Xunto a outras catro asociacións medioambientalistas acusan o Executivo de Feijóo de falsear informes para que os propietarios da explotación non tivesen que asumir a descontaminación da zona e que os custos recaesen no erario público.
A Coruña.- O grupo parlamentario de Galicia en Común-Unidas Podemos-En Comú Podem no Congreso e outras cinco asociacións medioambientalistas de Galicia, presentaron unha denuncia penal contra once funcionarios e exaltos cargos da Xunta aos que acusan de cometer varios delitos de prevaricación ambiental, falsidade documental e encubrimento na tramitación dos expedientes relativos á explotación e recuperación da mina de wolframio de San Finx, no municipio coruñés de Lousame.
Os denunciantes alegan que a Administración autonómica tería condicionado os citados expedientes aos intereses da empresa que explota a mina, propiedade do conglomerado Sacyr, para que puidese eludir e trasladar á Administración autonómica os custos da recuperación de dúas balsas de decantación nas que se verteron durante decenios os tóxicos e metais pesados derivados da actividade mineira. Uns gastos que, por lei, deberían recaer nos propietarios da explotación.
A mina de San Fix está situada a uns 35 quilómetros ao suroeste de Santiago, nas marxes dun afluente do río Tambre que desemboca na ría de Muros e Noia. Foi explotada desde finais do século pasado para a extracción de minerais como o wolframio, o estaño e o cobre, actividade que xerou residuos que se almacenaron en dúas presas construídas sobre o leito do río.
A demanda de Unidas Podemos asegura que a Consellería de Economía, Industria e Emprego e a de Infraestruturas e Mobilidade, así como a entidade Augas de Galicia, adscrita a esta última, terían falseado informes e expedientes para simular que as presas nas que se acumularon os lodos tóxicos eran supostos encoros destinados á xeración de electricidade.
Segundo a denuncia penal, asinada de forma colexiada polo grupo parlamentario de Unidas Podemos e encabezada polo deputado Antón Gómez Reino, secretario xeral de Podemos en Galicia, a Xunta tería emitido falsos informes simulando que as balsas de residuos eran supostamente presas «hidroeléctricas», para evitar non só a responsabilidade da empresa concesionaria na recuperación dos danos ambientais, senón tamén para «encubrir» a actuación dos funcionarios e cargos públicos que, por omisión, terían permitido esa situación.
A denuncia explica que Augas de Galicia, en conivencia coa empresa concesionaria mineira Tungsten San Finx SL e con funcionarios da Dirección Xeral de Minas da Xunta, iniciaron o ano pasado un procedemento para restaurar o dominio público hidráulico afectado polas presas «coa pretensión de consumar a descaracterización xurídica das instalacións de residuos mineiros, de modo que fose Augas de Galicia (e o erario público) quen asumise a responsabilidade sobre as mesmas».
«Este proceder buscaría, ademais, encubrir a actuación previa de varios funcionarios e un exalto cargo do órgano mineiro», que estaban a ser investigados polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Noia, municipio limítrofe con Lousame, a solicitude da Fiscalía de Medio Ambiente, polas irregularidades nos permisos concedidos a Tungsten para que puidese recuperar a actividade mineira, que levaba anos paralizada.
Entre outras irregularidades, a Fiscalía consideraba que existían indicios de que a Xunta evitara solicitar o preceptivo estudo de impacto ambiental que debería impedir a reapertura da explotación, que se iniciou co baleirado de varias galerías que estaban asolagadas e a vertedura de máis residuos tóxicos ao río. Aquelas dilixencias foron arquivadas en contra do criterio da Fiscalía, e as organizacións que denunciaron o caso recorreron en amparo ao Tribunal Constitucional, que aínda non se pronunciou.
A nova denuncia presentada agora por Unidas Podemos está relacionada coa anterior, pero refírese ás manobras que realizaría Augas de Galicia para asumir a tese do departamento de Minas da Xunta de que as balsas de decantación non eran tales. Desa forma, o seu baleirado e a limpeza e recuperación da zona afectada, non correspondería aos propietarios da mina, senón á Administración autonómica, que debería asumir os custos da operación.
Ademais de por Unidas Podemos, a denuncia penal está asinada por Ecoloxistas en Acción, a Plataforma pola Defensa do Mar da Comarca de Muros-Noia, a Asociación Ambiental Tralapena e a Fundación Montescola. A diferenza da querela, que só pode presentar o afectado pola comisón dun ilícito penal, a denuncia penal permite comunicar ao xuíz a comisión dun delito para que abra a investigación pertinente.
Fuentes do Executivo galego aseguraron a Luzes-Público que aínda non teñen constancia xudicial da demanda, polo que eludiron valorar o contido das acusacións.