Oh, branca conexión na noite antwerpiana!!!

Moitos galegos, os máis novos, quizais se preguntaron ao ler Fariña, o best-seller de Nacho Carretero, ou ver a serie baseada no seu libro, onde estaba esa cidade chamada Amberes que ao comezo da historia do contrabando e o narcotráfico galego se sitúa como un punto clave dos pioneiros, aqueles que mercaban en Suíza os paquetes das tabaqueiras estadounidenses para logo transportalos ata Amberes e, dende alí, baixalas en barco ás costas galegas.

Naqueles 80 e comezos dos 90, Amberes era un punto coñecido e recoñecido polos galegos que mercaban, vendían ou compartían cama cos fumadores do «Winston de batea», ese do que estaba ao tanto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aínda que non soubese das actividades ilícitas de Marcial Dorado, segundo recoñecera nun famoso programa de televisión. Nesa época, Sito Miñanco chegou a ter una empresa legal de distribución de tabaco na cidade belga e tributaba ante o fisco do país.

Javier Rey, o Sito Miñanco de Fariña. Atresmedia.

Amberes foi un anel básico na creación das infraestruturas do que logo serían as grandes cadeas do narcotráfico galego máis, porén, o segundo maior porto de Europa perdeuse na memoria dos galegos, como se ela fose o forxado por Sauron e nós os homes orgullosos descendentes de Isildur. O anel caeu no río do esquecemento logo da detención no ano 91 de Miñanco, e de que o posterior proceso xudicial desmantelase outra empresa radicada alí, Thalasa Repairs and Trading, acusada de branquear diñeiro do narcotráfico e facilitar embarcacións para mover a droga ante o interior de Europa.

Foi unha lenda dun tempo pasado, dunha sombra que ameazou con emborrallar a patria dos campos verdes e o mar branco da espuma. Amberes, a da fermosa noite na que reflexionou Adrián Solovio en Arredor de Si. Amberes… a segunda cidade de Bélxica hoxe volve a ser un anel da «Galician connection». William Friedkin mostrounos a conexión francesa da heroína con capital en Marsella; as mafias italianas fixeron a súa «pizza connection» aproveitando as redes gastronómicas ancestrais para mover polo mundo adiante o procesado da flor da papoula; os narcos galegos deben estar a recuperar hai xa un tempo, ou nunca esqueceron, ese anel antwerpiano para os seus velenosos negocios.

Nunca tanta cocaína movera Amberes como en 2018, segundo datos recentes. 50 toneladas de droga branca, un 20% máis que en 2017, cun valor de mercado de miles de milleiros de euros. Son só as que conseguiron requisar as forzas de seguridade belgas, que recoñecen estar ante un problema crecente. Tamén o fixo Alexander De Croo, ministro de Finanzas do país, ao visitar hai pouco as instalacións do porto da cidade, prometendo «aumentar o número dos equipos antidroga e inversións adicionais en escáneres».

Porto de Antwerp.

Amberes non é só o segundo porto de Europa, logo do holandés en Rotterdam do que está a apenas a cen quilómetros; Amberes é o principal porto de servizos procedentes da Amércia Latina, como os contedores de bananas, e as estimacións calculan que unha cuarta parte da cocaína de países como Colombia ou Ecuador se move en Europa grazas ás grúas dos seus peiraos.

Nestes últimos tempos xa houbo algunha operación policial conxunta entre España e Bélxica na que caeron pequenas redes de narcotraficantes da Costa do Sol, traballando conxuntamente con belgas para importar droga dende Ecuador. Os dous portos en conexión eran Alxeciras, outro dos grandes centros europeos de contedores, e Amberes. Alxeciras estase a converter no novo epicentro de entrada de cocaína na península e no vello continente, grazas ao uso que fan os antigos cárteles das redes xa existentes do hachís. Un esquema semellante en Galiza permitira o salto do tabaco antwerpiano á cocaína colombiana na década dos 80. Entón, a ruta virou de norte-sur a sur-norte. Xa existía, facía falla reanimala. Semella que xa o está a bo ritmo desde hai uns poucos anos, porque en 2017 Amberes viviu outro récord de incautacións.

Miñanco foi detido hai un ano en Alxeciras. Que non estrañe a próxima caída dalguén das rías na segunda cidade belga. E non será un imberbe aristócrata a ollar na escuridade mentres reflexiona sobre Galiza, non se sentirá europeo e cosmopolita. Só estará a facer un escuro negocio na noite antwerpiana.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail