Hitler e o papel hixiénico

A culpa de todo téñena os alemáns. Esa parece ser a opinión maioritaria de certa comunidade de españois que reside en Berlín. «Este país soso e desabrío», como veño lendo ultimamente que se refiren a Alemaña nunha rede social. É a válvula de escape dun pequeno grupo de pseudoemigrantes snobs que invadiu a cidade, porque «vivir aquí mola». Parece que se mudaron para inflar o seu currículo vitae, porque queda ben, xa sexa porque poden vivir das rendas dun braguetazo, dunha herdanza ou porque levan apelidos tan longos como adiñeirados e «porque isto é o moderno», como me dixo un skater barbudo de Barna que, antes de alugar un piso impagable para un berlinés, vivía na Pedrera. No entanto, unha vez instalados, estes nenos ben abanderados de Cataluña e España enteira, quéixanse e choran coma se lles medrasen os dentes. En ocasións os seus choros son insoportables. Dan ganas de saír ao balcón e gritarlles: «Estamos morrendo, medrade dunha puta vez malditos!».

Paciencia Mariña. Ás veces pregúntome se Nietzsche tiña razón. Cando leo sobre a situación que o virus creou no sur de Europa, e logo miro ao meu derredor en Berlín, primeiro acórdome do Superhome. O Übermensch de Zaratrustra pasea libremente, sae ás presas, leva os seus fillos aos parques infantís e senta a tomar café gozando dun inesperado sol de marzo, coma se a posibilidade de contaxio non fose parte do vocabulario do seu ADN. Como dicía o filósofo, igual todos deberíamos aspirar a iso, a ser superhomes, incluso as mulleres. Que máis dará xa. Mentres intento evitar o virus e os pseudoemigrantes snobs seguen sinalando co cursor a eses alemáns malos malísimos, na radio escoito a unha locutora que está pasmada con que en Italia a xente saia a cantar ao balcón. Parécelle curiosísimo. Eu sorrío. A min o que me parece curioso é que nestes tempos que corren, sexa máis fácil mercar un gramo de speed en Berlín, que un rolo de papel hixiénico. Pregúntome se non será que o do Superman de Zaratrustra é un malentendido, todo fachada. O mesmo que sucede cos nosos pseudoemigrantes, unha estafa de nenos malcriados. Unha confusión de conceptos. O mesmo que a moza da barbaría que, aínda que fala español perfectamente, non parece entender que cortar dous dedos, non é o mesmo que cortar catro. A ver, se me quitan dous aínda podo teclear, pero catro case fan unha man, que supoño quedará azul como o muñón de Facebook.

Pawel (CC BY-SA 2.0).

O que me recorda as mamarrachadas que se din nesa rede social. A sandeces máis enormes escríbenas os que «saben». Para esta xente os alemáns son os nosos xitanos. Non pasa nada, hai que falar sen medo. Pódelos crucificar, meréceno. Son os nosos Cristos mortificados nos que se ensañan os pseudoemigrantes ricos. Cando teñen problemas coa oficina de impostos, cando lles falan só en alemán (por Deus, que ocorrencia!), cando se lles queima a paella ou como agora, cando non hai papel hixiénico no supermercado, a mellor solución é acordarse da Segunda Guerra Mundial. Culpar a Hitler parece resolvelo todo. A xenofobia é outro virus que corre máis rápidamente que a pólvora e en canto un abre a boca, a manda desátase. Estes snobs novos e de mediana idade, que se viñeron a ser DJ´s ou a escribir a gran novela, «porque esta cidade é chula», non entenderon que significa ser emigrante.

Babylon Berlin (CC BY-ND 2.0).

O que non comprenden estas esculturas de Lladró, exiliados de pastel, maniquís tatuados, señoritos orgullosos da súa España dicharacheira e simpática, e da súa Cataluña, sempre tan non española pero xamais alemá, é que se vivimos aquí, compartimos fogar cos caseiros desta terra «deserta de emocións». O único que xera a xenofobia é odio, xusto o que non necesitamos nestes momentos. Cando o meu avó Andrés, falaba da súa primeira viaxe a Bos Aires en 1919, sempre nos recordaba que cando vas a casa dalguén, non lle cagas no salón ao anfitrión. Agora pregúntome se será por iso que andamos escasos de papel hixiénico.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail