Pouco lle durou á Xunta o antollo con Sargadelos. Non tardou nin mes e medio en abandonar o Padroado dunha Fundación na que desembarcou o pasado 26 de outubro co mesmo empuxe que o dos aliados en Normandía. Coma unha agra aberta, a Consellería de Cultura anunciaba que esa decisión era «unha oportunidade fantástica para poñer en valor, para impulsar e promover a innegable transcendencia e importancia que ten Sargadelos no seu conxunto na cultura galega».
Román Rodríguez e o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, representaban o Goberno galego na institución cun obxectivo: «impulsar a marca Sargadelos como gran referencia cultural de Galicia, un nome que conta ademais cun gran simbolismo de representación do país, cun papel preponderante durante o século XX, e para o conxunto da cidadanía» (pido desculpas polo alambicado da redacción, son citas textuais do comunicado oficial). Todo isto, ademais, coincidindo coa conmemoración do centenario de Isaac Díaz Pardo, protagonista dunha gran exposición na Cidade da Cultura…

Pois ben, en cuestión de semanas tantos proxectos e tantas boas intencións quedaron en auga de castañas. A Xunta marchou do Padroado, en que xa non están nin Lorenzo nin Rodríguez. O caso máis curioso foi o do conselleiro que disque entrou no órgano «a título persoal»; ou, polo menos, iso foi o que se publicou tras a súa baixa…

Que aconteceu neses escasos 40 días? Por que a Xunta renuncia a apropiarse doutro legado simbólico ao que, por riba, desta vez non tería que despoxar de arestas incómodas? Os actuais propietarios xa o fixeron ata un punto que non se tería acadado nin nas fantasías máis húmidas da dereita españolista: usar como musa dun dos seus bolsos a Rosa Díez. Game over.

Só unha cousa puido acontecer. A primeiros de mes, coñecíase a fichaxe de Eva Cárdenas como asesora externa do grupo. Algunhas informacións chegaron a falar de que o posto incluía un soldo de 136.000 euros anuais. Non está mal para unha empresa que hai ben pouco estaba en concurso de acredores e dende onde se xustificaba a incorporación na súa permanente «busca de talento». Efectivamente, pódese argumentar que Cárdenas foi directora de Zara Home durante 15 anos pero, sobre todo, é a parella de Alberto Núñez Feijóo e a nai do seu fillo. É dicir, do presidente da mesma Xunta que –a título persoal ou non– acababa de entrar no Padroado da Fundación que a contrataba.

E foi aí onde se rompeu o amor. Non entre Alberto e Eva, senón entre o Goberno galego e o seu penúltimo xoguete. As informacións que, ademais de recoller a fichaxe, se facían eco desa concatenación de feitos –que tampouco é que fosen todas– axiña tiveron que incluír unha corrección: resulta que, sen avisar a ninguén, a Xunta xa abandonara o devandito padroado. Aseguraban que era un feito consumado había algún tempo, «a primeiros deste mes», pero a sensación é que marcharan tan a présa que o cigarro que deixaron sobre a mesa aínda estaba botando fume…
Unha saída indigna despois de tantas promesas; pola porta de atrás, correndo e a medio vestir, como a do amante cando se escoita a chave na pechadura e ela berra: «É o meu marido!». (Como comprenderán, isto é unha metáfora. As cousas nunca puideron acontecer de verdade así, entre outras cousas, porque o presidente da Xunta é refractario ao matrimonio…).

A Sargadelos chameille penúltimo xoguete porque a Xunta non tardou en atopar outro caudal simbólico ao que tratar de botarlle o dente. O Pazo de Meirás ou, en palabras de Rodríguez, «o Pazo de dona Emilia», que xa sabemos que o de Franco aínda se lles atragoa un pouco. O Goberno galego quedou só na súa proposta de amnesia histórica para as Torres, pero pode que non entregase aínda as armas.
Seguramente, ao final, as teses de Moncloa, da Deputación, dos concellos de Sada e A Coruña, dos historiadores, dos descendentes dos espoliados… teñan forza dabondo (e sentido común) para impoñérense. Pero, se con iso non chega, sempre hai outra maneira de quitarlle á Xunta a ilusión polo proxecto: contratar de asesor algún familiar de Feijóo. Seguro que, ao día seguinte, un par de sitios baleiros na comisión facilitan a unanimidade. De nada.