O segundo espolio de Meirás

Foto de Xosé Castro.

Non sei que me parece máis grave: que a Audiencia da Coruña considere que hai que pagarlles aos Franco os gastos de conservación do Pazo de Meirás dende 1975 ou que o Goberno máis progresista da historia estea de acordo con esa sentenza e non a vaia recorrer. Imaxino que os cadáveres dos militantes socialistas e comunistas executados pola represión fascista remexeranse nas cunetas ante este segundo espolio…

Unha conta sinxela. Dende que o ditador morreu na cama pasaron –redondeando– 45 anos; é dicir, sen contar os bisestos, 16.425 días. Se os seus descendentes estiman que, neste tempo, gastaron un millón de euros en conservar o Pazo, a operación é ben doada: a broma sáelles a 60 euros por día. Con eses cartos, antes da pandemia, xa non pagabas unha noite nun dos grandes hoteis galegos; moito menos ías ter ao teu dispor un pazo de dous mil metros cadrados cunha parcela de 9 hectáreas e sen a obriga de facer check-out a mediodía. Calquera hostaleiro dos que teñen o seu negocio pechado daríanos a razón. Por moito menos, un caseiro do montón quédaseche coa fianza. Por iso, non só non temos que pagarlles: habería que cobrarlles a actualización do aluguer, e sumarlles o valor do que –presuntamente– xa teñan levado para casa, algo que nunca saberemos.

 

Carmen Polo e Franco na praza de toros de San Sebastián. Foto Vicente Martín (Kutxa Fototeka). CC BY-SA 3.0.

No ano 68, Franco fixo testamento e valorou o Pazo en 14 millóns de pesetas (o equivalente a uns 850 mil euros de hoxe). O avogado da familia considera que só a reconstrución do inmoble tras o misterioso incendio que sufriu unha década despois, xa custaría practicamente iso. A sensación é que os herdeiros non queren perder un can do prezo que puxo o avó.

O cariño de parte da nosa xudicatura polo anterior réxime non é ningunha sorpresa, pero si o é que este goberno mal chamado socialcomunista acepte esa sentenza sen sequera patexar, como se fose unha Xunta calquera. Tampouco lles imos pedir que fagan honor á súa inmerecida fama e expropien o Pazo, aínda que fose o que nos gustaría.

Para esta viaxe non facían falla esas alforxas: se os Franco só ían reclamar o que segundo o vello valía o Pazo, chegaba con negociar o prezo. Así aforrabamos darlle traballo á xustiza, que bastante atraso leva e, de paso, tamén evitaban facernos crer durante un tempo –o que pasou entre a sentenza da xuíza Marta Canales e a da Audiencia– que estabamos nun estado de dereito, nunha democracia plena, capaz de rachar sen medo co seu pasado preconstitucional.

Agardo que a vindeira vez que os nosos esforzados antidisturbios desaloxen uns terribles okupas dalgún piso propiedade dun fondo voitre, a xustiza considere que os propietarios deben indemnizalos polos gastos que fixeron

A menos que o motivo de non recorrer sexa outro: que cando un vai subindo na xerarquía xudicial (ou desprazándose cara ao centro da Península, véxase o caso de Isaac e Abraham), a simpatía polo franquismo medra entre os togados. Se na Audiencia da Coruña atoparon «boa fe» na manobra de Franco para tratar de dar aparencia de legalidade a un espolio forzoso, no Supremo arriscariámonos a que, postos a xustificarse, puxesen en dúbida todo o proceso democrático dende a sacrosanta transición ata agora e acabasen defendendo a boa fe coa que o xeneral máis novo de Europa retornou de África para frear a hidra comunista.


Detención na oposición a un desafiuzamento en Barcelona. Foto Samuel Rodríguez

Agardo que a vindeira vez que os nosos esforzados antidisturbios desaloxen uns terribles okupas dalgún piso propiedade dun fondo voitre, a xustiza considere que os propietarios deben indemnizalos polos gastos que fixeron para converteren en habitable unha vivenda que, doutro xeito, estaría nun «estado ruinoso» (o entrecomiñado é da Audiencia e non pretendía ser unha metáfora de nada).

Hai un vello refrán castelán que fala da obriga de dispoñer o leito cando exerces o considerado oficio máis antigo do mundo. Calquera columnista cipotudo estaría orgulloso de usalo, pero a min paréceme excesivamente heteropatriarcal. Se non fose por este pudor, diría que non hai mellor explicación para o que acontece…

E, agora, se queredes, falamos diso de que vivimos nunha «democracia plena» (esta vez, si; esta vez, as comiñas son do autor…).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail