Reclaman ao bispo Leonardo Lemos, que evite unha inxustiza probada nos tribunais e aplique «os valores morais que se lle supoñen»
A Coruña.- Varios representantes dos traballadores da residencia de maiores que xestiona no Carballiño (Ourense) a Fundación Irmáns Prieto ocuparon este martes pola mañá o Bispado de Ourense para reclamar a readmisión de dúas xerocultoras do centro, que foron despedidas por denunciar as carencias do asilo.
Os sindicalistas colgaron unha pancarta dun dos balcóns do Bispado na que se lía «Bispo: ou xustiza ou readmisión ou cómplice da pobreza. Non ao fariseismo». Ao tempo, outras compañeiras e traballadoras da residencia concentráronse baixo o balcón con outra pancarta con idéntico lema.
A residencia Irmáns Prieto é de orientación católica e está xestionada pola Fundación do mesmo nome, cuxo padroado está formado por unha triada que forman o seu presidente, o bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet; o arcipreste do Carballiño e o alcalde da localidade, o socialista Francisco Fumega.
As traballadoras levan meses denunciando os incumpimientos da xestión do centro en materia de relacións e seguridade laborais, en dotación de medios e en vulneración das normativas en materia de servizos sociais.
Tanto a Xunta como a Inspección de Traballo abriron expedientes avalando a veracidade desas denuncias, pero a empresa respondeu co despedimento de dúas traballadoras por motivos supostamente disciplinarias.
Unha sentenza do xulgado do Social número 3 de Ourense acaba de declarar improcedente un deses despedimentos -o outro aínda está pendente de xuízo-. A sentenza deixe en mans da Fundación Irmáns Prieto a posibilidade de readmitir á traballadora ou de ejectutar o despedimento e indemnizala con 10.138 euros.
A xerocultora, con oito anos de antigüidade, dous fillos e unha parella a piques de quedar no paro, xa manifestou o seu desexo de reincorporarse ao seu emprego, pero a dirección do centro asegurou que non a readmitirá.
«É unha ocupación simbólica», explica Anxo Pérez Carballo, secretario provincial de CIG-Ourense, o sindicato ao que están afiliadas as traballadoras. «A empresa ten que decidir, e o xefe da empresa é o bispo, que pode comportase como un mercantilista puro e seguir co despedimento ou aplicar os valores morais que se lle supoñen», engadiu, para concluír que «a xustiza dixo que o despedimento é inxusto, e está en mans do bispo evitar que se cometa unha inxustiza».