O señor Dieu e a teoría dos mortos quilométricos

Coñecín o señor Dieu hai agora tres anos, nun outono que máis ben era verán na baía de Bengala. O señor Dieu, que non se apelidaba Dieu pero co que acordei que ese sería o seu nome para os lectores da nosa conversa, entraba e saía dos campos de Thay Chaung. Era o único que sabía como facelo. Tiña a coraxe, un longyi co que cubrir a cabeza e os cartos dabondo para subornar á Policía birmana. Porque daquela, xa en 2014, a minoría rohingya vivía confinada nos campos da baía de Bengala. Só en Thay Chaung había 8.000 persoas. E aquilo era un apartheid: non podían saír dos campos cercados con checkpoints, os médicos bamar negábanse a atendelos e aínda que o hospital estaba a menos dun quilómetro moitos morrían sen recibir asistencia médica. Naquel lugar había desesperanza. Nos ollos do señor Dieu e nos de todas as persoas coas que falamos. Só algún cativo se atrevía a sorrir.

Mais daquela a crise dos rohingya non lle importaba a ninguén. Só xornalistas como Carlos Sardiña (@elgranjuego), autor dos artigos máis interesantes sobre a situación desta minoría e ONGs coma Arakan Project contaban o que estaba a pasar. Foi esta ONG a que me puxo en contacto co señor Dieu.

-Cando chegues a Sittwe (a cidade máis importante do estado Rakhine) chámame.

O señor Dieu tíñao todo preparado. Pediunos 20 dólares para convencer os policías birmanos que nos deixaran pasar e algo máis de 150 para o 4×4 e o seu pago. Incluso nos fixo «un cariño». Ben sabía que non tiñamos os medios ni os cartos como as televisións francesa e belga que estiveran en Thay Chaung a semana anterior. En España, aos medios non lles parecía interesante esta historia. Só o diario Gara, Ctxt e Luzes encontraron un oco para o que estaba a acontecer en Birmania dende 2012.

-Isto ata que veñan os americanos a facer un película dentro de dez anos non lle vai importar a ninguén, vaticineille ao meu compañeiro Alberto, que non é xornalista pero ten traballando comigo nesta e noutras reportaxes durante as súas vacacións.

Non fixeron falta dez anos, nin tampouco un filme de Steven Spielberg, bastou con que os malos augurios do señor Dieu e os outros vellos de Thay Chaung se cumprisen: naquel novembro de 2014 xa sabían que os mozos rohingya que marcharan a Bangladesh ían volver radicalizados. Os «muyahidines de Arakan». E con eles a resistencia deixaría de ser pacífica. Cando o exército birmano respondeu desproporcionadamente á insurxencia rohingya -coa complicidade da Nobel da Paz Aung San Suu Kyi– provocando a maior crise de refuxiados dos últimos tempos, a situación desta minoría por fin atopou un oco nos medios: as imaxes de nenos famentos, sucios, coa cara chea de barro e a desesperanza, a que aínda esquivaban en Thay Chaung tres anos antes, coouse nos informativos. Foi un minuto, pero foi algo.

Cando vexo estas fotos non podo evitar preguntarme se fai falta que as traxedias se desborden para que volvamos a vista a elas. Pasou antes cos yazidis: o que ocorría en Sinjar non interesaba ata que os norteamericanos tiveron que intervir para liberar a esta minoría das masacres do ISIS. Daquela os editores que rexeitara a nosa historia chamaron interesándose. Volveume pasar agora, co que ocorre en Somalia. A quen carallo lle importa que diariamente morran decenas de persoas nos ataques terroristas do interior do país se o peor atentando da súa historia, con máis de 300 mortos, non ocupou as portadas?

E eses son só os casos que coñezo de primeira man, pero hai moitos máis: quen fala do que está a pasar en Iemen ou na República Democrática do Congo? Acaso son todos os mortos iguais? Pois non sexamos hipócritas. Non o son. Alomenos non no mundo no que nos movemos. E no que estamos moi a gusto. Impórtannos máis as vítimas en Londres ou en Boston que en Sudán do Sur ou Pakistán. Por simple afinidade. Porque podémonos poñer na pel de alguén que viva en Europa ou Norteamérica, mais cústanos imaxinarnos nun poboado africano ou nas costas anegadas do Andamán. É o que nas facultades de xornalismo se traduce como «teoría do morto quilométrico»: á xente interésalle máis o que acontece preto de eles. Psicolóxica ou fisicamente. É a condición humana. Ou a educación. Quizais ambas as dúas.

O debate agroma tras de cada atentado. Entre os que rechían en Twitter a lista de mortos do Terceiro Mundo e a mirada estreita dos que non queren albiscar o que hai alén da burbulla. Atrapados uns e outros no paradigma imposto. Acaso alguén pensou que quizais o problema radique no xeito que temos de medir os quilómetros?

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail