A morte anunciada de Leviatán

Por máis que esperado durante longo tempo, o colapso neoliberal non está a resultar dun momento emancipador. No seu lugar avanza unha declinación aínda máis despótica e cruel da matriz liberal: o necroliberalismo. Se o neoliberalismo, cando menos, tivo que gañar a batalla ideolóxica aos proxectos políticos de posguerra (socialdemócrata, democristiá, etc.), e para isto vindicou a súa maior eficiencia, o necroliberalismo atopou o labor feito, a hexemonía reconquistada para a matriz liberal.

Desde 2008, e sobretodo 2020, o vello establishment neoliberal observa como emerxe unha elite diferenciada á que lle sobra a democracia: os Orban, Trump, Bolsonaro, Meloni, Milei… Ou por acó Ayuso, Abascal, Orriols… Estes novos liderados non agochan o seu sincretismo discursivo: miniarquistas no económico, fascistizantes no político. Onde houbo un pasado autocrático amosan unha tolerante ambivalencia respecto á barbarie. Na fantasía ideolóxica que chaman «anarcocapitalismo» sóbralles mesmo o Estado, o Leviatán; e predican unha suposta autosuficiencia do mercado.

Porén, a execución do CEO de UnitedHealthcare, Brian Thompson, por Luigi Mangione, marca neste senso unha primeira expresión de resistencia ao necroliberalismo formulada nas súas propias condicións políticas. A diferenza do neoliberalismo que Foucault aínda apuntara como unha biopolítica—, para o necroliberalismo a vida deveu unha simple continxencia económica. É por isto que Trump puido afirmar sen reparos: «Podería disparar á xente na Quinta Avenida e non perdería votos»; Ayuso dirá: «Total, ían morrer igual»; e Milei: «A xente vai morrer de fame e vai facer algo por non morrer, non necesito que ninguén interveña». Non é unha ostentación gratuíta, é unha exhibición de impunidade.

Na fonda convicción dunha subsunción total da vida no mercado, o necroliberalismo non contaba con Luigi Mangione. Menos aínda coa extraordinaria viralidade e simpatía da súa persoa e causa. Elon Musk, un dos máximos expoñentes do necroliberalismo, reaccionou desde a súa rede privada, Twitter/X: «É repugnante como todo o mundo está convertendo este tipo nunha especie de heroe. As compañías de seguros, como cualquera empresa, teñen o deber para cos accionistas de maximizar as ganancias, por moi cruel que sexa».

Esta crueldade, no caso de UnitedHealthcare, consistía na tripla D que Mangione gravou en cada unha das tres balas que disparou: «Deny, Defend, Depose». Isto é: denegar a cobertura, defender tal decisión, e levala ata o punto de obrigar a depoñer unha demanda contra a empresa coa que se discrepa. Sabido é que o mercado está a causar estragos nos EE.UU: desde custos inasumíbeis para milleiros ata crises farmacolóxicas como a do fentanilo. Deixar a saúde en mans privadas é todo un exemplo de ineficiencia neoliberal. Pouca ou ningunha novidade acó.

Porén, coa acción de Luigi Mangione ten lugar por vez primeira un xesto de resistencia perante a ruptura unilateral do contrato social por parte das oligarquías. Coa execución de Brian Thompson muda o clima xeral que reverte o triunfo de Trump. De súpeto, as aseguradoras retiran os seus empresarios das súas webs, empresas como Atrium Health anuncian a condonación das débedas de 11.500 persoas, e as redes ferven en simpatía, memes e apoios a Mangione, que está a recibir unha inxente cantidade de diñeiro coa campaña para a súa defensa. Cando Leviatán morre, o estado de guerra emerxe.

O caso de Luigi Mangione quizais nos estea a avanzar formas de resistencia cibernética, violentas e desesperadas perante o despotismo das elites emerxentes.

Máis aínda, en termos de axencia política, o que está a pasar non encaixa cos casos anteriores que xa foron apuntados, sexa o célebre, e tamén solitario, «Unabomber», ou antes aínda, a singular organización armada, Weather Underground (que, por certo, excluíra atentados mortais do seu repertorio de acción). E nada encaixa, porque tampouco as condicións actuais son as de tempos anteriores.

Luigi Mangione, ao cabo, deveu de inmediato unha presenza espectral que quizais nos estea a avanzar formas de resistencia cibernética, violentas e desesperadas perante o despotismo das elites emerxentes. Os memes que se fan virais apuntan a unha liña de subxectivación que mira máis a unha guerra molecular do que a conflitos a grande escala. Como transfondo común, a continxencia da vida, aínda que agora nun senso contrario: da cidadanía que está privada dun horizonte vital contra as elites que concentran a maior acumulación de riqueza en menos mans de toda a Historia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail