A memoria visual do «Prestige» e outras cicatrices na paisaxe galega, protagonistas da VI edición de FFoco

O Festival de Fotografía da Coruña acolle desde 4 de novembro na Fundación Luís Seoane unha escolma de autoras e autores que ofrecen unha panorámica galega e global da mellor creación fotográfica actual

A Coruña.- Nos primeiros días de novembro de 2002 o petroleiro Prestige sufriu unha vía de auga e afundiuse a uns 250 quilómetros da Costa da Morte, provocando unha das maiores catástrofes medioambientais da historia de Europa.

Xusto 20 anos despois, o fotógrafo Julián Barón (Valencia, 1978), un dos grandes renovadores da linguaxe fotográfica do noso tempo, presentará a partir do 4 de novembro na sexta edición de FFoco o proxecto O desengano, que foi realizado orixinariamente ao pé dos acontecementos que rodearon a crise do petroleiro e que supuxo unha das primeiras tentativas na definición do seu discurso fotográfico.

«Zona de sacrificio», de Catara Rego.

Esta exposición, unha revisión sen xenealoxía nin nostalxia en torno á memoria visual do Prestige, chegará acompañada da presentación do fotolibro do mesmo título, editado por Alauda Negra. Unha publicación «viscosa», en definición do propio autor, impresa en tinta branca sobre papel negro.

Xunto ao de Barón, outros traballos que evidencian as cicatrices provocadas na paisaxe galega pola explotación dos seus recursos naturais centrarán a programación do Festival, que volve a ter á coruñesa Fundación Luis Seoane como sede central.

En Zona de Sacrificio a fotógrafa Catara Rego (Lugo, 1996) retrata aquelas áreas xeográficas nas que o aproveitamento da auga, a terra e o vento modificaron durante décadas o territorio, asumido pola autora como unha forma de identidade.

«Raza», de Tono Arias.

Pola súa banda, Rosa Veiga (Ourense, 1965) apunta coa súa cámara a outro desastre medioambiental que, verán tras verán, arrasa Galicia: os incendios. Dende o fotoxornalismo, no que todavía impera a mirada masculina, Veiga documenta en Ardo, ardemos algúns dos devastadores lumes que calcinaron miles de hectáreas de monte galego este ano.

Beatriz García (Madrid, 1979) reflexiona en Lousas sobre a industria da pizarra en Valdeorras, motor de vida na zona ao tempo que símbolo de contaminación e discrepancia entre a propia veciñanza. E Blas González (Caracas, 1962) segue en Cadernos da Limia o rastro dunha brecha que todavía sangra na paisaxe desta comarca e na memoria dos seus habitantes: o desecado nos anos 60 da laguna de Antela, humidal de alto valor ecolóxico e natural.

«El estudio del pintor”, de Laure Moio

Outro tipo de cicatrices, neste caso persoais, son as que aborda no seu traballo Laura Fandiño (Santiago de Compostela, 1985). Así, a fotógrafa compostelana, en constante conexión coas súas orixes, deixa ao descuberto as súas propias feridas en Autoconstrucción, un traballo sobre o proceso que levou ao seu pai a experimentar un cambio drástico, físico e mental.

En paralelo, Marius Scarlat (Rumanía, 1993) reflicte en Donde los perros no ladran o mundo propio construído pola súa avoa Vasilica e o seu tío Gigi, que se refuxia no alcol, nunha historia ambientada nun pobo de Romanía, pero que por estética, e pese ás distancias, evoca en todo momento a Galicia.

«Donde los perros no ladran», de Marius Scarlat.

Completan o apartado expositivo Bernardo Villanueva (Castrelo de Miño, 1970) e Tono Arias (Allariz, 1965). O primeiro con Grandes éxitos, unha escolma da súa creación fotográfica dos últimos anos: imaxes case sempre en cor e con técnica analóxica e en cuxo fondo permanece a cidade da Coruña como escenario; mentres que Arias afonda en Raza na realidade social do rural galego, para reflexionar sobre outros conceptos máis universais, como a relación do ser humano coa natureza, a soidade do individuo, o amor e a morte, o territorio e a súa transformación.

En canto ás actividades, o Festival propón un debate en torno ao poder dos medios de comunicación na súa relación coa imaxe. Para elo, proxectarase o traballo Xeración Perdida, de Adra Pallón que recolle os anos de convivencia entre o autor e veciños da súa localidade natal en risco de exclusión social. Esta proposta chegará acompañada do documental Imaxe sen distancia, firmado por Paula Quiroga (Lugo, 1996), sobre o proceso de traballo do propio Pallón.

Tamén na Fundación Seoane celebrarase o sábado 5 de novembro unha das propostas máis emblemáticas do Festival: unha feira editorial que reúne aos principais selos especializados en fotografía, entre eles, Alauda Negra, AmordeMadre, Bartlebooth, Colectivo Juan Nadie, Dispara, Estraperlo, La Cueva, La Mosca, Llamp, Papel de Calzoncillo e Solar.

«Ardo, ardemos», de Rosa Veiga.

Finalmente, a modo de peche do Festival, presentarse o fotolibro Origen o cuando la marea baja, de Ana Paes (A Guarda, 1982), gañadora da primeira edición do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, impulsado por FFoco en colaboración con Fabulatorio. Origené unha obra complexa, cunha profunda capacidade lírica, que é capaz de reunir e articular, nun mesmo discurso narrativo, unha historia sobre a viaxe e as búsquedas interiores que facemos no tránsito; un relato sobre as complicidades familiares e, por último, unha indagación sobre a memoria, sobre as súas distorsións e os seus reflexos no presente.

Dende a súa creación en 2017, FFoco converteuse no escaparate de referencia no que amosar e coñecer o estado actual da fotografía documental e contemporánea galega. O Festival é unha iniciativa da Asociación Acolá e é posible gracias ao apoio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Fundación Luís Seoane.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail