De cando a Xunta de Galicia legalizou a mariguana

Eran case as tres da maná e chovía a mares en cada recanto do Antigo Reino. Esvaraba a toponimia polo mapa de Fontán. O único think tank activo a aquela hora na Galiza era o equipo de Penso en ti, o programa das madrugadas da Radio Galega, activa célula que conecta e agrupa a mellor arañeira de líderes de opinión. O pobo da noite. A fronte noitébrega. A rede social dos somnámbulos. O velorio dos vivos. A vangarda de panadeiras e camioneiros.

En Penso en ti, Marcial Mouzo, o grande temoeiro das ondas, vina de provocar un intrépido debate, este si, que electrizou a noite. A cuestión era histórica e axeitada para abanar calquera preguiza conformista. Atención: cal foi a primeira banda que interpretou La burrita en Corme? Foron Los Key, fundada na Coruña en 1962, ou o grupo local Nuevas Ideas?

A noite estourou coa aposta musical. Cada vila de Galiza ten a súa chave para abrir o cadeado. E a clave de Corme é cantar La burrita. A orquestra que non saiba tocar La burrita pode acabar no mar. Cando Franco entrou no iate Azor de imprevisto na ría tralas luras, os de Corme non lle cantaron o himno local de La burrita, senón que o ditador tivo que conformarse cunha peza menor: El pájaro pinto.

—Quen tocou primeiro La burrita? —teimaba dialéctico Marcial.

Na noite chuviosa, levedaba vaporoso o retrouso animoso da burriña. «Ve usté que va a llover y el camino es culebrero, el camino es culebrero, el camino es culebrero». Ían e viñan as chamadas coma ouleos de curuxa. Ese concerto de ultrasóns fixo que a Axencia Nacional de Seguridade (NSA ) enfocase o satélite e multiplicase as escoitas no que chamaban NW (non por Noroeste, senón por No Way).

—What happens in NW country?
—Nothing. They are talking and talking again about a mythical and fabulous animal, they call it «La burrita».

Foi entón cando Lucas de Francisco, mais coñecido por Husqvarna polo seu mester de operario forestal, se fixou no teléfono de moedas na esquina da barra do garito El Paso II. Husqvarna estaba fóra de hora, en todos os sentidos. E xa non ía escampar. Había tempo que non utilizaba un deses cacharros. El, ao programa de Marcial, sempre chamaba polo móbil e para pedir a canción Eu quixera de Chingla. Pero desta vez vira unha luz na noite e decidiu facerse o anónimo. Chamou á Radio Galega polo antigo trebello.

—Eu quixera…
—Agora estamos con La burrita —cortou Marcial—. Quen foi primeiro, Los Key ou Nuevas Ideas?
—Eu quixera comentar a nova que circula xa a nivel internacional —dixo con tranquilidade Husqvarna—, esa de que a Xunta legaliza mañá o consumo de marighuana en Galicia.
—O que? Quen es?
—Eu son eu, funcionario europeo do Medio Ambiente, especialista en silvicultura, e sei do que falo. O ruxerruxe está en todos os despachos e todos son parabéns para o Goberno galego. Vas con atraso no reloxo, Marcial. Mesmo xa airearon o asunto en Hablar por hablar!

Husqvarna colgou. Ás veces, na soidade do monte, tiña estas visións futuristas. Estaba farto de serrar eucaliptos. Na Galiza, os eucaliptos non deixaban ver o bosque. O seu único acougo era, de cando en vez, facer un alto coa motoserra e bogartear amodo un peta de maría. Dende os cumios, imaxinaba prados e veigas inzados dun verdor tropical de cannabis. Todo iría mellor.

Marihuana, santa marihuana,
córtame a mala aireada.

Radio Galega entrou en ebulición despois da chamada do anónimo informante. Marcial tiña intuición das novidades e unha audiencia á espreita. Soubo sintonizar. Atreveuse. Aparcou La burrita, e preguntou polas ondas:

—Nesta noite, hai un bulebule, dise, coméntase, que o Goberno galego vai legalizar a marihuana.Que pensades vós, pobo da noite, dende Ortegal a Cortegada, de Fisterra ao Incio?

Os teléfonos repenicaron. As redes sociais ardían. A resposta foi masiva.

—Xa era hora que fixesen algo polo rural, fartos estamos do orfidal!
—Acabouse a morrina, che!
—A un meu fillo sacárono en Sucesos, como un criminal, por plantar esa verza. Tiña sete folgos!
—Iso vai ser unha riqueza. A nova botica galega!
María das Rías, María do Miño…

O gabinete de prensa da Presidencia recibiu a primeira hora da mañá múltiples peticións de entrevista. Querían confirmar a noticia que xa circulaba por toda España e Europa. A Xunta ía legalizar no consello dese día o consumo de marihuana. O presidente montou en cólera. Quixo dar un desmentido de inmediato. Mais un sexto sentido fixo que chamase o seu conselleiro áulico. E este tivo a ocorrencia de consultar co colega de prensa de Facenda, en Madrid. Falaron de Uruguai: a legalización fora loada mesmo por Vargas Llosa!

Falaron de Colorado, nos EUA : reducíanse as listas de espera nos hospitais, os impostos serían empregados para escolas públicas. Quen lle dese aos ministros Montoro ou Wert ese candelabro. Mais os medios centrais que engaiolaban o Goberno estaban a prol de estupefacientes tradicionais, tipo bromuro ideolóxico.

Alberto Núñez Feijóo coroaríase como a grande alternativa da coraxe liberal. Ao primeiro, o presidente español montou en cólera. Ate que lle fixeron ver que o de Catalunya ficaba nun segundo plano. Isto si que era dereito a decidir. E así foi que o presidente Feijóo saíu na rolda de prensa loando a medicina popular, o saber dos albeites. E houbo conselleiros que luciron unha estampiña do Corpiño cruzada coa pipa de kif de Valle-Inclán. Os medios europeos falaron durante semanas de Galicia, considerada o NW (New West). E seguen a
falar. O primeiro espazo europeo en legalizar a herba.

Grazas a La burrita.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail