Cada ano, un cidadán do Estado español consume de media máis de 90 kg de carne, unha cantidade que nos pon á cabeza de Europa en carnivorismo, só superados por Austria segundo datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación. Moitas persoas intentan -intentamos?- reducir o seu consumo de carne e de produtos de orixe animal, mais os obstáculos son variados; os cambios na dieta atopan incomprensión, resistencia social e ás veces incluso a do propio corpo.
No episodio desta semana, discutimos algúns artigos do presente ano que problematizan as reaccións viscerais ás recomendacións do Ministro Garzón de reducir o consumo de carne e subliñan os seus vínculos coa masculinidade máis hexemónica e máis nosa: a dos cuñados a competir por como facer mellor a brasa do churrasco. De Carol J. Adams a El comidista, a relación entre os atributos da masculinidade clásica e o consumo de carne non pasan inadvertidos a quen observa as novas escenas do machismo anti-tofu.
Como é habitual, outro campo de batalla extenuante para a guerra ideolóxica contra os novos hábitos é o da linguaxe. Dos leites vexetais ás hamburguesas veganas, pescudamos na orixe das palabras e debatimos canto teñen de eufemismo os termos que empregamos para falar dos nosos alimentos.
Martinha Almôndega, a nosa convidada, explícanos que a porcentaxe de mulleres triplica a de homes no activismo vegano dentro do Estado e reflexiona connosco sobre algúns dos posíbeis motivos detrás destas cifras. Ilumínanos tamén sobre as súas experiencias como muller vegana, como a máxica metamorfose en expertos en nutrición dos seus interlocutores cando coñecen a súa dieta, a falla de flexibilidade na súa contorna en xantares sociais e familiares e a ausencia de opcións veganas nos menús de moitos restaurantes.
Escoitade o novo episodio e seguide co debate nas redes!
A imaxe da cabeceira é da compañeira de Luzes Claudia Morán. Non é unha comida moi vexetariana, iso sí, é todo «natural»