O fracaso na votación dos orzamentos cataláns levou a Pere Aragonès a convocar eleccións en maio. Xunto as galegas do mes pasado, as vascas de abril e as europeas en xuño, configúrase un horizonte que se vai estender ata o verán ao ritmo dunha campaña mensual. Máis unha vez, o réxime do 78 tensiónase por efecto da crise que ten pendente de resolver. As lexislaturas das tres nacións vanse renovar por orde ascendente de polarización e a serie electoral rematará coa escolla da representación española en Europa. Esta secuencia pode incidir de xeito decisivo no resultado final e mudar, xa que logo, os equilibrios parlamentarios saídos do 23X.
A nova axenda electoral sitúa aos partidos perante un marco ben particular: trátase de ler a multicrise (climática, social, bélica, etc.) en termos das súas territorializacións respectivas; e todo isto, á súa vez, nun horizonte europeo compartido. O que ven a ser un auténtico «Galeusca electoral». Noutras palabras, estamos diante dunha axenda que esixirá traducir en escanos as asimetrías que existen entre as diferentes realidades nacionais de España.
Paradoxalmente, como non existe un actor que dispoña da axencia política precisa (un proxecto federal asimétrico), a dualidade de voto vai servida. O electorado terá que escoller entre dous tipos de discurso marcados polas súas aporías respectivas: dunha banda, os nacionalismos non poden enmarcar as campañas antepoñendo a cuestión nacional (mesmo no caso da amnistía, o que prima é unha rebaixa de expectativas); da outra banda, PSOE e Sumar teñen que afrontar o desgaste da súa xestión en Madrid, ao tempo que non se poden evitar ter que facer propostas territorializadas.
O caso galego foi ben indicativo da primeira destas dúas variantes: un BNG centrado nos problemas do país, sen polarizar sobre a cuestión nacional, medrou ao tempo que PSdeG e Sumar eran fortemente penalizados. A persistente hexemonía do PP non evitou ao bipartidismo proseguir o seu declive na Galiza (do 79,45% de 2005 ao 61,84% actual). Non é só que o BNG aumente ao tempo que lidera a oposición; é que o desgaste do bipartidismo vai só por conta do PSdeG; e, xa de paso, deixa fora a Sumar.
O caso vasco, polo que lle toca, apunta á reafirmación dun bipartidismo abertzale no que o PSE-PSOE só pode xogar o papel de partido no gonzo. A tendencia ascendente de Bildu cuestiona a hexemonía do PNV, mesmo se aínda está por ver que poida chegar ao sorpasso. En calquera caso, Euskadi non será problemático para os socialistas, que saben que teñen asegurado un papel clave na gobernabilidade vasca. Quedará por ver, iso sí, se o bipartidismo PSOE/PP consegue mellorar por vez primeira desde 2009, cando sumaba un 44,31% (en 2020 obtivo o mínimo histórico de 20,42%).
O in crescendo desta primavera electoral chegará coas catalás. Segundo as enquisas, o PSC semella que vai a desfacer o triplo empate con ERC e Junts. En 2021, o PSC de Illa obtivo moi bos resultados. O partido viña de acumular unha serie histórica de derrotas en todo o país (de 52 escanos en 1999, a 16 en 2015), mais sobre todo en Barcelona (de 20 concelleiros en 1999, a 4 en 2015). Só con apelar a superar o Procés, Salvador Illa recuperou a maior parte do voto desencantado que Cs non soubo conservar (o resto foi basicamente para Vox). Collboni optou por unha estratexia similar e mesmo recuperou Barcelona.
Agora, as eleccións do 12M amosarán atá onde segue viva a maioría procesista ou se, pola contra, o PSC é quen de reartellar unha centralidade de seu. O certo é que o desprazamento do liderado da oposición de Cs a PSC serviu para distender a política catalana. Non menos destacábel sería, a efectos da restauración do réxime, que o PP obtivese de Vox unha transferencia de voto substancial. Lémbrese que entre 1999 e 2017, o bipartidismo PSOE/PP caeu dos 64 escanos (47,81%) aos 21 (18,12%) e só en 2021, unha vez colapsado o Procés, mudou a tendencia medrando ata os 36 (26,8%). Que Puigdemont se puidera presentar agora (e non nas europeas) sería por isto mesmo a evidencia definitiva da vixencia ou esgotamento do Procés.
En suma, todo apunta a que o «galeusca electoral» amosará que a capacidade de PSOE e PP para desactivar aos seus competidores a esquerda (UP, MP, Sumar…) e dereita (UPyD, Cs, VOX…) aínda contrasta coa persistencia da cuestión nacional (sempre e cando a independencia non sexa prioritaria). O axioma herderiano polo que cada comunidade etnonacional chegará a ser un Estado-nación forma parte xa dun retorno imposíbel a séculos pasados. A plurinacionalidade, porén, é un irredutíbel e a federalización asimétrica se está a amosar como esa «parte sen partido» que aínda pode cuestionar o réxime do 78.