América Latina, retrato en negro

Meses antes de falecer a causa do coronavirus, o chileno Luis Sepúlveda lembraba os seus anos de combate: «fun guerrilleiro en Bolivia e en Nicaragua. Loitei coas armas na man porque era o que había que facer. Non quedaba outra alternativa». Falaba así durante a gravación de Latin Noir, documental de Andreas Apostolidis que explica o estoupido da novela negra en América Latina na década dos 70, coincidindo coa extensión das ditaduras militares que daquela asolaron o continente. Como paso previo á súa carreira literaria, Sepúlveda ingresaba en 1979 na Brigada Internacional Simón Bolívar e tomaba parte na Revolución Sandinista. Mentres tanto, outros compañeiros de xeración, co mexicano Paco Ignacio Taibo II á cabeza, xa estaban somerxidos nas vizosas augas dese latin noir publicando historias de detectives. Querían contar aquela América Latina tan convulsa dende o policial, pero sen intrigas de cuarto pechado nin misterios de salón, atentos á premonición nerviosa dos seus países. Todos compartirían, andando o tempo, a poética de Dashiell Hammett, represaliado na noite do macartismo e pedra inaugural do xénero: a policía está corrupta e o Estado mata antes de preguntar. Con Pinochet en Chile ou Videla na Arxentina, non se trataba dunha ficción.

Pasaron corenta e cinco anos dende que Taibo publicou Días de combate, primeira entrega da serie Belascoarán Shayne. Pero esa rexión que abrangue máis de vinte millóns de quilómetros cadrados de superficie, vinte países e uns seiscentos cincuenta millóns de habitantes, segue a ser un territorio interpretable dende un xénero nacido entre México e a Arxentina como un observador privilexiado do rostro multiforme da violencia, o narcotráfico ou a corrupción. Se aqueles autores teimaron en levar ao seu rego a fórmula do noir hammettiano cunha análise en primeira liña da realidade social do seu tempo, non hai dúbida de que o conseguiron. Examinaron as raíces menos visibles do delito e déronlle a razón ao Balzac que advertía a sombra dun crime detrás de toda gran fortuna. Así e todo, o devir social e político dos seus países, na actualidade, coas rúas en tensión e a economía ferida pola pandemia, insiste en mirarse no espello dun thriller en constante actividade. O retrato en negro non muda de cor.

América Latina continúa a ser unha das rexións do mundo máis violentas para as mulleres. En México, as estimacións sinalan unhas 10 asasinadas e 26 desaparecidas ao día, datos que as fontes oficiais de 2020 traducen en 3.752 asasinatos. Lonxe deses números, pero non por iso menos estarrecedores, o observatorio Mumalá cifra en 320 os casos de mortes violentas de mulleres durante o pasado ano na Arxentina. Dende ese escenario de terror escribe Dolores Reyes, autora de Cometierra (Sigilo) e feminista vencellada aos movementos sociais. «Nacín en 1978, en medio das desaparicións provocadas pola ditadura. E medrei con esa realidade moi presente, unha ferida á que logo se sumaron os feminicidios». Reyes refírese ao drama que alentou a súa novela, unha viaxe entre o criminal e o realismo máxico con ecos de Juan Rulfo. Unha vidente do conurbano de Bos Aires, en ausencia de pescudas oficiais, come terra para seguir a pista de mulleres desaparecidas. «Contar unha historia que cuestione as orixes da violencia, a desigualdade ou o funcionamento da xustiza provoca que, sexa ou non a túa intención, acabes pisando o territorio da novela negra», explica a escritora.

Dolores Reyes.

Reyes implicouse a fondo na loita pola legalización do aborto no país, que chegaría en decembro de 2020, en plena pandemia, tras arrastrar as mobilizacións sociais máis importantes da súa historia recente. Arxentina uníase así a Uruguai, Cuba ou Cidade de México, cuxas lexislacións recoñecen o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, exemplos ben diferentes aos de Nicaragua, Honduras ou O Salvador, con leis prohibicionistas. Neses pañuelazos participou tamén Claudia Piñeiro, cunha longa traxectoria narrativa e habitual nas marchas, que acaban de celebrar o seu sexto aniversario. O aborto e a moral relixiosa, pasados pola peneira do policial, conforman a cerna de Catedrales (Alfaguara), novela coa que a autora de orixe galega gañou o premio Hammett da Semana Negra de Xixón. Presentada co habitual pulso narrativo da casa, recupera a investigación da morte dunha moza de clase media cuxo corpo aparece despezado nun predio ao sur de Bos Aires. O peso da familia atravesa as súas páxinas. E, ao igual que Cometierra, volve á cuestión das mulleres sen voz, agochadas baixo o silencio imposto polo patriarcado. Reyes, que celebra a conexión con Piñeiro, advirte: «Non podemos baixar a garda. Virán ondas conservadoras que pretenderán disciplinar de novo os nosos corpos. Pero aí estaremos outra vez as mulleres». Cada dúas horas e media, América Latina rexistra un feminicidio.

Claudia Piñeiro.

Os mexicanos acudiron a votar en xuño tras unha campaña que deixou unha colleita vermella de noventa políticos asasinados e centos de agresións contra cargos públicos. Os resultados debuxaron unha fronteira interna na capital do país: os barrios do leste votaron en bloque por Morena, o partido do presidente López Obrador, e os do oeste, pola coalición dos grandes partidos tradicionais. Sobre o mapa, nas redes chanceouse con esa especie de muro redivivo de Berlín, liña divisoria que separa as zonas máis acomodadas daquelas con escasos ingresos ou directamente pobres. Non se trata dunha casualidade. Abrindo o foco, América Latina é a rexión máis desigual do mundo e a pandemia empeorou as diferenzas. A principios de 2020 contábanse 76 cidadáns cun patrimonio superior aos mil millóns de dólares. Agora, malia a crise, a mediados deste 2021, superan xa o centenar. Mentres uns poucos se enriquecen, o PIB contraeuse un 7,7% na zona por efecto do coronavirus. A pobreza afecta a un de cada tres habitantes, din os datos da Comisión Económica para América Latina e o Caribe.

O mexicano Iván Farías, que acaba de publicar en España Un plan perfecto (Real Noir), sinala a data de inicio do imparable ascenso da desigualdade no seu país: «Aquí comeza a agravarse dende que en 1994 entra en vigor o tratado de libre comercio cos EUA e Canadá, que supón que moitas empresas mexicanas rematen en mans de multinacionais». En apenas cinco anos, a pobreza medrou ata o 28%, mentres empresarios como Carlos Slim, quizais a persoa máis rica do mundo, se beneficiaban da desregulación do mercado de traballo. Ese pano de fondo está presente na cáustica amoralidade da súa novela, poboada de personaxes corroídos pola avaricia que buscan aumentar as súas posesións materiais ao prezo que sexa. No entanto, o protagonista é un ladrón cun código moral que evita o emprego da violencia. «Non só do narco vive a novela negra en México», apuntan na editora. Pero alén da súa presenza habitual na ficción −en Netflix xa se pode ver Somos, baseada no masacre de Allende, perpetrado hai unha década por Los Zetas−, os cárteles nútrense cada día dos elevados niveis de pobreza no país. Polo camiño, o seu samaritanismo de Instagram deixa algunha estampa disparatada: a filla do Chapo Guzmán, nos peores días da pandemia, dedicouse a repartir caixas de alimentos coa imaxe impresa do seu pai. Farías mira máis alá do río Bravo, desbordado cada ano con milleiros de migrantes centroamericanos, para explicar a cronificación dunha trama sen fin: «a violencia e as diferenzas económicas son compartidas cos Estados Unidos, só que eles teñen mellor prensa. Pero abonda con ler a Dennis Lehane, a George Pelecanos ou a Richard Price. Velaí está a cantidade de xente que vive sen teito ou nos coches, os millóns de armas, os lugares onde non existe o Estado. Mentres sigan sendo un país neoliberal e corrupto, os mexicanos seguiremos arrastrados por iso».

Iván Farías.

En Chile, as protestas de finais de 2019, iniciadas coas manifestacións de estudantes, descontentos polo aumento dos prezos do transporte público, remataron na convocatoria dun plebiscito para mudar a constitución de Pinochet. Unha esperanza en marcha, pero a cambio de mortos, torturados e alta tensión social. A indignación trasladouse hoxe a Colombia, onde unha dura reforma fiscal axitou os ánimos a finais de abril. O presidente Iván Duque ordenou o despregamento de catro mil membros do exército en Cali para frear o incendio nas rúas. Unha partitura semellante á que vimos en Chile cando Sebastián Piñera declarou o país «en guerra» e botou man de dez mil uniformados para encarar o conflito. Argumentos todos deste século, pero non moi distintos aos que incorporou ás súas obras a vella garda do latin noir. O último punto de xiro podemos buscalo en Nicaragua: Daniel Ortega detendo políticos da oposición, incluídos antigos guerrilleiros que liberaron o país da ditadura en 1979, ante o medo a perder as vindeiras presidenciais de novembro.

Santiago Roncagliolo.

O contexto parecería propicio para unha novela de Leonardo Sciascia ou Jean-Patrick Manchette, líder espiritual do neo-polar francés dos 70. Pero, en opinión do guatemalteco Francisco Alejandro Méndez Castañeda, para unha análise eficaz non cómpre que a conciencia sexa a única musa do escritor. O reflexo dun escenario tan avolto fala por si mesmo. «Nada mellor que a novela criminal para describir as consecuencias da crise capitalista e o auxe dos populismos, pero non é estritamente necesario que os investigadores sexan, poñamos por caso, de inspiración marxista. Abonda con presentar unha pescuda que sempre nos acabará trasladando a un sistema corrupto». Coinciden entre as últimas novidades que chegan do outro lado do charco Y líbranos del mal (Seix Barral), do peruano Santiago Roncagliolo, ou Perro muerto (Alrevés), do chileno Boris Quercia. Méndez Castañeda, premio nacional de literatura en Guatemala, vén de editar en México Si dios me quita vida, nova entrega do comisario Pérez Chanán, aínda inédito en España. Sinala un trazo distintivo do policial latinoamericano respecto ao destas latitudes: «diría que o cinismo, o humor negro, o xeito en que abordamos a morte. A realidade dos nosos países é tan irracional que ata se pode arrincar unha gargallada dos interrogatorios máis salvaxes da policía. Pensemos en Agosto, do brasileiro Rubem Fonseca, ou nalgunhas novelas do cubano Leonardo Padura». Así a todo, a revisión dalgúns datos en frío, alén da literatura, non provoca risa. En Venezuela, líder da rexión en homicidios, faleceron preto de doce mil persoas o ano pasado por morte violenta. O paradoxo é que os números descenderon á metade respecto a 2018. Unha explicación atopámola na depresión económica. A delincuencia tamén emigra.

O recurso ao lawfare −emprego da xustiza para a persecución política− está á orde do día na rexión, abondosa en thrillers xurídicos. En Brasil, millóns de cidadáns votaron en 2018 a Bolsonaro pensando que Lula da Silva era un delincuente. Unha campaña por terra, mar e aire levouno á cadea e inhabilitouno para presentarse a uns comicios que o daban gañador. Os tribunais veñen de anular agora a condena, recoñecendo que non foi xulgado con imparcialidade. En Bolivia, unha ofensiva xurídica similar acabou con Evo Morales no exilio a finais de 2019, ata que un ano despois o país recuperou a democracia coa vitoria de Luis Arce. Hoxe as argalladas trumpistas ameazan a democracia en Perú. O resultado das recentes eleccións amosaron que o mestre rural Pedro Castillo gañou por unha marxe duns 44.000 votos, pero Keiko Fujimori teima en non aceptar a derrota argumentando, sempre sen probas, que existiu fraude. Segue a impulsar un movemento no taboleiro que ten traza de intento de golpe de estado, co obxectivo de deslexitimar a vitoria do seu rival e propiciar unha intervención do exército. A última reaparición dun personaxe tan sinistro coma Vladimiro Montesinos, exasesor presidencial, facendo chamadas telefónicas dende o cárcere para alterar os resultados, confirma unha nova pata na estratexia desestabilizadora.

Cesar Alcázar, editor do selo Safra Vermelha e organizador do festival Porto Alegre Noir, o maior evento literario do xénero no Brasil, describe a contaminación que está a deixar o discurso bolsonarista na esfera pública: «A súa chegada provocou un retroceso abismal no debate político. Agora xa non hai ideas nin propostas, só triunfan as provocacións e as liortas nas redes sociais, as noticias falsas, as constantes teorías da conspiración». Foi alí, en Porto Alegre, onde o prefeito −a autoridade municipal− chegou a aparecer nun vídeo pedíndolles aos veciños que desen a súa vida para salvar a economía. «Respírase un forte rexeitamento contra os intelectuais, moita hostilidade contra os traballadores da cultura. Hai unha continua negación da ciencia», apunta Alcázar. Pero a mediados de xuño, centenares de brasileiros asistiron ás numerosas manifestacións que tiveron lugar en varios estados para esixir a renuncia do presidente, acusándoo de dar prioridade á Copa América fronte á traxedia humanitaria que seguiu á pésima xestión da pandemia. As marchas desenvolvéronse en catrocentas cidades, o dobre que nas mobilizacións celebradas en maio. E aínda que se prefire non cantar vitoria, comezan a viralizarse con máis intensidade as causas do sector progresista. Durante as protestas, as análises indicaron que Bolsonaro perdeu o combate nas redes ante o impulso de Lula, vencedor en contido positivo e capacidade de mobilización. En 2021 non haberá Porto Alegre Noir, pero Alcázar agarda recuperalo o ano que vén. Recoméndanos a lectura de Enterre seus mortos (Companhia das Letras), de Ana Paula Maia, para termos un retrato perfecto da actual atmosfera do país. E pronuncia unha palabra que non se apaga nunca: «esperanza». Malia que o retrato desta viaxe insista no negro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail