Cando estiven de Erasmus na universidade de Galway, en Irlanda, tiven a sorte de poder escoller unha clase que non estivese directamente relacionada ca miña atroz carreira (Dereito, resultoume infumable e alégrome moito de non tela xa preto), así que rematei rodeada de yankees louras de intercambio en «European Woman’s Studies» (Estudos da muller europea). As cousas que dabamos eran básicas, de primeiro de feminismo, pero as discusións coa profesora eran interesantes e no canto de exame puiden facer un traballo sobre o que me petara, así que decidín contrastar o caso da manada cun caso en Irlanda do Norte co que gardaba moitas similitudes: o «Rugby Rape Trial». Neste último, os xogadores dun equipo de rugby (que carallo, vou dicir os nomes: Paddy Jackson, Stuart Olding, Blane McIroy e Rory Harrison) foron acusados de violación nun caso cheo de probas na súa contra e no que a víctima non tiña absolutamente nada que gañar e todo que perder. Saíron absoltos, por certo.
O título do meu traballo era: «Como ser a vítima perfecta: a respectabilidade como concepto de xénero». A miña conclusión foi a seguinte:
De acordo co nivel de escrutinio que as vítimas destes casos sufriron, unha muller vítima de violencia sexual debe:
- Vestir dunha forma convencionalmente «apropiada», non buscar chamar a atención
- Non consumir voluntariamente ningún tipo de droga (alcol, marihuana, etc.)
- Non camiñar soa pola noite (as mulleres quedan excluídas do espazo público)
- Nunca estar na compañía non supervisada de homes (supervisión de quen?)
- Dicir un claro e en todo momento firme «non» ao agresor
- Escapar ou loitar tanto como sexa posible (aínda que es expertes advirten que isto último aumenta significativamente as posibilidades de ser asasinada)
- Berrar e pedir axuda durante a agresión
- Denunciar o abuso ás autoridades o máis rápido posible
- Someterse a un exame médico o máis rápido posible
- Proporcionar o maior volume de probas posible
- Ter un claro e exacto recordo dos feitos, transmitido de forma precisa pero non fría, emotiva pero non demasiado emotiva
- Interpretar o papel de vítima, estar pública e visiblemente afectada indefinidamente.
O que a min máis me abraiaba era o preto que estaban ambas vítimas, a do caso da manada e a do caso dos do rugby, de ser a vítima perfecta. Seguiron cada paso: tiñan as probas, tiñan o exame médico, tiñan mensaxes de texto incriminantes por parte dos agresores. Pero, ah. Saíron de festa. Ah. Non loitaron abondo. Ah. Teñen unha vida máis aló da súa vitimización. Ambas vítimas sufriron un grande escrutinio a cada paso do seu camiño, desde na opinión pública ata nos xulgados. A rapaza da manada acadou unha xusticia frouxa e desganada, condicional e con asteriscos. A do caso dos xogadores de rugby, nin iso. E creo que por dedicarlle tantas horas a darlle voltas a isto nunca me acabou de sorprender o absoluto vilipendio de Amber Heard.
Amber Heard sempre existiu demasiado lonxe da vitimización perfecta como para que socialmente tiveramos a capacidade colectiva de dedicarlle a máis mínima honestidade intelectual ao seu caso. Muller bisexual, nova e aparentemente nada incómoda na súa sexualidade, estaba condenada desde que se atreveu a abrir a boca. E os seus verdugos sociais proviñan de todos os puntos do espectro político: moita xente cuxo criterio persoalmente respectaba posicionouse contra Amber. E ata eu, na miña propia defensa de Heard nas redes ou en conversas persoais sobre o recente xuízo entre ela e Johnny Depp, vinme obrigada a facer unhas declaracións máis descafeinadas do que é habitual en min, sempre sentindo que debo aceptar e proclamar que ela non debe ser boa persoa ou debo criticar aspectos do seu comportamento de forma explícita; non se me pode esquecer o pouco perfecta que é como vítima en ningún momento. Círculos supostamente feministas nas redes discutían a importancia de lembrar que as mulleres tamén menten, como dándolle espazo ao discurso de que si, o feminismo xa foi demasiado lonxe e estamos nun punto no que a sociedade cre as mulleres de máis. En que mundo vivimos, exactamente? O MeToo meteu a catro matados de Hollywood con montañas de vítimas (moitas delas, ricas e privilexiadas) no cárcere e de repente vivimos nun mundo diferente ao que publicou a dirección da vítima da manada? Se o feminismo se pasou tanto da raia, alguén me pode explicar a resposta social ao caso dos xogadores de rugby, no que a identidade da vítima foi publicada e recibiu ataques públicos de miles e miles de persoas durante meses?
Depp fala con Paul Bethany sobre querer afogar a Heard, queimala, e violar o seu cadáver para asegurarse de que está morta. O meu amigo Mike dime: «Un colega meu díxome que é normal dicir eso dunha pava que te trata mal. Pero non sei. Eu nunca tiven un pensamento parecido na miña vida. Xamais se me pasaría pola cabeza sequera».
Depp chama a Heard, «sucia puta que non vale nada» e refírese a ela como ugly cunt, sendo cunt a palabra que os estadounidenses consideran o peor que se lle pode chamar a unha muller. «Choro no meu baño unha semana despois de deixarte porque me deches unha malleira», di Heard nunha gravación. «Cometín un enorme erro. Non o volverei facer», contesta Depp. Depp usa insultos homófobos para referirse a Heard. Heard ten fotos dos golpes. Fotos nas que lle faltan guechos de pelo. A asistente de Depp mandoulle unha mensaxe a Heard: «Cando lle dixen que el te pegara, chorou».
Depp hai un mes que chegou a un acordo cun traballador do set de City of Lies que o denunciou por darlle dúas puñadas, por unha cifra descoñecida. Ten máis escándalos ao longo da súa carreira que contan unha historia dun home impulsivo, violento, cun comportamento caótico e agresivo.
Pero o crime de Heard era moito peor. Heard tivo o descaro de non ser a vítima perfecta.
Dá igual que ela tivera 23 anos e el 46 cando se coñeceron. Dá igual que el fose un dos actores máis famosos, respectados e mellor pagados do mundo. A abismal distancia na dinámica de poder entre eles dous e o historial de violencia del son irrelevantes contra o feito de que Amber Heard non é un doce, submiso e adorable anxo. Amber Heard devolveulle algún golpe. Amber Heard tamén lle falou mal a el. Amber Heard burlouse de Johhny Depp. O abuso reactivo non existe para Amber Heard, Amber Heard non pode estar reaccionando aos ataques de Depp porque se loita, se devolve os golpes, se mostra en algún momento a capacidade de mentir ou ser manipuladora, todo dá igual. Porque Heard nunca foi a vítima perfecta nin nunca o será. É cruel e mostra comportamentos tóxicos. E ese tipo de mulleres non poden ser vítima. Só agresor.
Quen seguiu coidadosamente o caso facendo o posible por evitar a constante propaganda pro Depp que enchía os nosos feeds e os nosos «para tis», veu unha historia de abusos ben documentada e sobradamente probada. Quen seguiu o caso nas redes veu a conta da aplicación para aprender linguas Duolingo posicionándose a favor de Depp. Veu mulleres e homes banalizando e burlándose do testemuño de violencia sexual que deu Heard contra Depp. A extrema dereita estadounidense dedicoulle miles e miles de dólares a estender propaganda anti Heard e pro Depp. Eses miles de dólares son un investimento nunha narrativa que hai xente que de verdade se deixou convencer de que xa desaparecera: a narrativa de que as mulleres, de forma habitual, menten sobre a violencia que sofren en mans de homes. Pero é que todo o mundo pensa que as mulleres menten. Ata certas persoas autodeclaradas feministas estaban encantadas de poder estar de acordo con todo o mundo. É como se certas persoas, no fondo, considerasen que afastarse de Heard as protexe das violencias do patriarcado, porque se hai unha forma correcta de ser victimizada, hai forma de vivir cómoda como muller dentro dunha sociedade profundamente misóxina. Se criticas a Heard é porque non te pareces en absoluto a ela. Todo o mundo é feminista ata que chega o momento de considerar un caso de violencia cara unha muller complicada. Ao final do día, é máis fácil existir nun mundo no que nos aferramos á posibilidade de se acadamos certo nivel de respectabilidade, seguro que nos cren. Seguro que nos protexen.
Un psiquiatra diagnosticou a Heard cun trastorno da personalidade despois dun par de horas de conversación e citou ser «demasiado feminina» (overly girly) como un dos seu síntomas. Depp intenta vender a narrativa de que este ataque por parte de Heard é un complicado plan para así aumentar o seu perfil e beneficiar a súa carreira, cando ninguén é capaz de falarme dunha soa desas misteriosas e míticas mulleres cuxa carreira se veu beneficiada por sacar á luz abusos por parte dun home poderoso. Ata homes sofren por denunciar agresións: Brendan Fraser acusou a un poderoso home de Hollywood de abuso e tardou anos de ser capaz de conseguir un papel na industria. Homes que botan as mans a cabeza ca cultura da cancelación gozaban coa idea de Heard perdendo o seu papel en Aquaman por acusar a Depp. O máximo ao que pode aspirar unha persoa que acusa a un home poderoso de calquera tipo de violencia é que a súa vida non se volva drasticamente peor. O peor, nas palabras da propia Heard, é recibir a ira de toda unha sociedade.
O MeToo foi un movemento social cunhas vitorias francamente pequenas que sacrificou un par de homes grandes e malos para que ao final todo seguira practicamente igual. A sociedade non cambiou tanto. E é que na lista de características da vítima perfecta do meu traballo da universidade había unha cousa máis:
- Asegurarse de que ao facer a historia do abuso pública, a vítima non está prexudicando a reputación ou potencial (profesional, familiar, etc.) do agresor.
E igual ese é o centro de toda esta historia, non? O nebuloso e abstracto concepto da reputación dun home é moito máis valioso que o benestar material dunha muller. A sociedade sempre vai castigar a unha muller que non senta e cala, unha muller que responde, unha muller que é humana. E o precedente para a particular marca de ostracismo social que se xerou ao redor de Amber Heard xa está asentado. Marilyn Manson denuncia a Evan Rachel Wood, que leva anos falando do maltrato que recibiu a mans dun Manson de 37 anos recén entrada ela na maioría de idade, sen que existan nas redes particulares esforzos para cancelalo. Brad Pitt contrata o mesmo grupo de publicistas que Johnny Depp e denuncia a Angelina Jolie.
Claro que as mulleres menten, os homes non teñen un monopolio no rango completo de condutas humanas. Pero as probas apuntan a que a versión de Heard estea máis cerca da realidade que a de Depp (sobre todo despois das seis mil follas de documentos selados do xuízo que se publicaron, onde podemos ver as fotos dixitalmente alteradas que Depp quixo introducir como proba, entre outras moitas cuestionables tácticas). Non hai xustiza para as malas vítimas. E non hai xustiza para as boas tampouco. Non hai xustiza.