Condenan a Mercadona por vulnerar dereitos fundamentais de dúas delegadas da CIG en Vigo

A Coruña.- A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou a empresa de distribución Mercadona, propiedade do empresario valenciano Juan Roig, por vulnerar os dereitos fundamentais de dúas das súas delegadas sindicais en Vigo, ás que negaría información básica sobre riscos laborais.

O fallo, resposta a unha demanda da Confederación Intersindical Galega (CIG, o sindicato máis grande de Galicia en número de delegadas e maioritario tamén en Mercadona na comunidade), ordénalle á empresa que cese nesas prácticas discriminatorias e que facilite a documentación requirida. Tamén a condena para indemnizar a central con 22.503 euros –o sindicato reclamaba 30.000 euros– por danos morais.

A CIG interpuxo unha demanda de tutela de dereitos fundamentais ante a Xustiza despois de que a dirección de Mercadona se negara a facilitar a dúas delegadas do sindicato a información sobre os asuntos para tratar, o regulamento de funcionamento interno e a composición do comité de seguridade e saúde laboral da compañía.

Trato discriminatorio

Na sentenza, redactada en galego con data do pasado 6 de febreiro e á que tivo acceso Luzes-Público, os tres xuíces da sala –Pilar Yebra Pimentel, Beatriz Rama Ínsua e Carlos Villarino Moure– consideran probado que a empresa non xustificou durante o proceso as razóns do «trato diferenciado das delegadas sindicais»da CIG, e que «non é suficiente» que se lles mostrase a citada información nunha pantalla durante as reunións do comité, como sucedeu.

O TSXG subliña que as dúas traballadoras teñen dereito a acceder ao regulamento do comité e a coñecer o seu funcionamento, aínda que participen nel con voz pero sen voto –non son delegadas de riscos laborais–, e tamén a saber quen eran os representantes doutros sindicatos no comité, para saber se había con eles unha «diferenza de trato ou unha maior permisividade, non xustificada».

«Mercadona utiliza o control e a chantaxe permanente aplicando o chamado ‘modelo’, que supón unha vulneración de dereitos e castigos discrecionais que afectan ao cobro das primas económicas anuais»

Mercadona, que pode apelar a decisión ante do Tribunal Supremo mediante recurso de casación –é dicir, se existe un fallo en sentido contrario nun caso similar que obrigue ao Supremo a casar doutrina– estuda «internamente» recorrer a sentenza, segundo fontes da empresa citadas por Europa Press, que aseguran que a empresa facilita «sempre» toda a información ao comité de seguridade e riscos laborais para garantir «o seu bo funcionamento».

«Acoso e derriba sindical»

Pola súa banda, a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, denunciou a campaña de «acoso e derribo» que, ao seu xuízo, mantén a firma de Roig contra as delegadas da central, e que se estaría intensificando «ante a proximidade das eleccións na empresa».

A CIG lembra que leva «tempo denunciando a política de represión sindical e de acoso laboral que caracteriza as relacións laborais» en Mercadona «con denuncias e mobilizacións nas catro provincias».

Neste sentido, a secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona-Pontevedra, Verónica Pérez, lembrou este xoves en rolda de prensa que a empresa «utiliza o control e a chantaxe permanente» mediante «vulneración de dereitos e castigos discrecionais [a algunhas traballadoras] que afectan a cobranza das primas económicas anuais» e «ás licenzas para coidado de menor ou por hospitalización de familiar», algo que a CIG denunciou ante a Inspección de Traballo.

O sindicato anunciou que convocou para o próximo 12 de marzo ás 11.30 da mañá unha concentración fronte ao novo establecemento de Mercadona na rúa García Barbón de Vigo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail