Ter un galego (ou unha galega) na cúpula do Goberno debería ser algo obrigado por lei. Despois de aturar durante corenta anos un tipo de Ferrol que ninguén votou, a accidentada Presidencia de M. Rajoy era o mínimo que podiamos reclamar dende esta esquina noroeste. Xusto antes da chegada de Mariano, o tipo máis poderoso deste lado do Padornelo era Pepe Blanco, que non foi vicepresidente porque daquela só había un (unha), pero non mandaba menos ca ela. Por iso, o de Yolanda Díaz é algo de xustiza histórica.
Vale que para ese argumento igual nos servía xa Nadia Calviño, pero a min –persoalmente– non só me parece tan gallega como el gazpacho senón que nin sequera me dá o perfil de socialdemócrata, xa non vou dicir o de socialista. Por iso, que Pdro Snchez decidise quitarlle a vicepresidencia segunda a Yolanda para darlla a Calviño, non só é unha certa aldraxe –ao facer algo ao que non se atrevería con Pablo–, senón toda unha declaración de intencións por parte do presidente do autonomeado Goberno máis progresista da historia. A tecnocracia antes que o (ehem) comunismo. Despois disto, o de Ábalos e os alugueiros non pode sorprender a ninguén…
Que Yolanda (quen xa xoga nesa liga da xente que non precisa apelido, «como Oprah e Ellen» que diría a doutora Sharpe) era unha estrela emerxente non o dubidaba ninguén… do Padornelo para aló. Nun Goberno que conta os seus acertos cos dedos dunha man e as súas liortas internas por ferrados, a ferrolá sorprendeu dende o primeiro día pola súa actitude e os seus resultados. O último, hai apenas uns días, mentres non sabiamos se mirar cara a Madrid ou cara a Murcia, a regulación dos riders (pelexada tamén, por certo, con Calviño, e non só coa patronal). Sobre os capítulos anteriores, como a suba do salario mínimo, pouco xa que engadir; entre vela a ela no Ministerio e imaxinar a Fátima Báñez poñéndolle candeas a algunha virxe como medida estrela para frear os efectos da pandemia no mercado laboral, media un abismo.
Máis complicado segue a ter Yolanda o de ser profeta na terra. O seu é outro caso de facer a maleta para triunfar en Madrid, se ben eu diría que máis próximo a fenómenos pop como Jabois ou Novedades Carminha que ao dun Rajoy desterrado ao poleiro polo daquela todopoderoso Cuíña pai. Non en van, en El País (en concreto, no Smoda de El País) xa a comparan con Alexandra Ocasio-Cortez. Na casa, porén, semella triunfar máis o modelo doutra Alexandra, Fernández, antiga compañeira súa naquel grupo parlamentario de En Marea que chegou a sumar fugazmente seis escanos no Congreso. Tras rachar cos seus compañeiros, Fernández é hoxe deputada rasa no Hórreo polo BNG, unha cámara na que ningún dos herdeiros –máis ou menos lexítimos– das confluencias acadou nin sequera entrar. E iso que Yolanda deixou a pel naquela campaña.
Cada vez que algún galego (ou galega) sobresae na esquerda estatal, unha parte do electorado soña con que poida ser o desexado antídoto a Feijóo (Francisco Caamaño, caído nunha de tantas guerras orgánicas do PSdeG, foi quizais o último caso ata o momento). Yolanda xa saíu escaldada do enfrontamento co presidente da Xunta. Nos seus duelos corpo a corpo no Hórreo non había balas de fogueo. Os zascas en Congreso e Senado que viralizan os yolanders non son máis que o resultado dun duro adestramento nas sesións de control dos mércores na cámara galega. Por iso, non é doado imaxinala protagonizando unha xogada como a de Pablo Iglesias nas autonómicas galegas. Por iso, e porque, agora mesmo, está chamada a ser o referente de todo espazo rupturista no Estado. Outra cousa sería cando pechase esa etapa, claro, pero neste escenario, digno de Max Headroom, quen pode facer plans a máis de 20 minutos no futuro…?
PD: O de Pablo Iglesias non deixa de lembrarme a cando Durruti deixou a fronte de Aragón para sumarse á defensa de Madrid. Unha manobra que buscaba elevar a moral das tropas republicanas pero que rematou como rematou. Polo menos, as últimas investigacións parecen demostrar que non se matou coa súa propia arma…
Que? Agardábades a Pablo Milanés…?