Altri, a fábrica de celulosa apadriñada pola Xunta e José Blanco que pon en pé de guerra a dúas comarcas galegas

A Coruña.- O anuncio da multinacional papeleira lusa Altri de que planea construír un fábrica de fibras téxtiles de celulosa na localidade lucense de Palas de Rei puxo en pé de guerra ás comarcas da Ulloa e de Arousa, onde nace e desemboca o Ulla, o río que a empresa quere explotar para garantir o seu proceso industrial.

O proxecto xa foi avalado pola Xunta, que o declarou en decembro pasado de interese estratéxico para Galicia, reducindo así a burocracia e os prazos de autorización necesarios para a súa posta en marcha, e está patrocinado pola empresa Acento Public Affairs.

Trátase dunha sociedade de consultoría especializada en facer lobby fronte ás administracións públicas fundada por José Blanco, natural de Palas de Rei, exsecretario de organización do PSOE e ministro nos gobernos socialistas de José Luis Rodríguez Zapatero. Lidéraa o propio Blanco xunto ao tamén exministro Alfonso Alonso, do PP, que o foi nos executivos de Mariano Rajoy.

«O proxecto é un monstro que causará unha devastación total na nosa comarca», asegura Patricia Villarino, responsable de comunicación da plataforma Ulloa Viva, que agrupa a veciños e asociacións ecoloxistas que rexeitan a planta.

Medio centenar de alegacións

Villarino asegura que ata o de agora só tiveron acceso á información publicada pola Xunta no Diario Oficial de Galicia. É dicir a declaración de interese estratéxico, á que presentaron medio centenar de alegacións; o informe de impacto ambiental, e a declaración de utilidade pública, contra as que tamén planean presentar recursos.

Segundo esa documentación, Altri ocupará unha superficie de 366 hectáreas, é dicir dez veces máis da extensión sobre a que se asenta a fábrica de celulosas de Ence en Pontevedra, que durante decenios contaminou con mercurio a ría desa cidade.

«O proxecto di que ese tratamento ‘cumprirá os estándares legais’, pero iso non significa que o que vai a verter ao río sexa auga limpa»

A planta de Altri en Palas terá unha unha cheminea de 75 metros de altura que, segundo a plataforma, emitirá xofre e gases tóxicos que provocarán choiva aceda nun radio de entre 10 e 30 quilómetros ao redor da súa localización.

O complexo, que estará a un quilómetro do Camiño de Santiago, captará 46 millóns de litros diarios da auga do Ulla no encoro de Portodemouros, que serán transportados á fábrica a través de 12,5 quilómetros de tubaxes que afectarán a unhas 800 leiras privadas ou mancoumadas. A empresa devolverá ao río 30 millóns de litros de auga tras un proceso de depuración.

«A auga estará contaminada»

«O proxecto di que ese tratamento ‘cumprirá os estándares legais’, pero iso non significa que o que vai a verter ao río sexa auga limpa. Estará contaminada», alerta Villarino.

O Ulla, o quinto río de Galicia por caudal e lonxitude, nace no municipio de Antas de Ulla, e desemboca a 137 quilómetros de distancia na ría de Arousa. Del abastécense tamén de auga potable once municipios desa zona repartidos entre as provincias da Coruña e Pontevedra, situados ao norte e ao sur dese estuario.

A plataforma en defensa da ría, formada por mariscadoras, pescadores e asociacións ecoloxistas e veciñais, advirte dos riscos sobre a saúde da poboación −preto de 150.000 persoas− e dos perigos sobre o medio ambiente e sobre a produción marisqueira.

Representantes das plataformas da Ulloa e Arousa, a semana pasada en Carril (Pontevedra) / Foto cedida

«É unha actividade [a de Altri] que demanda auga en tales volumes que non vai ser sostible», asegurou o biólogo Xaquín Rubido, portavoz do colectivo, nunha reunión conxunta das plataformas da Ulloa e Arousa a semana pasada. «Vai destruír a ría de Arousa e vai provocar o desabastecemento das poboacións que nestes momentos captan auga do Ulla para beber», dixo.

Altri é a segunda produtora de papel máis grande de Portugal −a primeira é Navigator−, e segundo os afectados polo seu proxecto galego xa ten outras tres plantas de celulosa en Portugal que serían sancionadas por verter contaminantes ao río Tejo −o Texo ao seu paso por ese país−.

Altri pertence ao grupo Cofihold, de cuxa división de medios, Cofina, que xestiona varios xornais, revistas e canles de televisión, tamén é accionista desde novembro do ano pasado o futbolista Cristiano Ronaldo.

Greenfiber

Luzes-Público dirixiuse a Altri para obter a súa versión sobre o impacto da súa planta de celulosa en Palas de Rei do que advirten os seus detractores, petición que os responsables de comunicación da empresa trasladaron a Greenfiber, a compañía galega á que se asociou para promover o proxecto. Ao peche deste artigo, esta non respondera.

En realidade, Greenfiber son dúas sociedades. Unha con ese nome fundada en xuño de 2023, e Greenfiber Development, que ata o ano pasado denominábase Greenalia Solar Power El Patio e que se dedicaba ao negocio fotovoltaico como filial de Greenalia.

«Vai destruír a ría de Arousa e vai provocar o desabastecemento das poboacións que nestes momentos captan auga do Ulla para beber»

Greenalia é propiedade do empresario Manuel García e unha das compañías punteiras en Galicia no sector das enerxías renovables. Está presidida por José María Castellano, exman dereita de Amancio Ortega en Inditex, e no seu consello de administración sentan dúas exaltos cargos da Xunta: Antonio Couceiro, que foi conselleiro de Industria con Manuel Fraga, e Beatriz Mato, tamén exconselleira, responsable de Medio Ambiente e Infraestruturas nos executivos de Alberto Núñez Feijóo.

O pasado xaneiro, Altri fíxose co 75% de Greenalia Solar Power O Patio, que pasou a denominarse Greenfiber Development despois de que García inxectase 3 millóns de euros no proxecto da celulosa e dese entrada na compañía como apoderados aos membros da cúpula da papeleira portuguesa.

400.000 toneladas de celulosa e outras 2500.000 de lyocell

As plataformas contrarias ao proxecto de Altri acusan á compañía de simular baixo a etiqueta verde de proxecto supostamente sostible de fibra biotextil «unha celulosa convencional de actividade altamente contaminante». A factoría terá capacidade para producir anualmente 400.000 toneladas de celulosa ae outras 250.000 de lyocell, un tecido semisintético fabricado a partir da fibra de madeira.

«Devorará cada ano 1,2 millóns de toneladas de eucalipto», asegura Patricia Villarino, para engadir que ese nivel de consumo de madeira precisa dunha enorme multiplicación dos cultivos desa especie foránea, que invadiu os montes galegos desde que chegaron as súas primeiras sementes fai uns 175 anos.

Importounas de Australia a mediados do século XIX o monxe ilustrado Rosendo Salvado, e desde entón xa ocupan en Galicia máis de 409.000 hectáreas. É dicir preto dun terzo de toda a superficie arborizada do país.

Altri anunciou que esta mesma semana iniciará unha rolda de reunións informativas cos veciños dos municipios afectados, pero estes aseguran que ata o de agora só teñen noticia dalgunhas convocatorias chegadas aos medios de comunicación, non aos seus colectivos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail