Crianzas

Teño unha filla de 19 meses. En todo este tempo só durmín unha noite separada dela. Unha soa entre máis de 570 desde que naceu. Non quero unha medalla por iso. Póñoo aquí porque non imaxino en que situación durante a infancia da miña filla eu, como nai, poida crer que subila a unha lancha para que cruce soa o océano é mellor opción que tela comigo.

Non é un suposto hipotético, remoto e distópico, é o que decidiron facer moitas nais das 5.800 crianzas que actualmente se atopan en centros para menores migrantes non acompañados das Illas Canarias. 5.800 nenas e nenos que alguén subiu a unha patera ou caiuco (quizais eles mesmos) para navegar durante semanas polo Atlántico e chegar –vivas ou mortas– a chan europeo.

Ese é o marco do debate: a vida, os dereitos humanos de nenas e nenos que non teñen nada, nin sequera familia, e que están amoreados en 80 centros que conforman a precaria e exhausta rede de acollemento canaria.

E nese contexto, no que as autoridades canarias reclaman solidariedade e corresponsabilidade no acollemento destas nenas e nenos diante da incapacidade absoluta para poder garantirlles os seus dereitos fundamentais, o Partido Popular decidiu convertelas nunha arma arreboladiza máis que usar no seu pim pam pum particular.

O mesmo Partido Popular que cabalga con gusto no discurso máis ultra de extrema dereita négase a que as comunidades que goberna acollan parte destas crianzas, unha acollida que se vai tornar obrigatoria pola vía da reforma da Lei de Estranxeiría ante a incapacidade de acordar durante os últimos anos unha repartición voluntaria. Distribución de nenas e nenos, non de paquetes do Amazon.

Reclamar un financiamento xusto para garantir a mellor acollida non pode ser escusa para alentar discursos excluíntes e racistas.

Neste escenario, o goberno do Partido Popular na Xunta foi dos primeiros en saír, como bo alumno avantaxado, para se negar en rotundo a acoller 326 crianzas. Fíxoo a través da conselleira de Política Social, que criticou os criterios de distribución das e dos menores como «un traxe feito a medida de Puigdemont». O mesmo argumento que vale para rexeitar a quita da débeda serve para darlle coa porta nos fociños a un neno. «Desde Galiza non imos aceptar a repartición obrigatoria de menores non acompañados». «Galiza non vai aceptar ningún trágala. Non temos ningunha praza para acoller máis menores non acompañados», sentenciou a Xunta.

Nos últimos tres anos (2022, 2023 e 2024) Galiza acolleu 90 menores migrantes froito dos acordos de relocalización alcanzados co goberno canario e co español. Aseguran desde a Xunta non ter nin unha praza máis para atender novas chegadas toda vez que están ocupadas as 832 actuais, a práctica totalidade, todas agás 90, con menores tutelados pola Xunta non migrantes.

Acoller e tutelar esixe recursos e diñeiro, mais sobre todo esixe altura política e valores éticos e morais. Reclamar un financiamento xusto para garantir a mellor acollida non pode ser escusa para alentar discursos excluíntes e racistas. Que distintas foron as posicións cando quen fuxía da guerra era o pobo da Ucraína!

O PP fai, unha vez máis, dos dereitos das persoas unha trincheira partidista, mentres, 5.800 nenas e nenos esperan que alguén lles tenda a man, por unha vez na vida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail