O Nadal do 2022 ía traer un agasallo longamente agardado e que sería histórico para a lingua galega. España solicitaba en novembro dese ano que o noso idioma, mailo éuscaro e o catalán, se puidese empregar oficialmente nas institucións europeas. José Manuel Albares, ministro de Exteriores español, transmitíalle a demanda á presidenta da Eurocámara. Chegaron as festas e nin os Reis Magos, nin Papá Noel, nin o Apalpador trouxeron a ledicia.
Menos dun ano despois, ao abeiro das negociacións que PSOE e Junts per Catalunya mantiñan para garantir a investidura de Pedro Sánchez, o mesmo Albares anunciaba que España ía impulsar pola súa conta no Consello Europeo a oficialidades das tres linguas aproveitando que ocupaba a presidencia rotatoria desa institución comunitaria.
Varios socios do leste europeo frearon a proposta polo medo a que as minorías lingüísticas rusas dos seus territorios aproveitasen para procurar o emprego dese idioma na UE. A guerra en Ucraína e o temor atávico de Estonia, Letonia e Lituania a Moscova xogaron en contra do galego. De feito, o propio goberno tivo que recuar naquel intre e nin impulsou a votación entre os 27 ministros europeos, consciente de que non tiña a unanimidade necesaria. Nun debate aberto, máis dunha ducia de representantes estatais interviron e amosaron as súas dúbidas polo custo financeiro de regularizar o emprego do galego, o éuscaro e o catalán, ou pola burocracia engadida que suporía.
España comprometíase a asumir o custo de facer oficiais na UE as tres linguas, a realizar xunto coa Comisión Europea os estudos xurídicos e administrativos necesarios e, nun brinde a Puigdemont, a comezar polo catalán. O ministro Albares xustificábao por mor «das dúbidas de varios Estados Membros sobre tres linguas dunha soa vez», o que facía «necesario ir gradualmente». Había que ir amodo nunha iniciativa tan perigosa para a estabilidade política dos Estados europeos e do propio proxecto comunitario.
Daquela, cando lle preguntei directamente a José Manuel Albares se iso non implicaba unha discriminación entre as tres linguas en favor do catalán, a resposta que me deu foi que «os representantes políticos cataláns son os que tradicionalmente teñen demandado máis» esta cooficialidade. Coma se os representantes galegos e éuscaros non o fixesen, igual ca os seus mundos culturais e sociedades civís. Ou coma se en Euskadi non gobernara durante décadas un nacionalismo conservador con políticas e demandas lingüísticas semellantes ao catalán. Outra cousa é a Xunta en Galicia e o traballo que os seus representantes fan ao respecto en Bruxelas.
Dous anos despois, o galego segue sen obter a oficialidade para empregarse sen restricións nas institucións da UE, segue sen gozar de intérpretes de seu nos debates comunitarios nin de tradutores que escriban na nosa lingua a documentación europea. España negociou sen éxito con belgas e húngaros, e agora faino cos polacos, ao seren estes os sucesivos países que ocuparon a presidencia rotatoria do Consello.
Durante este tempo, cada vez máis informes en Galicia denunciaron a preocupante situación da nosa lingua no país, cunha perda sostida e duradeira de falantes entre as nenas e nenos, entre rapaces e a xente máis nova. Amósano as enquisas e constátano as universidades galegas, alén de organismos como A Mesa pola Normalización Lingüística. Na televisión pública non hai case programación infantil en galego nin a intención de recuperar unha ferramenta de éxito como foi o Xabarín Club para a canle principal.
Mentres en Bruxelas parte da comunidade da nosa terra esixe diante do Parlamento Europeo máis galego no eido público, que a nosa lingua non esmoreza coma un tesouro ao que protexer sen se empregar e cultivar, nesa mesma Eurocámara hai uns días produciuse un feito inaudito. O representante dun partido político galego falando en castelán ao micrófono da televisión pública de todas e todos nós, por mandato do xefe de prensa ou asesor, e co silencio cómplice e beneplácito do correspondente da canle. Mexan por nós e logo queixámonos de que Albares decida priorizar o catalán.