A Coruña.- A Xunta de Galicia entregou durante o primeiro ano desta lexislatura 15 veces máis diñeiro aos medios de comunicación que publican e emiten informacións e opinión en español que aos que o fan integramente en galego. Así o reflicten os datos sobre repartición de axudas directas á prensa publicados polo Goberno de Alfonso Rueda e os convenios bilaterais subscritos pola Administración autonómica coas empresas editoras de xornais afíns ao PP, aos que tivo acceso Luzes-Público.
O Estatuto de Autonomía de Galicia establece que a lingua propia da comunidade é o galego e que a Administración autonómica ten a obriga de potenciar o seu uso «en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa». Pero despois de décadas de axudas millonarias á prensa –45 millóns de euros durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo e máis de seis millóns durante os de Rueda–, 11 dos 12 diarios de papel do país seguen empregando o galego de maneira accesoria e residual nas súas noticias e artigos.
Nese mesmo tempo, e a pesar de que boa parte do diñeiro que a Xunta entrega aos medios escritos en castelán é en teoría para sufragar a promoción dese idioma nas súas páxinas e para fomentar a lectura de prensa nos colexios, o galego foi perdendo falantes, especialmente entre o máis novos. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de usuarios do español xa é superior ao de galegofalantes por primeira vez desde que se teñen rexistros. Un 24% dos galegos menores de 15 anos asegura que non sabe falalo, fronte ao 17% do ano 2003. Segundo un informe da Real Academia Galega, o sistema educativo é unha verdadeira trituradora de usuarios do idioma: a medida que os e as escolares que o teñen como lingua materna pasan de curso, van deixando de utilizalo, mesmo nas súas propias familias.

A porcentaxe de uso do idioma de Galicia nos xornais de papel chega a ser irrisorio se se compara co diñeiro que reciben da mesma Administración que está obrigada a defender e promover o seu uso na prensa. Só no primeiro ano desta lexislatura –Rueda gañou con maioría absoluta as eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024–, e sen contar a publicidade institucional nin outras subvencións e incentivos fiscais, a empresa editora de La Voz de Galicia –o director do diario coruñés é Xosé Luis Vilela– recibiu máis de 1,52 millóns de euros en axudas directas e convenios a dedo sen concurso público.
Prensa Ibérica, «El Progreso» e «La Región»
Prensa Ibérica, dona de Faro de Vigo –diríxeo Rogelio Garrido–, El Correo Gallego de Santiago –Xaime Leiro– e La Opinión da Coruña –Manuel Ferreiro–, ingresou máis de 662.000 euros, e a editora de El Progreso de Lugo –o director é Alfonso Álvarez Riveiro– e Diario de Pontevedra –Miguel Ángel Rodríguez–, 387.000 euros. A empresa de La Región de Ourense –diríxeo Xosé Pastoriza– e Atlántico Diario de Vigo –Julio Rodríguez– ingresou máis de 281.000 euros. Editorial La Capital, que publica El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol e Diario de Arousa –diríxenos, respectivamente, Rubén Ventureira, Cristina Rodríguez Calvo e José Pereira–, levou preto de 75.000 euros.
O único xornal que sae á rúa integramente en galego en Galicia é Nós Diario, de liña editorial nacionalista, dirixido por Alberte Mera e que se publica de martes a sábado. No mesmo período obtivo da Xunta 32.913,81 euros. Deles, 30.000 euros corresponden á liña de axudas autonómicas aos medios publicados só en galego, unha partida de 200.000 euros que se reparte entre 32 pemes que reciben unha media de 6.250 euros anuais. Medios de tirada autonómica como as revistas Luzes e Tempos Novos ingresan menos de 4.500 euros, e semanarios e mensuais comarcais ou locais como A Nova Peneira ou Lugo Xa! apenas pasan dos 6.000 euros.
No caso de Nós Diario, a Xunta faino a pesar de que a Organización para a Xustificación da Difusión, a principal entidade acreditadora das cifras de alcance dos medios escritos, considera xornal a calquera publicación informativa en papel que salga á rúa catro días á semana. A editora de Nós, Sermos Galiza, perdeu en 2023 no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o recurso á repartición de axudas da Xunta de 2022.

En canto aos outros medios en galego, a coordinadora de Luzes, Ana Cermeño, opina que a Xunta os discrimina en todas as axudas que concede á prensa. Primeiro, porque as exclúe dos convenios bilaterais e da gran partida destinada á prensa escrita, que o Goberno de Rueda só asina e reparte, respectivamente, entre os grandes editores en castelán. En segundo lugar, porque nas subvencións específicas para fomento do uso do galego nos xornais en castelán a Administración autonómica esixe unha porcentaxe de contidos nese idioma «que nin se fiscaliza nin se cumpre e, ademais, está por baixo da demanda dos propios lectores deses medios».
«Criterios de repartición sen a máis mínima lóxica»
En terceiro termo, porque a cantidade destinada axudas aos medios en galego, dez veces inferior á que reciben os publicados en español, «carece da máis mínima lóxica racional» nos seus criterios de distribución. «Non se ten en conta a difusión de cada un, se hai ou non persoal contratado, se se ofrece información de elaboración propia ou se se pagan ou non as colaboracións, nin sequera se a sociedade editora ten como obxecto a publicación de información», apunta Cermeño. «Non son axudas a empresas xornalísticas en galego, son axudas discrecionais a imprentas», conclúe.
O Goberno de Rueda tamén distribúe subvencións a outros medios dixitais e cadeas de radio que emiten principalmente en castelán e que reservan o galego, como moito, a un papel accesorio na súa programación local. Así, as emisoras da cadena SER obtiveron no último ano preto de 110.000 euros en axudas directas. COPE levou preto de 90.000, e Onda Cero, arredor de 65.000 euros. Sumadas ao resto de subvencións e convenios a medios en castelán desde que Rueda gañou as últimas eleccións, son 3.138.317,63 euros, é dicir, 15,5 veces máis que os 202.913,81 euros destinados aos medios que empregan a lingua do país.