O PP recorre á lei de amnistía e a Puigdemont para tapar na Eurocámara a xestión de Rueda dos pellets

A Coruña.- A portavoz do PP no Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, botou man este mércores da lei de amnistía e de Carles Puigdemont para defender a xestión que fixo a Xunta de Alfonso Rueda da crise provocada pola vertedura de pellets nas costas galegas.

O debate fora incluído na orde do día do pleno que a Eurocámara celebra esta semana na súa sede de Estrasburgo a pedimento da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

A maioría dos eurodeputados e eurodeputadas de varios países que interviñeron na sesión centráronse en falar da vertedura, mostraron a súa estrañeza pola tardanza na reacción do Goberno galego e mostráronse partidarios de reforzar a lexislación europea para evitar accidentes similares no futuro.

Montserrat, con todo, empregou o seu discurso para a criticar á esquerda e ao nacionalismo.

«O que pretenden é gañar de maneira miserable con esta crise o que non lograron desde a oposición», dixo. «Se no canto de pellets fose a amnistía e se no canto de Rueda fose Puigdemont, xa estarían vostedes actuando sen rechistar», criticou.

Dolors Montserrat: «O que pretenden é gañar de maneira miserable con esta crise o que non lograron desde a oposición»

A posición de Montserrat só foi sostida polos deputados ultradereitistas españois Jorge Buxadé e Hermann Tertsch, que chegaron a negar que se tratase dunha catástrofe ambiental.

Ana Miranda si criticou que a Xunta tardase case un mes en activar o plan de emerxencias por verteduras no mar e en elevar a dous o nivel de alarma que lle permitiría solicitar axuda ao Goberno central.

Tamén criticou que a Xunta programase só 460 traballadores para limpar os máis de 1.500 quilómetros de costas de Galicia, mentres rexeita que o Goberno poida enviarlle máis persoal para axudar na limpeza de praias.

Ana Miranda, durante a súa intervención o pasado xoves na Eurocámara / Foto: BNG

«Os pellets teñen que ser declarados como contaminantes e como mercadorías perigosas», engadiu Miranda, quen acusou ao PP de non ter aprendido «nada» da marea negra do Prestige hai 21 anos.

No debate tamén interveu o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares, quen alertou contra «a marea de incompetencia, ocultación e mentiras do Goberno do PP en Galicia» por non facer nada durante un mes e deixar en mans dos cidadáns a limpeza das praias e a loita contra a vertedura.

«Necesitamos unha lexislación europea reforzada»

Os pellets non son «bolitas de plástico», dixo o socialista, «son contaminantes e teñen un risco potencial para a saúde humana». «Por iso necesitamos unha lexislación europea reforzada», concluíu.

O primeiro en solidarizarse con Galicia foi o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, o lituano Virginijus Sinkevičius, quen asegurou que a Comisión Europea vai investigar o caso para tratar de establecer responsabilidades. Ademais, chamou a incluír disposicións vinculantes no regulamento sobre microplásticos que preparan a Comisión e o Europarlamento para evitar que se repitan sucesos similares.

Ana Miranda: «Os pellets teñen que ser declarados como contaminantes e como mercadorías perigosas»

Precisamente, o relator dese informe, o socialista portugués Joao Albuquerque, pediu centrar todos os esforzos lexislativos das institucións europeas en implantar «medidas eficaces de protección», como propuxo o BNG, para reducir ou mesmo eliminar as verteduras accidentais de pellets. «Quero manifestar o noso apoio aos nosos irmáns e irmás de Galicia», dixo o representante luso.

Na sesión tamén interviñeron, entre outras, a eurodeputada verde alemá Ska Keler, quen instou ao Parlamento e á Comisión a «non esperar que ocorran máis accidentes como o de Galicia para tomar medidas»; e a francesa Catherine Chabaud, do grupo de tendencia liberal Renovar Europa, quen reclamou mecanismos para garantir a rastreabilidad dos contedores que caen ao mar e a rastrexabilidade das mercadorías que conteñen.

Antes do debate, Miranda e María Lago, alcaldesa de Muros (A Coruña), unha das localidades máis afectadas, reuníronse co comisario de Medio Ambiente para explicarlle a situación en Galicia

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail