Dolly Parton ou o talento de facerse a parva

Nun dos meus momentos favoritos de Dolly Parton, está ela nun plató de televisión respondendo preguntas do público cando unha señora lle espeta: «Ola, Dolly. Gustaríame saber… canto tempo leva peitear ese pelo?». A cámara apunta a Dolly, co seu enorme e espectacular cabelo loiro e os seus xigantescos pendentes de plástico branco. Ela, sen dubidar unha soa milésima de segundo, responde co seu musical acento sureño: «E logo como o podería saber eu, nunca estou aí!». O público escacha da risa, ela tamén. Todes están metides na coña, todes rin: a apariencia de Dolly é todo artificio. A maquillaxe, a peluca… E é que ese é o seu gran talento, aparte do colosal don musical que a fixo famosa: sabe como meter a todo o mundo na broma.


Como a meirande parte da xente da miña quinta, eu medrei tendo unha conciencia aproximada da existencia de Dolly Parton. Cancións como «I Will Always Love You», «Here You Come Again» ou, obviamente, «Jolene», estaban en películas, series, a radio e versións doutres artistas. Ela era así como unha figura peculiar, unha caricatura, cos seus traxes de cores, o seu cabelo loiro grande e o seu sorriso perenne. Non foi ata que vin a película de 1980 9 to 5 que espertou en min a curiosidade por ela como personaxe.

Para quen non o saiba, 9 to 5 é unha película protagonizada por Jane Fonda, Lily Tomlin e Dolly Parton sobre tres mulleres que fantasean con darlle o que merece ao seu «sexista, ególatra, mentireiro, hipócrita e intolerante» xefe. O filme foi un hit no seu día, o que me parece un milagre e un feito inevitable a partes iguais; tres mulleres de entre 35 e 43 anos (esas idades nas que a Hollywood non lle gusta darlles a actrices nin auga) protagonizan unha película abertamente pensada para atraer a máis mulleres, recentemente entradas no mercado laboral, ao movemento sindical (a película saca o seu títutlo dunha organización de dereitos laborais das mulleres fundada no 73 por unha amiga de Fonda), e que por primeira vez denuncia fenómenos como o acoso sexual na contorna laboral. Entre as actrices que a protagonizaron atopamos a cómica Lily Tomlin, que xa daquela vivía unha dobre vida escondendo do público o feito de que era lesbiana; Jane Fonda, unha figura extremadamente polarizadora e polémica despois do seu intenso activismo contra a guerra de Vietnam e moitas outras causas controvertidas; e Dolly, Dolly Parton, co seu cabelo loiro, os seus escandalosos escotes e os seus traxes de cores brillantes, na súa primeira película. Ela escribiu a canción que se convertiría nun himno da muller traballadora e do movemento sindical durante anos.

Lilly Tomlin, Dolly Parton e Jane Fonda en 9 to 5.

Entón… No 1980, Dolly Parton escolleu traballar nunha película pro sindical e escribir un himno que denuncia a situación laboral das mulleres nos 80 nos Estados Unidos, e completou o seu álbum 9 to 5 and Odd Jobs con máis cancións sobre dereitos laborais, a situación precaria dos mineiros e ata unha canción protesta sobre o trato a persoas deportadas. Pero aquí está o curioso de Dolly… ela nunca fala de política. É máis, é realmente destacable a súa habilidade para esquivar preguntas sobre a situación política do seu país, o que fai moi habitualmente a través de chistes sobre a súa propia apariencia. Nunca se posiciona a favor ou en contra; non se declara feminista, non menciona a que partido está afiliada (ao de extrema dereita, aos republicanos, ou ao de dereita, tamén pero un chisco máis ao centro, os demócratas)… nada. Ela, nas súas propias palabras, é unha artista, e a súa posición non é dicirlle á xente no que crer. Ten fans moi repartidos en todo o espectro político, e é consciente disto; non quere alienar a ninguén. Isto parece unicamente unha estratexia comercial: cantas menos persoas ofendas máis alcance ten o teu produto. Porén, como ben sinala Jad Abumrad no podcast «Dolly Parton’s America», aquí hai algo máis. É unha forma de ver o mundo. Dolly non che di no que crer, pero si escolle a realidade que quere representar a través da súa música: é unha muller cristiana e a súa música reflicte iso. É unha muller do sur dos Estados Unidos de clase traballadora e a súa música reflicte iso. É unha persoa que cre no movemento sindical o suficiente como para asociarse a un proxecto creado e protagonizado pola actriz, vilipendiada pola metade des súes fans baixo a condición de poder escribir a música para a película… e a súa música reflicte iso.

Creo que unha das razóns polas cales Dolly pode saír coa súa á hora de xogar ao despiste así coa súa ideoloxía política, é porque fai algo fenomenalmente ben: facerse a parva. Agora, para que nos entendamos, penso que unha persoa ten que ser extraordinariamente intelixente para que se lle dea tan ben facerse a parva, e Dolly faino mellor ca ninguén: sabe como converterse sempre na broma, como desviar a atención sacando a relucir esta personaxe, a do cabelo grande e os traxes de brilli-brilli. Fai moitas bromas sobre o grandes que son as súas tetas e as súas pelucas. Sempre fala de como a súa primeira e principal icona do estilo persoal era a que chamaban «a fulana da vila». De nena, Dolly, a cuarta de doce irmáns que vivían nunha cabana dunha habitación no medio do monte sen agua corrente ou electricidade, viu a esa muller vilipendiada coa cara pintada e a roupa rechamante, e soubo recoñecer o poder escondido que había nesa performance. Dolly Parton instrumentaliza a percepción da femineidade para crear unha personaxe, a de loira parva, a de muller ridícula que non se entera, mentres que ao final do día consegue todo o que quere. Dolly sabe como meter a todo o mundo na broma porque a situación está sempre dentro do seu control. Xa o dixo ela unha vez coas súas palabras, nunha das súas mellores cancións «Só porque sexa loira non significa que sexa parva/ Porque esta loira parva non é a idiota de ninguén».

Dolly Parton nunha imaxe da película dos 80, na que interpreta a secretaria Doralee Rhodes.

Cando Barbara Walters (unha entrevistadora estadounidense particuparmente impertinente e cun historial de entrevistas un tanto cuestionable) lle preguntou a Dolly: «Pero non sintes ás veces que es un chiste? Que a xente se ri de ti?», ela respondeu:

—Oh, sei que se rin de min. Pero en realidade todos estes anos a xente pensou que o chiste era eu cando o chiste é o público; eu sei o que fago e podo cambialo en calquera momento; eu fago máis chistes sobre min mesma que calquera outra persoa, porque eu teño seguridade en min mesma como persoa, estou segura do meu talento. […] Gústame o tipo de persoa que son. Así que podo permitirme xogar con maquillaxe e roupa e esas cousas, porque estou segura de min mesma.

Aínda que penso que hai moito de bo no tipo de muller que é incapaz de facerse a parva e non ten medo a demostrar o moito que sabe, creo que se pode aprender moito de Dolly. Hai algo en como escolle moverse polo mundo, cómoda na sua feminidade, sen medo a ser asociada con cousas inequivocamente «de chicas», consciente dos seus límites e disposta a facelos respectar. A loira parva que non fala de política fixo un himno para as traballadoras. A cantante de country do sur, co acento pechado e os traxes apretados, segue a traballar aos seus 77 anos para financiar unha organización que regala millóns de libros a crianzas de todo o mundo. A rapaciña que miraba á «fulana da vila» con admiración e escribía cancións sobre as súas muñecas é unha das mellores e máis influíntes cantautoras do mundo. Dolly, de Pittman Center, Tennessee, que nunca esqueceu as súas raíces e nunca deixou de levar traxes apretados, fixo o de facerse a parva un arte, sabendo sempre o que estaba facendo.

Dolly Parton cantando «9 to 5», durante a celebración dos 50 anos na Grand Ol Opry.

Hoxe, 19 de xaneiro, é o aniversario de Dolly, así que por último quero invitarvos a escoitar a canción dela que máis me gusta no mundo. É unha canción da que falo moito coa miña nai, e que ao que a miña mellor amiga fixo referencia nun poema que me escribiu hai anos. Chámase «Coat of Many Colors», e nela describe unha chaqueta que a súa nai lle fixo a partir dun montón de trapos de diferentes cores. É unha das súas propias cancións favoritas tamén, e creo que todo o mundo debería escoitala. Aínda que sexa só hoxe, para celebrar o seu aniversario.

[Letra]

Coat of Many Colors
Mirando atrás a través dos anos
Pregúntome outra vez
Alá polas estacións da miña xuventude
Recordo unha caixa de trapos que alguén nos deu
E como a miña nai lles deu uso
Eran trapos de moitas cores
Todos os cachos eran pequenos
E eu non tiña unha chaqueta
E xa era moi tarde no outono
Mamá coseu os trapos xuntos
Cosendo cada cacho con amor
Ela fixo a miña chaqueta de moitas cores
Da que eu estaba tan orgullosa
Mentres ela cosía, contábame unha historia
Da Biblia que ela lera
Sobre unha chaqueta de moitas cores
Que Xosé levara e entón dixo:

«Igual esta chaqueta che traerá
Boa sorte e felicidade»

E eu non podía esperar a poñela
E mamá bendeciuna cun bico
A miña chaqueta de moitas cores
Que a miña nai fixo para min
Feita só de trapos
Pero eu levávaa tan orgullosa
Aínda que non tiñamos cartos
Eu era tan rica como se podía ser
Ca miña chaqueta de moitas cores
Que a miña nai fixo para min
Así que con remendos nos meus pantalóns
E buratos en ambos zapatos
Coa miña chaqueta de moitas cores
Alá fun á escola
Para atoparme cos outros rindo
E burlándose de min
Coa miña chaqueta de moitas cores
Que a miña nai fixera para min
E oh, eu non podía comprendelo
Porque eu sentía que era rica
E faleilles do amor
A miña nai cosera en cada puntada
E conteilles a todos a historia
Que a miña nai me contara mentres cosía
E como a miña chaqueta de moitas cores
Valía máis que toda a roupa deles
Pero non o comprendían
E intentei facerlles ver
Que un só é pobre
Se escolle selo
Agora sei que non tiñamos cartos
Pero era tan rica como se pode ser
Coa miña chaqueta de moitas cores
Que a miña nai fixo para min.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail