Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
O deputado de En Marea Juan Merlo dicía que era enxeñeiro e non o era. Cando se soubo, primeiro pediu desculpas e logo dimitiu. Perdeu o tempo. Podía terse aforrado o esforzo se pensaba que iso ía provocar que unha onda de dignidade percorrera as institucións, deputados e deputadas de todos os currunchos ideolóxicos ían seguir o seu exemplo, os seus compañeiros de partido ían despedilo como se merece, os seus competidores políticos ían recoñecerllo e a opinión pública e publicada ía aplaudirlle.
Lonxe de provocar un efecto depurativo nas institucións, o que incitou foi que o PP aumentara a forza e a potencia do ventilador de merda que esparce por tódolos ámbitos e institucións que non goberna ou non controla. A dimisión de Merlo tiña que vir acompañada da dimisión de todos/as as sinaladas polo dedo acusador do PP e o seu medio sicario mellor pagado: La Voz de Galicia. Porque é o PP, o partido da Gürtel e a Púnica ou o caso Cifuentes, quen pon a liña que separa aos decentes dos indecentes.
A esquerda e o nacionalismo non aprenden. Canto mais sacrificios lle ofrecen á dereita para acalmala, máis sangue demanda
Lonxe de animar que os seus compañeiros de partido o converteran nun exemplo a seguir, non causou ni que pararan un segundo de pelexarse entre eles para renderlle sequera un mínimo tributo. Aínda peor, pasou a ser máis munición na absurda pelexa que teñen en En Marea por gañarse o respecto e o aplauso do PP e dos seus medios afíns. A esquerda e o nacionalismo non aprenden. Canto máis sacrificios lle ofrecen á dereita para acalmala, máis sangue demanda.
Que dicir dos competidores políticos de En Marea, a unha banda e á outra. Lonxe de calar e tomar nota discretamente sacan peito pola peza abatida mentres protexen, aplauden e desculpan a compañeiros e camaradas que corren a purgar ás agachadas os seus currículos, sen ter nin a decencia de pedir desculpas.
En canto á opinión pública e publicada resulta desacougante comprobar como, o feito rarísimo e case milagroso de que alguén dimita por mentir no seu currículo, non só non se converte nunha proba de que hai diferenzas entre uns e outros, senón que se transforma na proba de cargo definitiva de que todos son iguais; así que para que imos cambiar os que sempre estiveron.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán