O futuro

Subindo Pereiró a man esquerda había un taller de reparación de coches que tiña un póster que, como di unha amiga, acampa de balde no meu cerebro dende aquela. A imaxe era unha ilustración de estética futurista ao máis puro estilo «Tron», cunha muller cyborg prateada e dous coches voadores nun horizonte de cuadrícula azul escura. Rezaba algo tipo «Bienvenidos al siglo XXI». Eran os anos 80.

Cada vez que pasabamos por el, de camiño á casa dos meus avós, pensaba nese século que estaba aínda tan lonxe, nese ano 2000 no que eu sería unha adolescente, e fantaseaba con todas as cousas que podería facer entón. Coitada. Imaxinaba aquel futuro no que, por que non, os coches voarían e todo se parecería á (infame) segunda parte de Regreso ao futuro. Cando o penso agora dame a risa. Primeiro con certa tenrura, e despois cos nervios de quen se sabe atrapada nunha situación sen posiblidade de escapar.

Porque resulta que neste futuro os coches no voan.

Imaxinaba aquel futuro no que, por que non, os coches voarían e todo se parecería á (infame) segunda parte de Regreso ao futuro. Cando o penso agora dame a risa

De feito, neste futuro tan decepcionante hai moitas cousas que parecen medievais. Neste futuro desacougante, asistimos perplexas ao xurdimento do ecógrafo como elemento de tortura inesperado, brandido por señores que se gaban publicamente de descoñecer os procesos máis sinxelos do corpo humano mentres, iso si, gobernan sobre el.

Neste futuro tan bradburyano, volve haber libros prohibidos, e ler a Marx e Lenin se vives no Perú pode traer consigo pena de cárcere. Neste futuro tan escuro, a Igrexa continúa encubrindo os seus pedófilos sen que a prensa, os gobernos ou a xustiza fagan nada por loitar contra o seu poder. Neste futuro tan inxusto, continúan aumentando as persoas que viven por baixo do limiar da pobreza, mesmo estando asalariadas. Neste futuro tan incomprensible, a vivenda deixou de ser un dereito para transformarse nun obxecto de luxo e unha ferramenta para o enriquecemento especulativo: o que antes era o teu alugueiro nun barrio obreiro, agora é un «coqueto apartamento en zona de moda». Neste futuro tan temible, a atención sanitaria deixou de ser universal e accesible para ser un «sálvese quen poida», con persoal cada vez máis exhausto e desesperado, con doentes sen atender. Neste futuro tan perigoso, o número de mulleres mortas a mans de homes continúa a súa escalada exponencial sen que ninguén deteña o mundo para prenderlles lume ás rúas. Neste futuro tan pasado, a democracia vese ameazada polos poderes económicos arengando golpes de Estado en calquera lugar. Neste futuro distópico, a información é mentira.

Neste futuro desacougante, asistimos perplexas ao xurdimento do ecógrafo como elemento de tortura inesperado, brandido por señores que se gaban publicamente de descoñecer os procesos máis sinxelos do corpo humano mentres, iso si, gobernan sobre el

Gustaríame volver atrás e dicirlle á Antía anterior ao 2000 que non tivese apuro por chegar ao futuro que, coma o final de Expediente X e os últimos discos dos Smashing Pumpkins, ía parecerlle bastante decepcionante. Pero tamén que no futuro, malia todo, segue habendo motivos polos que erguerse pola mañá, segue habendo folgos para saír á rúa co puño en alto, segue habendo valor para mirar aos ollos ao poder e dicirlle que non te asusta e segue habendo moitas persoas que che dan esperanza. Porque no futuro, a Antía que soñaba co ano 2000 ten unha filla que vai dicindo a quen a queira escoitar que «cando ela sexa alcaldesa ninguén durmirá na rúa porque non é xusto que uns teñan moitas casas e outros ningunha». E xa só por iso paga a pena chegar ao 2023.

E a polos que veñan.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail