Negre: un por 15.110 euros -12.487 máis IVE- para unha «campaña de publicidade», e outro por 16.985 euros -13.962 máis IVE- para «promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021-2022»-.
A suma das tres adxudicacións cos seus correspondentes impostos son exactamente 50.000 euros. Pero sen IVE os tres están por baixo dos 15.000 euros, é dicir o listón baixo o que a lei española de contratación pública establece que os contratos teñen carácter menor e pódense adxudicar a dedo e con requisitos máis flexibles en materia de publicidade, control e concorrencia.
Os contratos tiñan un prazo de execución de dúas semanas. Segundo lembran Arangüena e Castro, a única promoción que logrou a Axencia Turismo de Galicia cos 50.000 euros entregados a EDA consiste nunha serie de vídeos curtos colgados en EDATV e na súa canle de Yotube nos que o propio Negre se grava a si mesmo co móbil facendo algúns tramos do Camiño de Santiago e relatando as súas impresións, sen advertir en ningún momento que recibiu diñeiro público da Xunta.
«Feijóo financiou a medios afíns a Vox»
«Feijóo financiou con diñeiro público a medios afíns á ultradereita, a Vox e á parte máis ultradereitista do PP, para que o tratasen ben xusto antes de irse a Madrid», dixo Arangüena nunha sesión da Comisión Institucional do Parlamento de Galicia na que a responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, negou incorrer en irregularidade algunha.
Durante os trece anos nos que exerceu a presidencia da Xunta, Feijóo gastou máis de 45 millóns de euros do orzamento autonómico en axudas a dedo, convenios opacos e adxudicacións ás empresas xornalísticas e de comunicación.