O bispo de Ourense despide dúas traballadoras dunha residencia que protestaron polas condicións do centro

Non as readmitirá a pesar de que a xustiza declarou improcedente un dos despedimentos e de que a Xunta e a Inspección de Traballo constataron as irregularidades na xestión do asilo da fundación católica Irmáns Prieto, que el preside.

A Coruña.- O bispo da diocese de Ourense, Leonardo Lemos Montanet, decidiu despedir dúas traballadoras da residencia para maiores do Carballiño (Ourense) que xestiona a Fundación Irmáns Prieto Asilo de Anciáns,, e cuxo padroado, que el preside, está formado ademais polo arcipreste e o alcalde da localidade.

Segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato ao que están afiliadas as dúas traballadoras, os despedimentos débense ás denuncias que veñen realizando sobre as carencias do centro e polos reiterados incumprimentos da Fundación sobre as súas condicións laborais e en materia de seguridade.

Tanto a Inspección de Traballo como a Consellería de Política Social da Xunta advertiron á residencia de que debe cumprir coas súas obrigacións legais nesas materias, tal e como recolle a documentación á que tivo acceso Luzes-Público.

A empresa comunicou os despedimentos a primavera pasada. As traballadoras acudiron aos tribunais e unha delas xa viu como o Xulgado do Social número 3 de Ourense declaraba o despedimento improcedente nunha sentenza datada o pasado día 7.

Segundo a xuíza, os feitos dos que a acusaron para despedila «non teñen a gravidade suficiente como para dar lugar ao despedimento». A súa falta foi que se atrasou á hora de cambiar a un residente porque estaba a dar a comida e deitando ao resto. Ese interno foi ademais o último en abandonar o comedor ese día.

O secretario xeral da CIG, Anxo Pérez Carballo, atendendo aos medios este luns no Concello de O Carballiño.

A sentenza declara improcecente a rescisión unilateral do contrato de traballo, pero dá á Fundación cinco días hábiles para elixir entre readmitir á xerocultora ou manter o despedimento ilegal e indemnizala con 10.159,11 euros.

A traballadora, que cobraba un salario bruto de 1.338 euros mensuais incluída a prorrata das pagas extra, levaba oito anos traballando na residencia, ten dous fillos, o seu marido traballa cun contrato temporal que expira en breve e ela xa manifestou o seu desexo de seguir no seu posto.

Luzes-Público dirixiuse ao bispo de Ourense para saber se vai readmitila, pero a institución derivou a pregunta á xerente da Fundación, Nuria Iglesias, quen advertiu de que a intención da Fundación non é esa.

«Seguimos considerando que cometeron unha neglixencia moi grave que a sentencia avalou nos feitos probados, e a idea non é readmitilas», indicou a xerente, que engadiu que o departamento legal tamén valora recorrer o fallo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para non ter que indemnizalas.

«As nosas compañeiras necesitan o traballo, e aínda que elas tamén recorran a sentenza, non poden estar oito meses ou un ano sen traballar esperando a que lles dean a razón», asegura pola súa banda Cristina Reinoso, delegada da CIG no comité de empresa da Fundación e quen onte se reuniu co alcalde do Carballiño, o socialista Francisco Fumega, para reclamarlle o seu apoio.

«Non só lle pedimos que vote no padroado a favor da readmisión, porque el só ten un voto de tres, senón que se implique no caso e convenza ao bispo para que non faga efectivos os despedimentos», engade.

Luzes-Público tamén tentou poñerse en contacto con Fumega, pero o rexedor non respondeu ás mensaxes e chamadas deste medio.

Protesta das traballadoras da residencia nos xulgados de Ourense / Foto: CIG

As traballadoras levan meses alertando das carencias que padece o centro e o acoso e as coaccións ás que aseguran sométeas a xerencia por denuncialas. O pasado5 de agosto, interromperon un pleno do Concello proferindo consignas contra o alcalde, e o colgaron unha pancarta do balcón da Casa do concello na que se lía «Bispado, non mires para outro lado».

O pasado xuño, a Inspección de Traballo comunicou á CIG que se acudiu na residencia e que, tras entrevistarse coa xerente e examinar a documentación que se lle reclamou, requiriuna para que se emendasen as deficiencias achadas en materia de xornadas e horarios de traballo do persoal e de riscos laborais.

En concreto, a Inspección esixiu que puxese ao dispor das traballadoras os equipos de protección individual e o material que reclaman, que mellore a súa formación práctica e que cumpra a súa obrigación de vixiar a saúde do persoal en función dos riscos derivados da súa actividade, xa que no caso de varios empregados esa vixilancia «atópase caducada ou non foi aínda efectuada».

Mes e medio despois da Inspección de Traballo compareceu na residencia a inspección da Consellería de Política Social da Xunta, que tamén constatou varios «incumprimentos da normativa aplicable en materia de servizos sociais», esixindo a súa emenda e advertindo á xerencia do inicio «das actuacións oportunas conducentes» á corrección das ilegalidades detectadas.

Segundo a CIG, a Fundación Irmáns Prieto perdeu xa «máis de vinte sentencias por incumprimento do convenio» colectivo e decidiu «poñer en marcha unha política de sancións disciplinarias» que, en opinión do sindicato, inclúe despedimentos ilegais baixo escusas disciplinarias como os que afectaron a dous das traballadoras que se significaron nas protestas.

«Señor bispo, un despedimento improcedente, segun a Real Academia, é abusivo, arbitrario, impropio, indecente, inxusto…»

O secretario provincial da CIG en Ourense, Anxo Pérez Carballo dirixiuse por carta ao bispo de Ourense para reclamar a readmisión das traballadoras. Este é o texto da misiva:

«Señor bispo de Ourense.

O motivo desta carta é expoñerlle unha situación de especial gravidade que está a acontecer no Asilo do Carballiño (Fundación Irmáns Prieto) que pode derivar en danos irreparables para dúas traballadoras de maneira inminente. Usamos este medio ao non conseguir audiencia con vostede, a pesar dos innumerables intentos.

Como vostede sabe, no Asilo producíronse diversos episodios de conflitividade laboral, con decenas de xuízos nos tribunais do Social, manifestacións, mobilizacións, peches etcétera, chegando ata o punto do despedimento de dúas traballadoras.

Todos os nosos intentos de mediación e negociación resultaron infrutuosos. Ata que finalmente se chegou á celebración de xuízo no caso dunha traballadora (a outra está pendente aínda de que se sinale). No mesmo acto de xuízo ofrecemos unha saída negociada na que ningunha das partes salía derrotada. Foi inútil. O Xulgado do Social nº 3 de Ourense ditou sentenza que declara que o despedimento é improcedente, que dito doutro xeito, segundo a Real Academia, e usando os sinónimos que a mesma relata, é abusivo, arbitrario, impropio, indecente, inxusto…

«A traballadora necesita o traballo e o salario. Se o perde, quedaría nunha situación de absoluta vulnerabilidade»

Desgraciadamente, a lexislación laboral actual non resulta moi favorable aos traballadores, e outórgalle á empresa a capacidade de opción entre a readmisión da persoa despedida (que sería o razoable dada a cualificación ditada pola sentenza) ou indemnizala economicamente. É dicir, manter a situación de inxustiza, pagando unha cantidade económica.

Aí é precisamente onde queremos apelar á súa condición de presidente do padroado da Fundación. Resultaría absolutamente incomprensible que o representante da Igrexa católica na provincia de Ourense, que se rexe por uns determinados valores morais e de xustiza social, usase os mesmo estándares que calquera sociedade mercantil e decidise poñerlle prezo a unha inxustiza manifesta e probada mediante sentenza.

A traballadora necesita o traballo e o salario. Se o perde, quedaría nunha situación de absoluta vulnerabilidade, co risco de quedar en situación de exclusión social. Abocala a ese escenario sería totalmente inxusto e indecente. Por iso, apelando aos principios que rexen os seus ideais, e tendo en conta que a decisión de readmitir ou indemnizar está exclusivamente nas mans do padroado que vostede preside, pedímoslle encarecidamente que actúe coa ética e xustiza que os seus fregueses, con total seguridade, esperan que se faga. Penso que é unha petición apropiada, proporcionada e, sobre todo, xusta».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail