Europa fica soa nun vello mundo que esmorece

Cando hai xusto un mes o presidente dos Estados Unidos foi investido nun Washington nevado e comezou a asinar decretos executivos cos que sacaba o seu país de axencias das Nacións Unidas ou do Acordo de París contra o quecemento climático, escribín por redes sociais que a Unión Europea estaba soa no mundo.

Soa na defensa das políticas de ambición medioambiental e no respecto ás institucións internacionais que garanten un mínimo cumprimento do dereito público, o emprego do uso da forza, o multilateralismo ou a resolución negociada dos conflitos. A decisión de Donald Trump de impor conversas de paz sobre a guerra en Ucraína, nas que Rusia semella obter de inicio parte das súas reivindicacións mentres Kiív é mero espectador e a UE non senta na mesa, confirman esas primeiras impresións sobre a soidade europea na defensa dunha orde mundial que se esvae.

Moito se fala estes días do famoso pacto Molotov-Ribbentrop polo cal a Alemaña nazi e a URSS estalinista se dividiron en segredo Polonia, de xeito que quebraron definitivamente os acordos saídos da Primeira Guerra Mundial e repartiron de xeito unilateral o territorio soberano dun terceiro país. Emprégase, coido que axeitadamente, ese acordo como símil do que podería querer facer Trump xunto a Putin, permitindo a Rusia anexionarse na súa Federación os territorios conquistados manu militari, deixando Ucraína fóra da OTAN ao tempo que os Estados Unidos obtiñan importantes xacementos mentres gañaban milleiros de dólares en contratos militares no vello continente. Unha traizón á orde internacional, aos socios europeos e á integridade doutro país, como nos anos trinta.

Cómpre botar unha ollada máis ampla á historia das relacións internacionais ao realizar estas primeiras análises sobre o acontecido. A orde mundial que esmorece por mor do unilateralismo de Trump, o imperialismo de Rusia e o crecente peso da China é resultado dos acordos deseñados na fin da Segunda Guerra Mundial e do mundo de bloques xurdido entón. As Nacións Unidas son aínda máis inútiles que durante as décadas do século XX e o bloque occidental baseado na relación transatlántica está quebrado. Porque a política de Trump marcou un punto de non retorno cando hai case unha década lanzou o seu «America First». Aínda que logo chegou a Administración de Joe Biden, parte desa política proteccionista impulsada polo empresario quedou vixente e, entre a poboación estadounidense, a corrente de fondo en prol do illamento era máis profunda e longa do que un tímido goberno demócrata podía arranxar, como amosou o novo triunfo de Trump.

Os Estados Unidos volven ao proteccionismo do século XIX e isto é unha realidade. Os seus magnates tecnolóxicos así o impulsan e a súa poboación, manipulada ou non, vota a favor desa política comercial, militar e exterior. A primeira potencia mundial quere reverdecer unha época previa aos presidentes Theodore Roosevelt e Wilson. En paralelo, os políticos europeos ollan confusos a fin do multilateralismo orixinado nas guerras napoleónicas, cando as potencias continentais afiaron a arte da diplomacia con ministros como Metternich ou Talleyrand. Nesa época consolídanse as longas negociacións de paz nas que os perdedores tamén sentan na mesa coas súas liñas vermellas; nesa época vive, combate e escribe von Clausewitz, o gran teórico da guerra; nesa época agroma o uso da forza no dereito internacional público para ser logo progresivamente desenvolvido, ese que Rusia ou Israel non respectan ao violar acotío a poboación civil.

Este multilateralismo baseado en normas e institucións comúns rematou por madurar no mundo do século XX, malia estoupar entre 1939 e 1945 por mor dunha incorrecta construción no período de entreguerras, como ben subliñou Keynes no seu libro As consecuencias económicas da paz. Neste século XXI muda cara a outro sistema, vive un proceso de definición que provocará violentos conflitos, e Europa (non só a Unión) ficará soa. Como espectador xornalístico dende Bruxelas e como estudoso das relacións internacionais, a imaxe de once dirixentes continentais representando vellas potencias en declive, unha organización política supranacional sen dentes para se impor como actor global e unha alianza militar supeditada a un poder externo non pode ser máis elocuente. A mesa no Palacio do Elíseo amosa a súa incapacidade decisoria e o baleiro esforzo de non perder influencia.

«Afrontamos o momento decisivo dunha xeración en favor da seguridade colectiva dun continente», escribiu nunha editorial o primeiro ministro Keir Starmer antes de viaxar a París. Diría eu que malia a solemnidade da súa afirmación, sendo certa, o británico quedouse curto na súa análise. Se cadra a guerra en Ucraína non lles deixa ver o escenario a longo prazo, tal fose brétema na Canle da Mancha. O continente e o Reino Unido non fican illados entre eles, senón sós nun mundo salvaxe.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail