Alberto Pombo: «’Aquí Tamén Se Fala’ é a maior campaña a favor do galego, e feita pola mocidade, na nosa historia»

O pasado 14 de abril, o xornalista coruñés Javier Guillén daba a exclusiva no programa A Penaltis da Radio Galega: o Dépor tiña planeado galeguizar o seu nome para pasar a ser, de xeito oficial, Real Club Deportivo da Coruña. O «L» pasaba a formar parte da historia e, inmediatamente, un dos focos da noticia pasou a ser o IES Rafael Dieste, sen o que non se podería explicar esta historia. Porque foi o alumnado do instituto máis diverso de Galicia o que, en 2023, iniciou unha iniciativa de dinamización da lingua, Aquí Tamén Se Fala, que marcara a galeguización do nome do Dépor coma un dos seus obxectivos. O director do Dieste, Alberto Pombo (Loureda, 1985), un dos promotores desta iniciativa, está feliz. O Dépor xa é da Coruña. E o mérito corresponde, en gran parte, aos seus alumnos.

Alberto Pombo no IES Rafael Dieste da Coruña. Foto: Xurxo Lobato.

É pola tarde, o seu horario oficial di que non debería andar por aquí, e Alberto Pombo pide perdón por adiantado: nuns minutos vai ter que marchar para dar soporte a uns concertos que se están a celebrar no salón de actos do IES Rafael Dieste. O rol de profesor militante non é doado: Arcadio González e Mónica Reigía —os seus compañeiros na iniciativa de dinamización da lingua, Aquí Tamén Se Fala, nacida neste centro— están, tamén, botando unha man. E cun ollo na porta e unha afonía produto da fin de semana, este rapaz do arteixán Val de Loureda bota a falar.

Conta Pombo que foi entre estas paredes, tras anos de tombos profesionais, onde atopou un lugar para manter a tradición herdada dos seus profesores de galego no seu instituto de Arteixo: Sechu Sende, Henrique Rabuñal ou Eloy Rodríguez aos que menciona coma a súa entrada natural na militancia pola lingua. Hoxe, el é un deses referentes. E o lugar no que puido facer o seu soño realidade é un no que, en principio, parecería dos máis inopinados: o IES Rafael Dieste da Coruña, na periferia máis céntrica da Coruña.

Onde estamos, e que implica esta situación a tódolos niveis? Cando se ve dende fóra, o IES Rafael Dieste semella estar situado no centro da Coruña, a uns centos de metros do Estadio de Riazor e das praias do centro, pero calquera coruñés sabe que, detrás do Dieste, hai descampado. Isto é periferia dentro da cidade.

«O Dieste ten un 70% de alumnado de orixe emigrante. Aquí fálanse 37 linguas, é un instituto orgullosamente proletario»

A realidade do IES Rafael Dieste e a doutros tantos institutos da Coruña é unha realidade que, ás veces, se nos escapa ao pensar nesta cidade. Nós [o equipo de dinamización da lingua do Rafael Dieste] temos a sorte de que fomos convidados a moitas conferencias para explicar o noso traballo, e cando imos por Galiza adiante e a xente pensa que este é un instituto de pijos, eu sempre digo o mesmo: o Dieste ten un 70% de alumnado de orixe emigrante. Sete de cada dez alumnos coñecen, de forma directa ou a través das súas familias, a experiencia durísima da migración. Aquí fálanse 37 linguas e o barrio que nos nutre, que é A Agra do Orzán, ten un 40% de poboación en risco de pobreza. Son datos oficiais. Dígoo cunha rotundidade absoluta: este é un instituto orgullosamente proletario.

Cal é a función da lingua galega no instituto do barrio máis diverso do país? A través dos rapaces, nós acabamos por entender que a única forma de que rachen cas barreiras que os marcan coma estranxeiros, porque son rapaces que poden ter familia senegalesa pero naceron aquí, é falando galego. Non renunciando a ningunha identidade, senón asumindo esta coma propia.

Esta é unha frase túa: «O peor que se lles pode dicir é ‘No les hables gallego, porque son de fuera’». Exacto. Son xente, familias que veñen aquí a facer as súas vidas. Nós levamos tres anos do proxecto Aquí Tamén Se Fala, e os alumnos de orixe migrante que participan nel xa teñen unha conciencia moi plena de que eles son a identidade galega. A proba está aí fóra, no salón de actos, onde hai 20 rapaces recibindo unha banda galega que canta en galego, facendo toda a xestión en galego. Todos eles, veña de onde veña a súa familia, están a descubrir que o mundo da cultura, neste país, se fai en galego. Non hai tantos espazos naturalizados ou de prestixio para a nosa lingua, pero xusto ese si que o é. E eles xa forman parte dese circuíto.

Alumnado e profesorado cos carteis «O Dépor é da Coruña», na ronda cerca do instituto, coa placa pública xa en galego. Foto de Javi Quiroga.

Como nace Aquí Tamén Se Fala en 2023? Eu cheguei en 2022, previo paso por Oleiros e pola Costa da Morte. Aquí coñecín a Arcadio [González], que levaba xa un ano no Dieste, e Mónica [Reigía] chegou no seguinte curso. Arcadio viña de asumir o equipo de dinamización da lingua e, daquela, no instituto contábanse dúas historias: a do único rapaz galegofalante que había no centro e a do rapaz xitano que fixera bacharelato. Isto dá conta de como é a nosa realidade sociocultural. Aí, nas clases de 4º da ESO, estabamos a falar das Irmandades da Fala, e dalgún xeito naceu dos alumnos unha idea de que A Coruña xa non era tan galega, de que fora un motor para o idioma a través da Cova Céltica, das Irmandades, a Academia…, pero que todo iso desaparecera. Eu dicíalles que para nada, que en absoluto, e que o que había que facer era evidencialo. Foi aí que resolvemos facer unha campaña na que eles fosen os auténticos dinamizadores, porta por porta. O slogan saíu dos alumnos: «Aquí Tamén Se Fala». Comezamos por colocar adhesivos con este lema por locais comerciais da cidade. No primeiro ano puxéronse uns 500. A iniciativa espertou o interese de moitos centros de Galiza. Hoxe en día son máis de 300 os centros que se uniron a esta campaña, con 20.000 rapaces participando de forma activa. Os profesores non pegamos adhesivos: son eles os que fixeron a dinamización.

De esquerda a dereita, Alberto Pombo, Mónica Reigía e Arcadio González, profesores impulsores da campaña.

Dis que é a maior campaña de dinamización lingüística feita pola mocidade. De largo, en toda a historia da cultura galega. Eu non mido ni comparo o que supuxeron outras accións. Eu o que digo é que, en termos cuantitativos non houbo igual. Son 20.000 rapaces, mínimo, os que participaron de todo isto, e 50.000 os espazos onde un mozo entrou cun cartel que di «Aquí Tamén Se Fala».

Na cronoloxía histórica de Aquí Tamén Se Fala, ese foi o primeiro paso, pero chegaron máis. Comezamos a ver desde o primeiro momento que Aquí Tamén Se Fala ía funcionar coma unha campaña de accións. Entón, en paralelo, comezamos xa ca segunda iniciativa: os saúdos. Viggo Mortensen, James Rhodes, Amaia Romero de Operación Triunfo… Referentes estatais e internacionais que nós iamos contactando para que desen o seu apoio á campaña para, logo, sacalos en redes con moita forza.

Tendes 10.000 seguidores en Instagram, o vídeo de Viggo Mortensen superou os 12.000 likes. Nada mal. Cando saíu o de Viggo Mortensen foi unha noticia brutal. Saíu en prensa internacional, aquí viñeron La Sexta e Telecinco a facer reportaxes aos rapaces, TVE tamén fixo referencia á campaña. Foi algo que procuraba, dunha forma moi intencionada, a viralidade. A partir de aí, nese momento, pensamos xa en facer unha nova campaña. O estadio de Riazor está aí [mira pola fiestra], na mesma Rúa Manuel Murguía na que nos atopamos nós. E pensamos en facer unha campaña que implicase os clubes deportivos profesionais de Galiza. Iso non é mandar un correo. Tivemos reunións cos respectivos directores deportivos, e eles asumiron o compromiso de galeguizar os clubs. Ante o Celta, só podemos rendernos polo que fixeron, pero todos apoiaron dalgún xeito: Racing de Ferrol, Lugo, Obradoiro, Breogán, Cangas. E nese mesmo momento empezamos a traballar na idea de facer un festival de musica que…

[Tocan na porta. É Mónica Reigía, que solicita a presenza de Alberto para solucionar uns problemas técnicos do concerto. «Xa vou», di Pombo. O recital é parte da iniciativa de dinamización da lingua pola que eles tres (Alberto, Mónica e Arcadio) botan as súas horas libres neste centro. Alberto regresa. Tras del, vese un adhesivo: «O Dépor é da Coruña». Aí está, o maior logro deste movemento. Sentado, xa, pregunta: «Por onde iamos?»].

O festival de música Aquí Tamén se Fala. Arcadio mais eu vimos do mundo da música, e resolvemos facer un festival popular, gratuíto. Pero isto implicaba unha estrutura profesional e, hoxe, dicimos que este debe ser o único festival de Europa, ou quizais do mundo, que está organizado profesionalmente pola mocidade, porque temos o maior escenario que se pode contratar na Galiza, porque hai que pagar noites de hotel, billetes de avión, seguridade pola noite para poder controlar o equipo de son… É dicir, é un festival que non funciona en base a «teño un amigo que ten unha banda», senón que ten unha estrutura profesional. E os rapaces están a cargo dela.

Ides camiño da terceira edición. Nós mesmos estamos sorprendidos, porque son 5000 persoas as que cada ano pasan por aí. Pero a principal razón pola que o facemos é porque pensabamos que era un espazo de prestixio para a mocidade, e que tiñamos que demostrarlle a esta rapazada que non ten un familiar galego que lle poida dicir que escoite esta canción ou aquela, que hai unha escena moderna, que move miles de persoas.

Disque hai cola entre o alumnado para formar parte do grupo de normalización lingüística do Dieste. Aquí temos un modelo adaptado á realidade do noso centro. Ti imaxínate o que significa neste pequeno mundo que é o Dieste que Arcadio, xefe de estudos, vaia petar a porta para que un neno poida saír para facer un obradoiro con Nuno Pico, de Grande Amore. Ou porque está fóra Luzes, que quere facer unha entrevista. As familias apoian, ven a presenza dos fillos nos medios e ven que isto é unha máquina imparábel. Chámeste Mohamed ou Sabela, se agora chegas e ti ves que o motor do instituto, no sentido dos que fan cousas guais están ligados a unha cuestión escolar, pois iso provoca un efecto chamada. Cando o habitual é que os nenos emigrantes veñan preguntando como é iso da exención que lles permite estar exentos dous anos de lingua galega, aquí, na primeira semana, xa están pedindo entrar no programa. Aquí hai inmersión, non exención.

«Aquí non lles podes dicir que falen a lingua dos seus avós porque os seus avós falaban quechua, ou aymara, ou wolof»

Facer os nenos protagonistas, facer do galego algo que mole. Claro, a lóxica sentimental con 70% dos nenos de aquí non funciona. Non lles podes dicir que falen a lingua dos seus avós porque os seus avós falaban quechua, ou aymara, ou wolof. É mostrarlles outra face: que aquí hai un mundo feliz e interesante que se expresa en galego. Trátase de crear espazos de prestixio para eles e para o galego.

E, aquí, na Coruña, non hai maior espazo de prestixio para a mocidade que o Dépor. Exacto.

A campaña «O Dépor e da Coruña» acaba de ser converter nun éxito histórico, como se orixinou? Naceu coma unha especie de manifesto para que o Dépor galeguizase o seu nome de cara ao seu 120 aniversario [decembro de 2026], con apoios de moita relevancia: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Federación de Peñas, o dos responsábeis de lingua da Xunta, da Deputación da Coruña e do Concello, a coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística, os excapitáns do Dépor e todos, sen excepción, os institutos públicos da cidade. Foi unha mostra de rotundidade.

Alberto Pombo cunha bandeira do Dépor. Foto de Xurxo Lobato

Que sucedeu de aí en diante? Fomos recibidos en dúas ocasións polo Deportivo e tratados de xeito marabilloso. Nos dous casos fixémoslles saber, en nome dos nosos rapaces, que o plan era seguir coas accións ata que se acadase o obxectivo. Programamos concertos á pé de rúa, repartimos máis de 40.000 adhesivos, fixemos vídeos con 30 referentes en cada un, preparar notas de prensa… Aglutinamos, en resumo, un sentimento de amor moi profundo cara á lingua galega e cara a unha cuestión de plena xustiza: facer que o Deportivo sexa da Coruña.

Houbo dúbidas no camiño ata conseguir o fito? Hai que dicir que non todo o mundo confiou. Era algo tan grande a ollos da cidadanía e do alumnado que parecía que ía ser imposible. Pero nós, todas as veces que nos preguntaron se se podía conseguir, respondemos que o tiñamos por seguro. Pensamos que a xente que dirixe o club ten que estar ao nivel da institución, e nunca foi tan fácil a nivel de porcentaxe de accións [Abanca é propietaria do 99,99% das accións do club] coma agora. Nós tiñamos claro que se a cidadanía mostraba apoio, se saían ás rúas a defendelo, o club ía dar os pasos.

A iniciativa «O Dépor é da Coruña» foi premiada en numerosas ocasións. Si, o Mil Primaveras que xa nos deran en 2023 e que nos deron este mes de novo, pero tamén o Innovagal, un da Comisión de Técnicos de Normalización Lingüística, un que para nós foi moi grande foi o da Cultura Galega…, pero nada xerou a ilusión coma a de que se filtrase a noticia, a través de Javier Guillén, no programa de A Penaltis de Radio Galega, de que o Dépor vai galeguizar o seu nome.

 «Que o Deportivo sexa da Coruña é  unha cuestión de acompañar o sentir social. Levamos dous anos con esta campaña e ata esta última semana non apareceron opinións en contra»

Como de difícil foi dar clase o 15 de abril no Dieste? Pois mira… [risas] eu estaba na casa a noite anterior e Mónica chamoume dicindo: «Entra rápido no WhatsApp! Entra rápido no WhatsApp!». Colgueille no momento e xa vin a noticia. A partir de aí, xa desbordamos. Aconteceu que os estudantes estaban convocados a folga o 15 de abril, polo que no instituto só estabamos os profesores. O teléfono non parou de soar. Os medios de comunicación querían saber. E nós, aí, recoñezo que sentimos moito orgullo e moita gratitude. Porque case todo o mundo identificou que isto fora un traballo da rapazada, un traballo do instituto. E nós sempre dicimos o mesmo: un recoñecemento a Riazor Blues, Federación de Peñas e Old Faces que fixeron a súa parte. Houbo outras accións, coas que só podemos mostrar agradecemento, en cada asemblea de socios, durante décadas. Isto non é algo que se lle ocorreu a uns rapaces de instituto. Pero esta si que foi a única campaña sostida no tempo, que non ía parar ata conseguir o seu obxectivo.

 Festival Aquí Tamén se Fala na Praza da Tolerancia, A Coruña. Foto de Javi Quiroga.

Obxectivo que se conseguiu: o Dépor vai ser, á fin, da Coruña. Todos entendemos as razóns para que o Dépor fose Deportivo de La Coruña, pero hoxe en día era un anacronismo histórico. Que o Deportivo sexa da Coruña é para nós unha cuestión de xustiza e de acompañar o sentir social. A proba de que levemos dous anos con esta campaña e que, ata esta última semana, non aparecesen opinións en contra é outra mostra disto.

 «Eu creo que a mocidade ten ese deber de rebelarse, pero rebelarse é buscar un mundo máis xusto. E, no Dieste, facémolo»

Fas referencia á carta do exalcalde da Coruña, Paco Vázquez, rogando ao club que mantivese «La Coruña» no nome, ou a unha columna do xornalista Bieito Rubido. Con todo, este instituto cun 70% de poboación emigrante acabou por representar mellor á cidade que estas opinións. Iso é positivo. Claro. Nós desligámonos desas opinións porque a nosa campaña comunica en positivo, pero está claro o feito de que os seus discursos non están programados para Galiza; de que, na Galiza, as únicas voces en contra desta campaña veñen alentadas desde Madrid. Xente que está abertamente a favor de tensar a sociedade e con opinións marxinais.

Outro discurso que, quizais, tamén chega dende Madrid é o de que, cada vez, hai máis fascismo nas aulas. Eu vivo na miña burbulla, supoño, que se chama Dieste. E dentro do Dieste nin sequera temos consciencia disto, nin sequera podo dicir que sexa marxinal, pero tamén imaxino que será pola propia natureza que hai nas familias dos alumnos. Non sei como pode ser noutros lugares, pero si creo que, como dicía Salvador Allende, «Ser joven y no ser revolucionario es casi una contradicción hasta biológica». Eu creo que a mocidade ten ese deber de rebelarse, pero rebelarse é buscar un mundo máis xusto. E, no Dieste, facémolo.

 Festival Aquí Tamén se Fala na Praza da Tolerancia, A Coruña. Foto de Javi Quiroga.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail