Raúl Solleiro Mella, na memoria

Raúl Solleiro Mella, neto do teórico anarquista Ricardo Mella Cea, faleceu na Coruña, segundo informou a familia, este domingo 18, catro días despois do 90 aniversario da proclamación da II República. Raúl era un dos catro fillos de Urania Mella (a cuarta filla dos doce que tivo Ricardo Mella) e de Humberto Solleiro, un sindicalista de UGT, empregado na compañía de Tranvías que deseñara e dirixira en Vigo o seu sogro.

Ricardo Mella, cando era director da Compañía de Tranvías de Vigo

Raúl Solleiro, nacido en 1928, non coñeceu a seu avó, morto tres anos antes, pero si que se sabía neto dunha celebridade (aínda que soamente fose porque non pagaba as viaxes en tranvía, lembraba). Tamén recordaba a memoria alegre que gardaban del as súas tías na casa familiar, no número 12 da rúa García Barbón. Todo cambiou, como para moitos outros, cando militares e fascistas deron o golpe de estado en 1936.

Urania Mella, co seu fillo Raúl

O capitán Carreró, que leu a declaración de estado de guerra na Porta do Sol o 20 de xullo e ordenou disparar contra os alí presentes, encargouse tamén de dirixir o pelotón de fusilamento que acabou coa vida do alcalde, Emilio Martínez Garrido, xunto coa doutros dirixentes republicanos, e posiblemente tamén coa de Humberto Solleiro. Os pais de Raúl foron condenados a morte simplemente pola súa militancia, e os catro fillos confiados á custodia dunhas tías paternas, adictas ao novo réxime. Un día, as tías mandáronlle pechar as ventás: «Va a pasar tu padre, que lo van a fusilar en El Castro».

Urania Mella e Humberto Solleiro

A Urania conmutáronlle a pena de morte pola de trinta e logo doce anos de cárcere. A casa familiar saqueáranlle os falanxistas (só deixaran o piano coa que Urania daba clase porque non foran quen de levalo) e a Raúl metérono nun colexio de curas onde os rapaces metíanse con el dicíndolle que a seu pai o fusilaran. Cando a nai saíu do cárcere, Raúl tiña 17 e decidiron ir vivir a Lugo, para non aturar o ambiente en Vigo. Aos dous anos, ela morreu e el decidiu probar sorte na Coruña.

Raul con Mariví Villaverde, filla do discípulo do seu avó, José Villaverde. Foto Iria Presa

Tívoa. Dedicouse ao transporte, en certa medida como seu avó. Creo empresas e chegou a ser presidenta da patronal provincial («e logo, só poden ser empresarios os fillos dos ricos?» dicíame cando o entrevistei para un homenaxe que lle fixeron en Vigo hai 8 anos. Raúl Solleiro definíase como apolítico –«xureille a miña nai que nunca me metería en política», pero non antipolítico. «Non quere dicir que non teña ideoloxía. Son socialista, aínda que non estivese en partido ningún». Tamén un pouco como o avó. Aínda así, casou coa filla do derradeiro alcalde republicano de Monforte, Juan Tizón Herreros, que conseguiu escapar en 1936 a Portugal, onde viviu agachado (entre outros sitios, na casa de Mário Soares) ata que morreu, en 1945.

En Vigo, co seu curmán Jorge Forneiro Mella, fillo de Alicia Mella. Foto Iria Presa

Raúl Solleiro Mella, subscritor fundador de Luzes e constante vindicador da memoria familiar, escribiu varios libros, (El monstruo de la Guerra Civil, Pasión por los libros, 2017, entre outros). Salvamento Marítimo bautizou en 2008 un buque anticontaminación co nome da súa nai (sen invitar á familia), pero o Goberno de Rajoy non renovou a concesión, e o Urania Mella chámase agora Monte Aruca e é unha gasolineira flotante no porto da Coruña. O Ministerio de Xustiza, en 2010, ao abeiro da Lei da Memoria Histórica, expediulle unha declaración recoñecendo que as condenas a seus pais foron ditadas «sin las debidas garantías, por ilegítimo Consejo de Guerra», na causa 868/1936 do Juzgado Militar Eventual nº 2 de Vigo, pero negáronse a devolver os libros que lles incautaran.

A causa contra Urania e Humberto, e os libros de Ricardo Mella incautados

O Tribunal Militar Territorial nº4 de A Coruña considerou que «forman parte de la causa, estando incorporados a la misma y foliados, no pueden ser objeto de entrega». Sindicalismo y socialismo, de José Prat e Sindicalismo y anarquismo, de Ricardo Mella (Ed. Cultura Libertaria de A Coruña); En defensa del anarquismo. Lucha de clases, de Ricardo Mella (Imprenta Germinal de Barcelona) e Llamamiento del Comité Central del Partido Comunista (Prensa Obrera de Madrid) seguen presos.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail