A Coruña.- A Mesa do Senado convocou ao senador e expresidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar o mércores da semana que vén para que declare na Comisión de Suplicatorios da Cámara Alta, antes de levantarlle a inmunidade para o que Tribunal Supremo poida xulgalo.
Trátase da primeira vez que o Senado estuda un suplicatorio do Supremo desde que en 2009 recibise o de Luis Bárcenas, extesorero do PP, imputado na trama Gürtel polos delitos de suborno e fraude fiscal e posteriormente condenado a 29 anos e un mes de cárcere.
Baltar está procesado por un delito contra a seguridade viaria por conducir o coche oficial da Deputación a 215 quilómetros por hora. Pola súa condición de aforado, que adquiriu con posterioridade á infracción cando o PP nomeouno senador por designación autonómica, debe ser xulgado polo Supremo previa autorización do Senado.
O Código penal considera unha infracción moi grave constitutiva de delito conducir en vías interurbanas 80 km/h por encima do límite de velocidade. Baltar facíao a 95 km/h sobre o máximo de 120 en autovía. Esa infracción está castigada con penas de tres a seis meses de cárcere, multa de seis a doce meses ou traballos sociais de 31 e 90 días.
Declaración de Baltar
A Comisión de Suplicatorios reuniuse este martes ao mediodía cos representantes da Mesa e os portavoces dos grupos para acordar as súas sesións de traballo, que inclúen a declaración de Baltar o próximo 27 de marzo ás 12 do mediodía.
A audiencia é voluntaria, de forma que o senador e expresidente do PP de Ourense poderá eludir a cita se así o desexa. Luzes-Público preguntoulle cal se a súa intención era acudir, pero ao peche deste artigo o senador non respondera.
«Manuel Baltar ten que responder á xustiza como calquera outro cidadán», afirmou este martes o senador socialista por Ourense Rafael Rodríguez Villarino, exportavoz do PSOE no Concello de Ourense, que foi deputado provincial e líder da oposición contra Baltar na Deputación.
«Ao PP non queda lle máis remedio que votar a favor»
«O Senado debe conceder o suplicatorio e ao PP non queda máis remedio que votar a favor, é evidente», engadiu Rodríguez Villarino.
A votación secreta no Senado supón que non se coñecerá o voto particular de cada senador. Pero dado que o PP ten maioría absoluta na Cámara -144 escanos dun total de 266-, non será posible que Baltar eluda o xuízo sen o favor dos seus compañeiros de partido.
O Tribunal Supremo solicitou o suplicatorio o pasado 6 de marzo, despois de que a maxistrada que instrúe a causa, Ana Ferrer, concluíse que a infracción cometida por Baltar contén indicios suficientes de delito para abrir xuízo oral. Unha vez recibida a solicitude, a Comisión de Suplicatorios ten 30 días de prazo para elaborar un ditame a favor ou en contra de concedelo.
O informe deberá ser sometido a debate e votación en sesión secreta no primeiro pleno ordinario posterior, o que fará que a decisión final coincida coa campaña das eleccións autonómicas en Euskadi, a precampaña das autonómicas de Catalunya e a das europeas de xuño.
Precisamente, segundo fontes do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo podería acordar con Baltar a posibilidade de incluírlle nos postos de saída das listas do partido para a Eurocámara. Luzes-Público non puido confirmar a veracidade desa afirmación.
Más multas por exceso de velocidade
O que si pactaron Feijóo, Alfonso Rueda e Baltar foi facer a este senador a cambio de que deixase a Deputación cando, tras a multa por circular a 215 km/h, sóubose que o coche oficial que Baltar adoitaba conducir e varios outros vehículos do parque móbil da súa presidencia acumulaban máis expedientes por exceso de velocidade.
En varios deles a institución provincial acabou pagando o triplo do importe inicial por negarse a identificar os seus condutores diante a Dirección Xeral de Tráfico.
En polo menos dous nos que si se identificou ao condutor as infractoras resultaron ser a esposa e a filla do que era o seu chofer oficial, que asumiron as multas. Fixérono poucos meses antes de que esta última obtivese unha praza de funcionaria no organismo presidido por Baltar.
A Comisión de Suplicatorios está formada por 31 senadores -16 do PP, 7 do PSOE e outros seis da Esquerda Confederal, ERC, PNV, EHBildu, PNV, Coalición Canaria e Vox-. Presídea Alfonso Serrano, portavoz do PP de Madrid e man dereita da presidenta desa comunidade, Isabel Díaz Ayuso, e a vicepresidenta segunda é a socialista Susana Díaz.
Luzes-Público tratou sen éxito poñerse en contacto con Alfonso Serrano e con Susana Díaz para coñecer a posición dos seus respectivos grupos, pero ao peche deste artigo ningún dos dous respondera á petición deste diario.