A Coruña.- O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, mentiu onte no Congreso das Deputadas cando dixo que nos seus tempos de presidente da Xunta con maioría absoluta nomeara á fronte da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) ao candidato proposto polo PSOE.
«Expuxen unha terna ao PSOE para que me axudasen a elixir o director da CRTVG. E sabe cal é o director da televisión? O que elixiu o PSOE», dixo na tribuna do Congreso para cualificar de «boato» as denuncias de traballadores, sindicatos, oposición e profesionais dos medios sobre a manipulación nos medios públicos de Galicia durante os seus mandatos e os de Alfonso Rueda.
O director da CRTVG é Alfonso Sánchez Izquierdo, a quen os traballadores levan anos denunciando por converter os servizos informativos da casa no altofalante dos gabinetes de comunicación da Xunta e do PP, por censurar a oposición política e por perseguir xornalistas non afíns. De feito, el e outros oito executivos e executivas da súa dirección están imputados por un xulgado do Penal de Santiago por acosar e vulnerar os dereitos dunha traballadora crítica.
Sánchez Izquierdo tomou posesión do seu cargo o 28 de maio de 2009; é dicir, poucas semanas despois de que Feijóo accedese á presidencia da Xunta tras gañar as eleccións autonómicas dese ano por maioría absoluta. O mesmo día do seu nomeamento, a oposición escenificou un plante no pleno do Parlamento de Galicia para mostrar a súa desconformidade co que o PSOE cualificou daquela de «paripé» e de «nomeamento unilateral». Para o BNG foi unha «mascarada» xurdida dun procedemento «infestado de irregularidades», como recolleron as crónicas xornalísticas daquel momento.
La Región de Ourense
Alfonso Sánchez Izquierdo (Sidi Ifini, Marrocos, 1949) é licenciado en Dereito e en Ciencias da Información, e antes da súa chegada á televisión pública desenvolvera toda a súa carreira profesional no diario La Región de Ourense, do que foi director ata 2008.
La Región é un xornal conservador que baixo o mando de Sánchez Izquierdo se converteu nun dos principais defensores do baltarismo, a rede corrupta e clientelar que teceu a familia Baltar na provincia durante os mandatos de Xosé Luis, pai, e Manuel, fillo, á fronte da Deputación e do PP ourensán. A súa liña editorial, antes, durante e despois da súa etapa como director, está axustada á defensa dos postulados do Partido Popular.

En 2011, Feijóo pactou coa oposición unha lei dos medios públicos audiovisuais de Galicia que estableceu que o director da CRTVG debería ser elixido por maioría cualificada de dous terzos dos deputados e deputadas do Parlamento de Galicia. Pero a lei nunca chegou a cumprirse porque nin Feijóo nin Rueda dispuxeron nunca desa maioría. Así, Sánchez Izquierdo mantense no cargo desde hai máis de 15 anos.
Durante o seu mandato acumula centos de sentenzas en contra por vulnerar os dereitos laborais dos traballadores, represaliar xornalistas críticos, rebentar folgas feministas con servizos mínimos ilegais, por despedimentos nulos e discriminación de xénero. A Xunta Electoral tamén condenou a CRTVG en numerosas ocasións por favorecer ilegalmente ao PP durante as campañas electorais.
«Liberemos a Galega»
Desde hai máis de cinco anos, os traballadores da CRTVG adscritos á plataforma Defende a Galega maniféstanse todos os venres e acoden aos seus postos vestidos de negro para denunciar a súa situación. A semana pasada, 35 asociacións civís iniciaron unha recollida de sinaturas baixo o lema «Liberemos a Galega», unha iniciativa lexislativa para acabar co que cualifican de «secuestro dos medios públicos» por parte do PP.
Na súa intervención deste mércores no Congreso, Feijóo tamén acusou a Sánchez de lanzar un «boato» sobre a suposta censura de Fariña, o libro do xornalista Nacho Carretero que desvela os vínculos do PP galego con narcotraficantes como Marcial Dorado durante os anos 80 e 90, e de cuxo éxito a audiencia da CRTVG tivo que decatarse a través dos medios privados dada a nula difusión que tivo nos públicos.
Sucedeulle o mesmo aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores de Meirás. Un pazo. Un caudillo. Un espolio, o libro que desvelou a trama corrupta que lle permitiu a Francisco Franco manter durante anos a propiedade das Torres de Meirás e cuxas investigacións permitiron ao Estado documentar o roubo do inmoble diante dos tribunais para poder devolvelo ao patrimonio público. Babío e Pérez Lorenzo denunciaron no seu día que a CRTVG nunca se fixo eco do seu publicacion nin do seu contido.
Sen respostas
Feijóo tamén acusou o presidente do Goberno de non someterse ao escrutinio da prensa, e xactouse de que mentres foi presidente da Xunta el si respondeu «a todas as preguntas» que lle fixeron «todos os medios».
É mentira, ou como pouco unha verdade a medias. Durante os seus 13 anos de mandato, Luzes-Público solicitoulle reiteradamente unha entrevista que nunca concedeu, nin sequera en período electoral.
Tampouco quixo responder as reiteradas ofertas deste diario para explicar as adxudicacións dos seus gobernos ás empresas da súa irmá e do seu cuñado. Tampouco as relativas aos máis de 45 millóns de euros que entregou aos propietarios de diarios de Galicia mediante convenios a dedo para atraer o seu favor editorial.