O silencio e a vergoña son amigos dos meus amigos,
entón fai falla unha machada que aguce a estaca,
unha vida perdida e a súa reconquista,
abolir o espello dos portais das rúas
e dicirse sangrando:
os amigos dos meus amigos son os meus inimigos.
Nacín aquí.
Para definir nacionalismo apelo ó meu corpo.
A miña infancia foi exactamente igual que a túa con mil peros
e unha guerra crónica que eu remato amando.
Ser, parécese moitísimo á figura dunha tarasca que agora adquire forma de poema
e dáse o recordo por resolto na medida do posible
porque (e isto sábeo todo o mundo)
a vida ten de seda o que de seda ten o sarrio.
Pouco máis lle queda a unha que asumir
que a identidade non veu para quedar nin marchou para marchar.
E así, cada quen co seu cancro, sucede.
Mudouse o monstro.
Todo o que eu tiña roubóullelo ós pobres para dárllelo ós leóns.
Faime a mesma pregunta todos os días:
Que se quero, ou que se teño?
Todo isto antes era noite (Apiario, 2018)
Abril republicano é unha iniciativa conxunta da Fundación Luzes e o diario Público