Enfermos mentais graves ingresados en residencias galegas de maiores agriden aos anciáns

A Coruña.- Traballadores e usuarios de residencias galegas, algunhas xestionadas por empresas privadas, denunciaron agresións e malos tratos a persoas maiores residentes por parte de pacientes psiquiátricos con patoloxías graves que a Xunta ingresa nelas.

A oposición, os inspectores de servizos sociais, as asociacións de familiares e usuarios levan meses alertando de que pola falta de recursos en saúde mental a Xunta estaba a derivar ás residencias de maiores a eses enfermos.

O pasado 8 de agosto a Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia REDE recolleu a denuncia de María José Esperón, unha muller de 83 anos que vive no centro residencia de atención a persoas dependeientes (CRAP) número 2 de Vigo que asegura ser agredida en varias ocasións.

«A deste domingo último [polo 6 de agosto] foi terrible, empurrada , tirada ao chan, e rabuñada por unha moza de non máis de 40 anos con problemas psiquiátricos que está ingresada tamén nesta residencia», narraba a afectada, quen afirmou sufrir unha crise de ansiedade que lle paralizou a fala temporalmente.

Pechada na súa habitación

«Eu teño 83 anos e teño que vivir na miña habitación pechada por medo a estas persoas con trastornos psiquiátricos… Eu non estou, nin moito menos, en contra destas persoas, por favor, pero só pido que cada un esteamos nos sitios adecuados, e aquí non podemos convivir persoas maiores con persoas con trastornos psiquiátricos», engadía.

«Teño 83 anos e teño que vivir na miña habitación encerrada por medo a estas persoas con trastornos psiquiátricos»

«O que ocorre nesta residencia pública é o desastre máis grande que vin na miña vida (…) Ingresadas, nestes momentos, hai máis xente de psiquiatría que persoas maiores”, seguía. “Isto é un psiquiátrico sen psiquiatras e as persoas maiores teñen medo», concluía.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitando un centro de maiores en Panxón, en Nigrán (Pontevedra) / Foto: Xunta

Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Política Social e Xuventude, que dirixe Fabiola García, para tratar de obter a versión oficial dos feitos, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

En novembro do ano pasado, a Asociación Galega de Inspectores de Servizos Sociais (Agiss) advertiu de que a Xunta estaba a converter algúns centros en «bombas de reloxería» polos ingresos de maiores con patoloxías mentais graves que non ían acompañados da necesaria dotación de recursos e profesionais para facerse cargo deles.

Enfermos menores de 65 anos

Catro meses despois, e respondendo a unha pregunta parlamentaria da deputada socialista Marina Ortega, Política Social negouse a informar de cantos maiores de 65 anos con patoloxías mentais foran ingresados nas residencias, e defendeu que estas tiñan o mesmo dereito a unha praza que calquera persoa da súa idade.

Pouco despois, as traballadoras de varias residencias denunciaron que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) empezara a derivarlles enfermos de psiquiatría menores de 65 anos, e que tanto o persoal como os usuarios e as familias tiñan «medo» de que puidesen alterar a conviviencia nos centros.

«É un disparate mesturar nos centros de atención residencial a persoas maiores con persoas que teñen patoloxías psiquiátricas graves»

«É un disparate mesturar nos centros de atención residencial a persoas maiores con persoas que teñen patoloxías psiquiátricas graves», asegura Ortega, quen engade que se trata de «unha decisión desesperada» da Xunta «pola falta de recursos» humanos saniarios suficientes. «Non é unha decisión técnica, é unha decisión política provocada pola omisión do deber de dar solucións a quen padece problemas psiquiátricos graves», engade.

O departamento de García tamén afronta este verán as denuncias dos inspectores de Servizos Sociais, que acusan á Xunta de facilitar que se produzan filtracións sobre a súa actividade que permitirán aos xestores das residencias coñecer con antelación a data e hora das inspeccións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail