A Coruña.- A onda de calor que asola a Península Ibérica esta semana podería deixar temperaturas próximas aos 40 graos en Ourense, provincia que rexistrou no actual ano hidrolóxico —de outubro a setembro— o seu récord de precipitacións no último cuarto de século.
Ourense ten unha peculiar situación climática. Aínda que Galicia é un país cun clima oceánico —temperaturas suaves todo o ano con veráns frescos e curtos e invernos chuviosos e tépedos— , o clima de Ourense aseméllase máis aos sistemas mediterráneos de estíos secos longos e calorosos. Este ano, con todo, a provincia parece achegarse aos sistemas subtropicais, que adoitan ser cálidos e chuviosos durante todo o ano.
Segundo informa o diario La Región, a demarcación Miño-Sil rexistrou 1.440 litros por metro cadrado. O récord anterior estaba na tempada 2000-2001, con 1.891 litros. De feito, transcorrido case un mes de verán, os encoros da provincia están ao 80% da súa capacidade, cando nos dez anos anteriores a media non chegaba ao 70%.
«O dos encoros vén dun inverno e sobre todo unha primavera moi chuviosos», asegura Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia, a axencia meteorolóxica da Xunta. «O clima defínese en medias de 30 anos e dicir que un episodio concreto dun ano se debe ao cambio climático é aventurado, pero o que si estamos a ver é unha gran desorganización meteorolóxica, con períodos longos sen choivas e outros repentinos de gran intensidade», engade. «E o conxunto desas situacións fóra da media si pode ser un indicio dos efectos do cambio».
Sensación térmica de 50 graos
Non é a primeira vez que no interior da provincia de Ourense se roldan os 40 graos. En xullo de 2013 chegouse aos 45, e no mesmo mes en 2016 a sensación térmica na capital alcanzou os 50 graos pola humidade e a falta de brisa.
En anos recentes chegou a ter as máximas das capitais de provincia de Europa, por encima de cidades consideradas moito máis tórridas. Pero esas temperaturas elevadas continuadas coinciden agora cunha tempada de choivas especialmente longa e intensa, cuxo último episodio se rexistrou na madrugada do pasado luns.
O 21 de marzo deste ano, en pleno inverno, Meteogalicia rexistrou en Ourense cidade 29,8 graos, a temperatura máis elevada de toda España ese día, onde só se superaron os 28 graos en Motril (Granada) e no Exido (Almería). Os termómetros só subiran tanto nese mesmo mes en dúas ocasións anteriores desde que existen rexistros de temperatura na cidade.
A peculiar situación climática de Ourense débese a que é a única provincia galega afastada do mar, de cuxos ventos e influencia «non a separan grandes cordilleiras», pero si alturas de entre 800 e 900 metros, como lembra Taboada. A súa capital está nunha especie de «pozo climático», o que forma o val do sistema Miño-Sil. «Todos os elementos conspiran», engade o experto.
A Limia
A situación do actual ano hidrolóxico nalgunhas comarcas da provincia tamén é de récord. Na Limia, por exemplo, unha das zonas agrícolas máis importantes de Galicia e onde tamén adoitan darse temperaturas extremas, rexistráronse en menos de dez meses máis de 1.700 litros de auga de choiva por metro cadrado, cando no anterior ano máis chuvioso a estas alturas non se superaron os 1.500.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) advertiu da chegada a toda a Península a partir do próximo mércores dun anticiclón que traerá un «episodio xeneralizado de temperaturas moi altas para a época», algo que, segundo asegura un dos seus expertos, Juan Jesús González Alemán, vai convertela en «sucursal do [deserto do] Sahara».
Desde o ano 2004, Aemet activa cada verán entre xuño e setembro o seu plan de prevención contra os efectos das altas temperaturas. O Ministerio de Sanidade realiza tamén unha serie de recomendacións aos cidadáns entre as que figuran hidratarse con frecuencia, prestar especial atención a bebés, menores, embarazadas e maiores; reducir a actividade física e evitar a exposición ao sol nas horas de máis calor.